Este artigo forma parte dunha serie titulada A economía galega: breve balance das tres últimas décadas e perspectivas de futuro. Podedes ler os artigos anteriores nestas ligazóns: I, II, III, IV, V, VI e VII
Innovar cos pés na terra, e pensármonos como centro económico
Deixamos de ser un país pobre e atrasado, pero mantermos trazos dunha economía da periferia europea contemporánea, moi diferentes aos dos anos 60 e 70, pero periferia ao fin e ao cabo
Neste traballo quixemos facer un breve repaso dos principais cambios económicos acontecidos en Galicia nos últimos trinta anos. Comezamos cuestionando algúns dos arquetipos preconcibidos sobre a nosa economía e do país en xeral. Galicia xa non é aquela sociedade rural e agraria de antano e a súa estrutura produtiva experimentou modificacións propias das economías avanzadas da nosa contorna. En todo este tempo e como vimos, fomos quen de mellorar claramente o noso benestar económico e social até o punto de reducir as diferenzas históricas, e nalgúns casos superalas, respecto aos nosos veciños españois e europeos. Do mesmo xeito a nosa industria amósase máis competitiva que a industria española e acadou niveis de diversificación máis elevados dos que comunmente se pensa. Todo isto aconteceu a medida que se producían dous procesos clave dende o punto de vista histórico e institucional e que son en primeiro lugar a chegada e consolidación das institucións propias e do autogoberno, asumindo boa parte da prestación dos servizos do estado do benestar, e en segundo lugar a entrada na actual Unión Europea.
Sen embargo, a pesares dos anteriores avances a economía galega segue ocupando unha posición secundaria no contexto español e europeo. Nos últimos trinta anos fomos perdendo peso demográfico e económico o cal ten evidentes consecuencias en moitos outros ámbitos. Deixamos de ser un país pobre e atrasado, pero mantermos trazos dunha economía da periferia europea contemporánea, moi diferentes aos dos anos 60 e 70, pero periferia ao fin e ao cabo.
O principal factor que explica esta situación é seguramente a escasa capacidade innovadora da nosa economía e que se manifesta, entre outras evidencias, nunha incapacidade por reter e atraer capital humano de alta cualificación e actividades vinculadas ao terciario moderno
O principal factor que explica esta situación é seguramente a escasa capacidade innovadora da nosa economía e que se manifesta, entre outras evidencias, nunha incapacidade por reter e atraer capital humano de alta cualificación e actividades vinculadas ao terciario moderno. Actividades vinculadas non só aos servizos a empresas máis directamente vinculados coa innovación, como son os os servizos de investigación e desenvolvemento ou os servizos de enxeñería, senón tamén actividades baseadas na creatividade como as propias da industria cultural e outras actividades profesionais.
Mais non sería de recibo rematar este traballo coa xa tradicional perspectiva pesimista da nosa economía pois do mesmo xeito que existen fraquezas, existen tamén fortalezas como as que posibilitaron a mellora nestes tres decenios así como oportunidades que debemos aproveitar nos vindeiros anos. Sen ánimo de ser exhaustivo e entendendo que un diagnóstico propositivo para a mellora da economía galega necesitaría un traballo máis profundo, indicaremos varios aspectos que consideramos clave a este respecto.
Existen tamén fortalezas como as que posibilitaron a mellora nestes tres decenios así como oportunidades que debemos aproveitar nos vindeiros anos
O primeiro refírese á necesidade de innovar a partir do que somos e do que posuímos, que non é pouco. A economía galega non pode competir en sectores de alta tecnoloxía mais si o pode facer en moitos outros nos que temos amosado o noso bo facer historicamente e nos últimos anos. Referímonos, só a modo de exemplo, ao sector da alimentación vinculado ao mar e ao agro, onde é conveniente focalizar unha parte destacada dos recursos de apoio á innovación. A aposta pola diferenciación baseada na vinculación ao territorio e á cultura propia, pero achegando novos formatos de comercialización (mercados de proximidade) e estando atentos ás grandes tendencias do mercado (produtos funcionais, ecolóxicos, etc) debe ser unha estratexia a seguir. Para iso debemos poñer os nosos recursos científicos e humanos ao servizo do tecido produtivo, e moi particularmente ás universidades.
A economía galega non pode competir en sectores de alta tecnoloxía mais si o pode facer en moitos outros nos que temos amosado o noso bo facer historicamente e nos últimos anos
É tan só un exemplo pero a estratexia, coas súas particularidades, non debería ser diferente noutros moitos sectores tales como industria da madeira e forestal, a de produtos metálico ou a enerxética, onde a nosa vantaxe competitiva non pode seguir sosténdose case unicamente na dotación de recursos naturais ou en menores custes laborais. Redunda dicir que a implicación das institucións do país, con competencias xa desenvolvidas no ámbito das políticas de innovación, é clave para poder artellar unha estratexia acaída á realidade do noso tecido económico.
O segundo factor ten que ver co artellamento interno e coa comunicación do pais co exterior. Como xa vimos, outro dos grandes cambios acontecido en Galicia nos últimos decenios é o da conversión nun país máis urbano onde o dinamismo económico e demográfico se concentra no eixo atlántico. Trátase dunha nova realidade sustentada nun sistema poliurbano e que non parecemos ter ben en conta ao establecer as nosas prioridades en materia de infraestruturas. Neste sentido e a modo de exemplo, chama a atención como dende os instancias políticas, sociais e empresariais se lle presta máis atención á comunicación ferroviaria con Madrid, que non mellora substancialmente as alternativas que xa existen, que á propia estruturación interna.
Imos tardar practicamente o mesmo en ter unha comunicación de velocidade alta entre as principais cidades do eixo atlántico, no que diariamente se desprazan centos de miles de persoas, que entre algunhas destas e a capital do Reino
O resultado é que imos tardar practicamente o mesmo en ter unha comunicación de velocidade alta entre as principais cidades do eixo atlántico, no que diariamente se desprazan centos de miles de persoas, que entre algunhas destas e a capital do Reino. Un país onde non existe unha grande cidade, cun mercado de traballo amplo e diversificado que funcione como imán para atraer persoas e empresas asociadas á nova economía, ten que facer da necesidade virtude e converter o noso sistema de cidades pequenas nese polo de atracción. Por iso é esencial reducir os custes de mobilidade interna e racionalizar, dende unha perspectiva global, os de comunicación co exterior. Evidentemente isto atinxe mudanzas importantes na políticas aeroportuaria, onde as instancias políticas se amosan incapaces de artellar unha estratexia que sitúe a Galicia no mapa europeo, e tamén no eido portuario, onde Galicia ocupa unha excelente posición para atraer tráfico de todo tipo a nivel internacional.
Sabendo o lugar que ocupamos, cómpre reinventármonos a partir do que somos e sobre todo pensarmos Galicia como centro económico e tamén político, aberto ao mundo
Rematamos. E facémolo indicando que dende a nosa perspectiva dificilmente imos ser quen de mudar a posición que colectivamente ocupamos no contexto español, europeo e mundial se non existe a vontade para facelo. Pode semellar algo obvio pero quen coñeza a realidade política e social deste país sabe ben do que estamos a falar. Parécenos esencial avanzar no autogoberno pero co obxectivo de construír unhas institucións onde prime a transparencia e que sexan quen de garantir a igualdade de oportunidades, lonxe das vellas prácticas de ascenso social. Sabendo o lugar que ocupamos, cómpre reinventármonos a partir do que somos e sobre todo pensarmos Galicia como centro económico e tamén político, aberto ao mundo.