A encrucillada do PSdeG

José Ramón Gómez Besteiro CC-BY-NC-SA PSdeG

O anuncio da candidatura de Valentín González Formoso para tratar de repetir un novo mandato na alcaldía do concello das Pontes e o recente nomeamento de Xosé Ramón Gómez Besteiro como delegado do goberno central na Galiza abren novas expectativas a respecto do futuro liderado do Partido Socialista no horizonte dos comicios ao Parlamento galego

O anuncio da candidatura de Valentín González Formoso -actual secretario xeral do PSdG- para tratar de repetir un novo mandato na alcaldía do concello das Pontes nas vindeiras eleccións do 28 de Maio e o recente nomeamento de Xosé Ramón Gómez Besteiro como delegado do goberno central na Galiza, abren novas expectativas a respecto do futuro liderado do Partido Socialista no horizonte dos comicios ao Parlamento galego.

O PSdG constitúe unha das pezas básicas do taboleiro político galego. É ben sabido que posúe unha influenza electoral desigual: moi importante no ámbito local (concellos e deputacións), relevante nos comicios ao Parlamento do Estado e menos consistente cando se trata de elixir aos representantes na Cámara do Hórreo. Os datos rexistrados na historia electoral das últimas décadas son ben ilustrativos: mentres que no eido municipal é relativamente habitual comprobar que este partido ten acadado a condición de forza mais votada en varios concellos -algúns deles de importante dimensión demográfica- resulta imposíbel ratificar tal situación cando está en xogo a composición do Parlamento galego. Nos dous momentos -1987 e 2005- nos que un dirixente socialista chegou á presidencia da Xunta foi por mor dunha alianza con distintas formacións nacionalistas (CG, PNG e BNG) que permitiu conformar unha maioría de escanos fronte ao dominio de AP e PP.

A traxectoria de calquera forza política é debedora, nunha boa medida, das circunstancias históricas que acompañan o seu nacemento. No caso do PSdG convén lembrar dúas circunstancias significativas: a cativa presenza da sigla histórica socialista no territorio galego durante os primeiros episodios do posfranquismo e a inexistencia -a diferenza do sucedido en Cataluña- dun proceso de unificación da organización galega do PSOE co PSG, formación que, liderada por X.M. Beiras, compartía co PSC a pertenza á F.P.S. (Federación de Partidos Socialistas). Nunca saberemos as consecuencias que tería provocado na dinámica política galega a realización dunha operación semellante á ocorrida no Pais catalán. Si coñecemos a notábel debilidade xenética do grupo que concorreu ás primeiras eleccións de 1977 e que só foi parcialmente compensada coa posterior entrada dun conxunto de cadros procedentes do PSG (entre eles Fernando González Laxe, que posteriormente acadaría a presidencia da Xunta). Se a isto engadimos o feito de que dous persoeiros relevantes do universo socialista nas últimas décadas (Emilio Pérez Touriño e Abel Caballero) procedían dunha anterior militancia no PCG, podemos completar unha parte da explicación das luces e sombras vividas por este partido.

A evidencia da crise que padece o PSdG cando se trata de competir no ámbito galego resulta indiscutíbel. Poren, ao día de hoxe, non consta a existencia dunha análise sistemática realizada polo corpo organizado socialista para establecer algunhas conclusións que lle permitan corrixir e/ou mellorar a estratexia para conseguir o poder

Como xa teño sinalado nalgún outro artigo, a longa hexemonía do PP de Feijoo na vida institucional galega obedeceu, en certa medida, aos desacertos e desaxustes padecidos polas forzas da oposición. No caso do PSdG, a secuencia de cambios experimentados no liderado (asociados, normalmente, a procesos de división interna) resultou ben ilustrativa: retirada de Pérez Touriño despois da derrota do bipartito no 2009; Pachi Vázquez candidato no 2012 (porque quen estaba previsto -Xosé Blanco- foi obxecto dunha imputación xudicial previa); Xaquín F. Leiceaga no 2016 e Gonzalo Caballero na última cita de 2020. Con semellante fraxilidade, o rendemento electoral deste partido baixou dos 25 escanos obtidos nas convocatorias de 2005 e 2009 aos 14 rexistrados nas elección de 2016 e 2020.

O primeiro paso necesario para pretender a resolución dun problema é unha axeitada diagnose do mesmo. A evidencia da crise que padece o PSdG cando se trata de competir no ámbito galego resulta indiscutíbel. Poren, ao día de hoxe, non consta a existencia dunha análise sistemática realizada polo corpo organizado socialista para establecer algunhas conclusións que lle permitan corrixir e/ou mellorar a estratexia para conseguir o poder. Mentres esta condición mínima non se verifique, o PP disporá dunha vantaxe adicional no seu obxectivo de repetir a maioría absoluta na vindeira cita coas urnas.

A eventual candidatura de Gómez Besteiro vai levar aparellada unha vontade explícita -corroborada con feitos inequívocos- de competir coa máxima eficacia na disputa da hexemonía que actualmente posúe o PPdG?

A eventual candidatura de Gómez Besteiro vai levar aparellada unha vontade explícita -corroborada con feitos inequívocos- de competir coa máxima eficacia na disputa da hexemonía que actualmente posúe o PPdG? Se a resposta fose positiva, medrarían as posibilidades dunha futura alternancia no goberno da Xunta por mais que haxa outros factores (a evolución do marco político estatal; a capacidade que teña a estrutura do PP para substituír a ausencia de Feijoo; a intelixencia que exhiba o BNG para multiplicar o activo que representa a figura de Ana Pontón) que non dependen das decisións da organización socialista e que terán moita influenza no resultado final.

Se a reaparición de Besteiro é un exercicio de foguetería publicitaria de curto alcance, as consecuencias serían moi preocupantes para a construción dunha alternativa pluralista ao abafante dominio que coñecemos dende hai décadas nos seo das institucións do vixente autogoberno galego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.