A En Marea que importa

Que queremos dicir cando cualificamos a “En Marea como alternativa política das maiorías sociais”, ou como “movemento-instrumento” eficaz que defenda “os dereitos individuais e colectivos da cidadanía galega”1? O que significa é que cando a cidadanía dunha comarca se sinte preocupada por saber que sucede coa minaría no seu territorio, En Marea pon os seus recursos a disposición desta para fornecela de ferramentas legais que lles faciliten a súa loita; significa que cando a comunidade de pais e nais de Chantada se mobiliza por recuperar o servizo de pediatría clausurado na súa vila, En Marea se ofreza para solicitar da Xunta as explicacións e solucións pertinentes, outorgando o protagonismo pleno á loita cidadá, fronte á dinámica institucional; significa que cando asociacións de defensa do Patrimonio galego precisen coñecer o estado de tramitación da protección sobre algún ben patrimonial maltratado, En Marea traslada as súas peticións á opaca Dirección Xeral do Patrimonio, consigue respostas e fornéceas á cidadanía, esixindo que a Administración cumpra as súas obrigas; significa que cando as xeadas arruínan colleitas de uva a finais de abril ou o pedrazo estraga leiras de patacas, En Marea acude in situ dende o primeiro día para recoller as demandas das persoas afectadas e pedir axudas específicas.

Exemplificando nos milleiros de exemplos nos que En Marea traballou coa sociedade dende o seu nacemento - incluíndo aquí tamén o acervo político das mareas municipais -, podemos concluír que a expresión “En Marea ao servizo do pobo galego” significa, en fin, que a sociedade galega do s. XXI non precisa tutelas, nin organizacións políticas ríxidas, senón ferramentas que contribúan a facer exitosa a loita social. Sociedade que é plural, como plural é En Marea e como plural a expresión política da esquerda galega que, de cara a 2020, ha de traballar en liñas comúns se pretende expulsar do goberno galego ao PP e ao que representa: a perpetuación das elites no goberno do País dende hai practicamente un século2. E non quere dicir isto que os esforzos se han de centrar no cambio institucional, mais si que é fundamental desaloxar o PP da Xunta para que non quede lastrado o cambio social.

A forza de ensaio-erro, dende antes mesmo do ano 2012, ano no que se comezou a actuar tamén na instancia política en clave “cidadanista”, penso que chegamos a unha síntese exitosa no deseño dunha ferramenta política ao servizo da maioría social galega, canto menos, cos seguintes eixos:

  • Contribuír a unha necesaria alternativa de goberno progresista na Xunta para 2020 e afondar na nosa soberanía política para transformar as condicións sociais, para deter o dramático afondamento na desigualdade e pobreza da sociedade galega.
  • Participar e impulsar unha fronte ampla social e política para a creba democrática do estado, o que supón o recoñecemento do dereito de autodeterminación, que neste momento concreto significa apoiar o referendo do 1 de outubro en Catalunya, como teñen feito Luís Villares e Xosé Manuel Beiras.
  • Municipalismo organizado en rede, o que supón poñer medios e recursos ao servizo de asembleas de base autoorganizadas, dentro dun marco ético e político común que xa conforman as mareas existentes, para a loita política “local”, inserida no “global”, sen pedir carnés a ninguén, sen necesidade de vinculación orgánica clásica, pero sen ser illas municipalistas.
  • Horizontalidade e democracia participativa, o que implica afondar nas ferramentas que permitan que todas as decisións fundamentais son tomadas polo conxunto das persoas inscritas, dende a moción de censura ao Goberno do Estado á postura sobre o financiamento autonómico, e apertura de debates e participación á cidadanía en xeral.

A pulsión por esta En Marea é transversal ás persoas de todas as forzas políticas, espazos e xentes da marea e aparece en documentos fundacionais e nos documentos a debate de cara ao plenario do 15 de xullo, dende os textos base do Consello das Mareas aos textos presentados mediante emenda, polo cal é viable un consenso nestas claves.

Sabendo que o potencial de En Marea excede a suma aritmética das partes e leiras – que xuntas, por si mesmas, non chegamos para compor unha agra común eficaz -; sabendo que en En Marea falta moita xente con ansia de ter unha forza política útil para o cambio social, sería imperdoable non acadar unha unidade na diversidade.

Transformar a indignación nun bloque social cunha alternativa competente é o que precisamos. A En Marea que importa non é a que fai fetichismo de siglas, senón a que se pon con lealdade ao servizo deste proxecto estratéxico: a En Marea da República Galega exercente como tal. A situación social do noso pobo esíxenolo.

 

Notas

1-  Documento base a debate no plenario de En Marea

2- Pé do Galinheiro, Carlos Méixome: https://pedogalinheiro.blogspot.com.es/2017/07/afeitos-ganar.html

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.