A enfurecida reacción das dereitas

Protestas da ultradereita ante a sede do PSOE en Ferraz CC-BY-SA HazteOir

O proceso para investir a Pedro Sánchez como presidente do goberno do Estado cumpriu coa grande maioría dos prognósticos formulados nesta mesma páxina hai unhas semanas.

Afortunadamente, socialistas e nacionalistas optaron por formalizar uns denominadores comúns que permitiran trasladar unha mensaxe de colaboración política a poucos meses dos comicios galegos. De non ser así, terían ofrecido unha vantaxe adicional ao PPdeG na dura batalla electoral que se agarda na vindeira primavera

Ademais do necesario pacto previo entre PSOE e Sumar, resultaba imprescindíbel tecer un acordo simultáneo coas formacións nacionalistas de Cataluña (ERC, Junts) e de Euskadi (PNV, Bildu). Colocado noutro plano da aritmética parlamentaria esixíbel para acadar a maioría na investidura, atopábase a eventual coincidencia programática entre socialistas e BNG.

As forzas que, actualmente, conforman a oposición no Pazo do Hórreo podían ter a tentación de aplicar unha táctica que priorizase o reforzamento dos seus perfís singulares fronte ao adversario político. O BNG tiña motivos para desconfiar do cabal cumprimento dos pactos asinados coa organización socialista e, xa que logo, apostar por un maior distanciamento no escenario do Congreso dos deputados (dado que, ademais, a investidura de Sánchez non estaría en perigo como consecuencia de tal posicionamento). O PSOE podería refuxiarse na evidencia da aritmética parlamentar para non ficar comprometido nunha axenda conxunta de actuacións no tecido económico e social galego. Afortunadamente, socialistas e nacionalistas optaron por formalizar uns denominadores comúns que permitiran trasladar unha mensaxe de colaboración política a poucos meses dos comicios galegos. De non ser así, terían ofrecido unha vantaxe adicional ao PPdeG na dura batalla electoral que se agarda na vindeira primavera. A reacción belixerante protagonizada por Alfonso Rueda certifica a súa incomodidade ante a indiscutíbel potencia da imaxe unitaria transmitida por Ana Pontón e X.R. Gómez Besteiro.

Semella que as dúas formacións nacionalistas catalás ignoraron a súa perda de peso nos comicios do 23-X e, no canto de establecer unha tregua na súa estratexia competitiva que facilitara o entendemento do sumatorio requirido pola investidura, preferiron levar ao limite as súas estratexias particulares

Non se pode descoñecer que a principal controversia ante a investidura de Sánchez estivo circunscrita á proposición de lei de amnistía e a outros vectores relativos á crise institucional e social que se viviu en Cataluña na última década. A vinculación estrita entre a necesidade de apoios parlamentares para viabilizar, nun prazo curto, un goberno de coalición e o tratamento dalgunhas reivindicacións asociadas ao conflito político catalán, provocou algúns efectos indesexados no estado de opinión dos sectores sociais que, fora de Catalunya, apoiaron ao PSOE e a Sumar para evitar un goberno de Feijoo e Abascal. A temática da amnistía non figuraba explicitamente na axenda preelectoral de Pedro Sánchez e iso abriu unha fenda pola que transitaron coa máxima virulencia a dereita política, mediática e xudicial. A pesar de que o presidente socialista tivo un bo resultado na cita do pasado 23 de Xullo -fronte ás previsións da case totalidade das empresas demoscópicas- ficou colocado nunha incómoda posición defensiva ante os numerosos ataques recibidos dende diversas instancias que semellaron coordinar os seus pasos co obxectivo común de impedir a súa chegada á Moncloa ou, alternativamente, acadar o maior desgaste político posíbel para a maioría parlamentaria.

A reiterada disputa entre ERC e Junts pola hexemonía no campo independentista engadiu unha maior dificultade ao proceso negociador. Dende fora de Cataluña non se entendeu a desproporción entre esa loita partidista e a importancia de configurar con éxito unha alianza plural para asegurar a gobernabilidade nunha nova lexislatura. Semella que as dúas formacións nacionalistas catalás ignoraron a súa perda de peso nos comicios do 23-X e, no canto de establecer unha tregua na súa estratexia competitiva que facilitara o entendemento do sumatorio requirido pola investidura, preferiron levar ao limite as súas estratexias particulares. O exemplo do sucedido no escenario vasco -a pesar da evidente diverxencia de intereses entre PNV e Bildu- ilustra suficientemente sobre a anomalía que se puido percibir nas últimas semanas.

PP e Vox -coa activa cobertura da dereita mediática- decidiron levar a confrontación ás rúas. Non era a primeira vez que ocorría na historia recente (lémbrense as mobilizacións rexistradas durante os gobernos de Zapatero) pero si estamos ante a novidade do uso continuado da violencia por bandas fascistas diante da sede do PSOE en Madrid

PP e Vox -coa activa cobertura da dereita mediática- decidiron levar a confrontación ás rúas. Non era a primeira vez que ocorría na historia recente (lémbrense as mobilizacións rexistradas durante os gobernos de Zapatero) pero si estamos ante a novidade do uso continuado da violencia por bandas fascistas diante da sede do PSOE en Madrid. Estas prácticas, promovidas por Vox e non suficientemente condenadas polo PP, revelan o histerismo no que se atopa instalada unha boa parte da dereita despois de comprobar que o seu desexado goberno entre Feijoo e Abascal ficaba morto coa apertura das urnas o 23 de Xullo.

Axitación na rúa, pronunciamentos e concentracións da dereita xudicial, manifestos de sindicatos policiais e organizacións de gardas civís, editoriais e opinadores a pleno rendemento, comunicados de organizacións empresariais: velaquí o singular conglomerado do trumpismo hispánico que non aceita o resultado electoral de hai catro meses e quere provocar unha crise que abra as portas da Moncloa aos propietarios "naturais" do poder político en España.

Esta mobilización radical das dereitas favorecerá -agora e no futuro- unha reacción das forzas que viabilizaron a recente investidura de Pedro Sánchez. Esta semella ser a dinámica mais probábel nos vindeiros meses.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.