A educación social en pé

Concentración contra a OPE presentada pola Xunta © CEESG

A Educación Social está en pé. Saímos á rúa para reivindicar, visibilizar e que se recoñeza a nosa profesión.

O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia leva anos reivindicando o recoñecemento da nosa figura profesional, tanto na administración, dentro da Relación de Postos de Traballo e tamén a nivel privado

O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) leva anos reivindicando o recoñecemento da nosa figura profesional, tanto na administración, dentro da Relación de Postos de Traballo (RPT), e tamén a nivel privado. Neste longo camiño fomos acadando pequenos logros, pero aínda queda moito por percorrer. Estamos nun punto onde xa non abondan as verbas que nos prometen e queremos feitos. A pesar das xuntanzas coa administración parece ser que non se nos entende, pero sabemos que a cidadanía si, pois somos profesionais necesarios para atender as necesidades das persoas, que merecen ter equipas interdisciplinares e especializadas.

O Ceesg traballa por ter un recoñecemento na Administración Pública onde se nos recolla nos decretos relacionados co ámbito social, como é o caso do Decreto de Servizos Sociais, e que contemplen a nosa figura na Oferta Pública de Emprego (OPE), pois ofertan prazas para traballar con menores onde só se contempla a figura “educador/a”, e temos un nome composto, EDUCADOR/A SOCIAL. Ademais, no Consorcio Galego de Benestar, no traballo con persoas maiores tamén queremos que se contemple a nosa figura como educador/a social.

Sabemos que no ámbito sanitario teríamos moito que dicir, pois nas unidades de coidados paliativos a domicilio poderíamos axudar á persoa e familia, ou nas unidades de saúde mental. E que dicir na área de educación, pois vemos moi necesaria introducir a nosa figura nos centros educativos, tanto primaria como secundaria, xunto co equipo de orientación, axudando nas problemáticas ou situacións que poidan xurdir de fracaso escolar, adquisición de habilidades, desestruturación familiar que pode afectar nos estudos, igualdade, prevención de acoso… Hai unha infinidade de nichos no mercado laboral, que se cada área da administración nos escoitara entendería moito mellor a nosa petición e nos terían en conta. 

A nosa figura profesional non só está para intervir cando xa existe unha problemática ou situación complexa, senón que as educadoras e educadores sociais tamén estamos para traballar a prevención

E a nivel privado, tamén podemos falar do mesmo, fai falta que a sociedade nos coñeza e saiba das nosas funcións, cada profesional do ámbito social nos complementamos, e unha colaboración e cooperación mutua, traballando a prol da comunidade. Queremos erradicar o intrusismo laboral. 

A nosa figura profesional non só está para intervir cando xa existe unha problemática ou situación complexa, senón que as educadoras e educadores sociais tamén estamos para traballar a prevención, sensibilización, información e orientación nos diferentes ámbitos e colectivos onde podemos desempeñar as nosas funcións. Cando se nos pregunta con que colectivos e ámbitos traballamos, nós respondemos: “muller, infancia, menores, maiores, diversidade funcional, adiccións, violencia de xénero, servizos sociais, inmigrantes, educación medioambiental, animación sociocultural, educación, sanidade…”; e como o facemos, pois dende a prevención coa cidadanía, e no momento de intervención facémolo en equipo con outros axentes implicados, dende unha perspectiva socioeducativa, atendendo á persoa, centrándonos nas súas necesidades e os obxectivos que farán que esta mellore a súa calidade de vida. 

Cada vez somos máis educadoras e educadores sociais que nos unimos para que se nos escoite ben forte que existimos, que a nosa profesión ten nome, e somos persoas capacitadas que desempeñamos unhas funcións importantes dentro das equipas interdisciplinares que teñen que velar polo benestar e calidade de vida da cidadanía coa que traballamos.

Cada vez somos máis educadoras e educadores sociais que nos unimos para que se nos escoite ben forte que existimos, que a nosa profesión ten nome

Dende o Ceesg non queremos deixar pasar a oportunidade de agradecer publicamente a todas as persoas que nos apoian nesta andadura; persoas que pasaron polo colexio profesional dun xeito ou outro, profesorado, profesionais de diferentes entidades, persoas que estiveron nas concentracións do 14-0. Ás máis de 4000 que dende o pasado martes xa asinaron a petición de regularización da Educación Social na oferta de emprego público da Xunta.

Somos profesionais comprometidas e comprometidos loitando pola reivindicación da nosa figura, xa que a cidadanía ten dereito de contar con educadoras e educadores sociais nos diferentes servizos e programas para ter as súas necesidades cubertas, recibir apoio e ter unha mellor calidade de vida e benestar social. E convidamos a que as persoas educadoras sociais se colexian, ao igual que ao estudantado, e participen do colexio. Cantas máis persoas, sumamos esforzos e chegaremos máis lonxe. 

Reivindicamos pola profesión, polo traballo, e polo dereito da cidadanía a ter profesionais da Educación Social.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.