Os dramáticos episodios de violencia acontecidos este verán en todo o Estado (e, nomeadamente, en Galicia) poñen no centro do debate público os crimes de odio. Un debate ao que as institucións deberían achegar unha resposta clara: a de fortalecer a Educación nos valores de respecto, igualdade, inclusión, empatía e rexeitamento das violencias, co obxectivo de crear unha sociedade máis xusta e igualitaria que respecte, aprenda e goce das diferenzas e diversidades desde as idades máis temperás.
Os dramáticos episodios de violencia acontecidos este verán en todo o Estado (e, nomeadamente, en Galicia) poñen no centro do debate público os crimes de odio. Un debate ao que as institucións deberían achegar unha resposta clara: a de fortalecer a Educación nos valores de respecto, igualdade, inclusión, empatía e rexeitamento das violencias
O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) leva tempo demandando a inclusión da Educación Social na escola galega. Os feitos demostran que esta demanda reviste unha urxencia difícil de ignorar.
O Plan Recupera que levará a cabo a Consellería de Educación da Xunta de Galicia, e máis concretamente a creación da Rede de Acompañamento e Orientación persoal e familiar de Galicia (RAOGAL), representa para o Ceesg unha clara oportunidade. O seu desenvolvemento vén reafirmar a necesidade dunha atención educativa específica nos centros que vaia alén do académico e entronque coa intervención no eido social, familiar e comunitario. Témonos manifestado neste sentido en numerosas ocasións, a última delas no período de información pública do borrador de Orde pola que se desenvolve o Decreto 229/2011, do 7 de decembro. Así e todo, se ben nos alegra o recoñecemento da dimensión socioeducativa dos centros escolares, lamentamos que o plan non contemple a capacitación profesional para a execución do Plan.
A Educación Social é unha disciplina pedagóxica que ten tres obxectivos claros: a promoción da autonomía, o impulso da participación e o desenvolvemento persoal. Unha práctica na procura do benestar das persoas e grupos. Unha ferramenta ideal para traballar a dimensión social do proceso educativo.
As e os profesionais da Educación Social levamos anos traballando nos centros educativos a través de diversos programas, pero este traballo é a todas luces insuficiente. A nosa presenza non se debe limitar a charlas ou obradoiros puntuais e illados. O noso labor debe ser continuo, como sucede nos centros educativos doutras comunidades autónomas, que recoñecen a importancia de manter a Educación Social nas escolas de xeito permanente. Eles pódense gabar dos resultados acadados.
Ninguén debería carecer de oportunidades, nin vivir con medo, nin ser discriminado por ser diferente, nin sufrir, nin ser agredido, nin suicidarse, nin ser asasinado pola súa diversidade
A Educación Social debería ser parte da aprendizaxe dende os primeiros anos de escola ata o seu remate. É un instrumento indispensable para promover unha boa saúde mental, física e social. Para crear e fortalecer relacións baseadas no respecto, esa palabra que, ás veces, parece quedarnos tan grande.
Ninguén debería carecer de oportunidades, nin vivir con medo, nin ser discriminado por ser diferente, nin sufrir, nin ser agredido, nin suicidarse, nin ser asasinado pola súa diversidade. Que isto siga pasando, é a mostra do que queda por facer. Citando a Chimamanda Gnozi, "falémoslles ás nenas e aos nenos sobre a diferenza, fagamos que a diferenza sexa o normal. E non só para que sexan boas e xustas, senón para que sexan humanas e prácticas. Ensinémoslles a que a valoren, pois a diferenza é a realidade do noso mundo".