A escola da desigualdade. II. Teoría e práctica

Aula dun centro de ensino CC-BY-SA jcmejia

Hemeroteca

Lembremos que as e os docentes non son nin asesores, nin psicólogos, nin traballadores sociais, nin policías.  Non están para supliren as deficiencias do noso Estado do benestar, nin son actores dun gran parque de atraccións escolares

Lembremos, porque parece que se nos empeza a esquecer, que as e os docentes non son nin asesores, nin psicólogos, nin traballadores sociais, nin policías. Non están para supliren as deficiencias do noso Estado do benestar, nin son, como di Jean-Claude Michéa en L’Enseignement de l’ignorance et ses conditions modernes, actores dun gran parque de atraccións escolares. Están para ensinar, para procurar que toda persoa, con independencia das súas condicións, adquira coñecementos. Despois de todo, a aula é ese lugar insólito onde se transmiten saberes teóricos. Non si?

Pois talvez xa non. Porque agora resulta que no centro do noso sistema educativo se colocaron, en liña cunha Recomendación do Consello da Unión Europea de 2018, as competencias. Os expertos da Administración e da universidade, que adoitan compartir a graciosa característica de non teren dado xamais unha clase nunha escola ou nun instituto, chegaron á conclusión de que ensinar e avaliar contidos é unha idea pedagóxica que deveu anacrónica. Propoñen, como alternativa, o enfoque competencial, que converte a aula nun conxunto de situacións de aprendizaxe orientadas cara á práctica.

Os expertos da Administración, que adoitan compartir a graciosa característica de non teren dado xamais unha clase nunha escola ou nun instituto, chegaron á conclusión de que ensinar e avaliar contidos é unha idea pedagóxica que deveu anacrónica

Se nos fixamos nas chamadas competencias chave na secundaria (de comunicación lingüística; plurilingüe; matemática e en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría; dixital; persoal, social e de aprender a aprender; cidadá; emprendedora; e en conciencia e expresión culturais), axiña notamos, por unha banda, que non é doado encaixar nelas materias como, por exemplo, as linguas clásicas, Historia, Xeografía ou Filosofía; e, por outra banda, que esa rechamante competencia emprendedora só pode responder a un punto de vista economicista.

Non é que as competencias son unha consecuencia da adquisición de coñecementos? E entón a que responde este enfoque disque orientado cara á práctica? Non será que o que busca é formar traballadoras e traballadores que satisfagan as necesidades do mercado?

Deberiamos decidir, daquela, até que punto estamos ante unha variante do que Michéa chama «escola do capitalismo total», que se estruturaría en tres niveis: un primeiro nivel reservado ás elites, que accederían a unha formación acorde co modelo educativo tradicional; un segundo nivel para os cadros medios, que recibirían unha formación operativa, consistente en competencias relativas ao contexto tecnolóxico; e un terceiro nivel onde a gran maioría, condenada á marxinalidade, sería afastada de calquera contacto co espírito crítico e cívico. Se o noso actual enfoque competencial non se corresponde exactamente coa visión de Michéa, presenta, desde logo, un innegábel parecido.

Pero pódese ser competente sen saber? Ou non é xusto ao revés? Non é que as competencias son unha consecuencia da adquisición de coñecementos? E entón a que responde este enfoque disque orientado cara á práctica? Non será que o que busca é formar traballadoras e traballadores que satisfagan as necesidades do mercado? Non será que o mandato de que a escola se «integre na contorna» significa que o ensino público sexa funcional para a economía? Non será que o que se busca, a maiores, é evitar cambios sociais e culturais, que adoitan vir da man do coñecemento? Isto explicaría, polo menos en parte, fenómenos tales como o desleixo con que na escola tratamos a lingua galega e mais as segundas linguas estranxeiras. Sabermos español e inglés é un imperativo indiscutíbel. Para que serviría outra lingua?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.