A dobre volta de porca do Tribunal Supremo respecto ó AXD

O pasado día 18 de outubro de 2018 a Sala Terceira (do Contencioso Administrativo) do noso Alto Tribunal, veu a ditar unha sentencia sobre o imposto de actos xurídicos documentados que cambiaba un criterio que se veu modificado ó longo destes tres últimos anos. Un criterio que se viña mantendo nunha xurisprudencia uniforme e consolidada dos tribunais nacionais e que no ano 2015 foi posta en dúbida pola Sala Primeira.

Isto non é unha cuestión menor, o Tribunal Supremo está composto por cinco Salas correspondentes a cada un dos ordes xurisdicionais. Cada Sala como é obvio ten asignado o coñecemento dunha materia concreta, é dicir, a Sala Primeira do Civil, a Segunda do Penal, a Terceira do Contencioso Administrativo, a Cuarta do Social e a Quinta do Militar. Parece absurdo e de todo ilóxico, que a Sala Primeira que coñece no orde civil, se poña a resolver cuestións de tipo tributarias como foi o caso, algo que corresponde unicamente a Sala Terceira. É certo que unha decisión que se tome para ditar unha sentencia en calquera das referidas pode chegar afectar a doutrina sentada polas outras, se ben o mínimo que debeu facer a Sala Civil no momento en que tiña que tratar algo que se lle escapa a súa competencia, era pedir un informe sobre tal cuestión a Sala competente para resolvelo, a Sala Terceira. Isto non foi así, a Sala Primeira decidiu cambiar a doutrina seguida dende o ano 92, respecto a interpretación do regulamento e da lei do imposto de AXD no que a constitución de préstamos hipotecarios se refire.

Sen embargo o anterior, en sentencia ditada polo Pleno do Tribunal (incluíndo por tanto o Presidente da Sala do Contencioso Administrativo) este marzo, concluíse mediante pronunciamento 148/2018, que o suxeito pasivo do imposto era o prestatario. Isto é, o Pleno, facendo referencia a doutrina sentada pola Sala Terceira, chega a mesma conclusión, a quen lle corresponde pagar o imposto de actos xurídicos documentados é o consumidor que solicita o préstamo hipotecario. Neste sentido os artigos 8 e 15 da lei do imposto de actos xurídicos documentados sinalan: “Está obrigado ó pago do imposto a título de contribuínte, e calquera que sexan as estipulacións establecidas polas partes en contrario:
c) Na constitución de dereitos reais, aquel a favor de quen se realice o acto.
d) Na constitución de préstamos calquera que sexa a súa natureza, o prestatario.

Ate aquí a comprensión non debería plantexar ningún problema. Nos casos de dereitos reais coma a hipoteca, esta constitúese en favor do banco e polo tanto debería ser a entidade a que pagase o imposto. Sen embargo, o artigo 15 do mesmo texto precisa esta cuestión expoñendo: “a constitución de fianzas e dos dereitos de hipoteca, prenda e anticresis, en garantía dun préstamo, tributaran exclusivamente polo concepto de préstamo.” Tendo isto en conta, en vez de irnos a letra c) do artigo anterior, deberemos incardinarnos na d), correspondendo de esta forma o pago o prestatario-consumidor.

A esta conclusión chega a groso modo o Pleno do Tribunal en marzo de este ano. O chocante aquí é, que nada mais e nada menos que 7 meses despois, o cambio de criterio sexa total.

Como sinalábamos ó principio, este 18 de outubro a Sala Terceira do Alto Tribunal desdíxose da doutrina que viña sentando nos últimos anos, retrotraéndose o ano 2015 respecto as manifestacións que fixera a Sala do Civil en base ó imposto, sementado de paso o pánico no Ministerio de Facenda. Non se pode deixar de ver que nun rango de 3 anos existe un cambio de criterio de ata en tres ocasións, conculcando de esta maneira o principio de seguridade xurídica. O pronunciamento foi advertido inmediatamente nos mercados, nos que as entidades financeiras tiveron un importante descenso o xoves. Ata aquí xa bastante reprobable é o funcionamento tan oscilante dun Tribunal coma o Supremo. Pero aínda con todo, o venres día 19, sácase comunicado no que se  sinala “que pola influencia tanto económica como social que ten o pronunciamento” será revisado polo Presidente da Sala Terceira, o Señor Luis María Díaz-Picazo.

Do anterior, pódese facer unha dobre lectura, ou ben se trata de erros encadeados consecutivos uns de outros; ou por outro lado, é un pronunciamento dirixido, encamiñado á concesión ou modulación dos gastos os prestatarios con unha aparencia cara Europa, debendo ter presente que a día de hoxe o Tribunal de Xustiza da Unión ten pendente a cuestión con índice IRPH, tema controvertido tamén na banca española.

Deixando esta última reflexión de lado, e volvendo ó tema que aquí nos ocupa, á análise da sentenza do día 18 aínda está pendente da revisión por parte do Presidente da Sala, neste punto a actividade revisora do órgano unicamente pode entrar en cuestións meramente materiais, pero non no fondo do asunto. Non se pode entender que a revisión da sentenza poida acabar con un pronunciamento totalmente contrario.

Non se espera que a incidencia no sistema bancario poda ser tal como a que se pretende dar a ver, todas estas cuestións deberían esta correctamente aprovisionadas polas propias entidades. Queda pendente ver como se desenvolve os acontecementos ó largo da semana próxima respecto as manifestacións da propia Sala.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.