A esperanza, nun parque acuático?

Recreación dos catro tobogáns que a Xunta instalará na primeira fase do parque acuático prometido para Ourense © Xunta de Galicia

Ourense ten problemas ben máis graves ca o sol do verán. O que menos anima a fuxida de miles de mozos e mozas cara a outras terras na procura dun futuro mellor é, precisamente, o sol do noso verán. Pero volverán os mozos e as mozas que hogano marchan? Non se só lles ofrecemos un parque acuático

Ourense ten problemas ben máis graves ca o sol do verán. O que menos anima a fuxida de miles de mozos e mozas cara a outras terras na procura dun futuro mellor é, precisamente, o sol do noso verán. O verán volverá e con el, poño por caso, os incendios forestais. Un crime do que o sol case nunca é responsable. Pero volverán os mozos e as mozas que hogano marchan? Non se só lles ofrecemos un parque acuático. 

Sería 1987 -e podería ser 2001 ou 2023-, cando Veiga Pombo (PSdG) chantou aquela pequena fonte no medio do xardín entre edificios que en Mariñamansa -ese lugar que aínda conserva recendos do rural que foi antes de ser barrio de Ourense- nos facía de campo de fútbol. Pensaría que nos daba a vida, o alcalde, pero aquela fonte nunca pinga botou. E ao fin, nin campo nin auga. A esperanza sempre ten boa conta das siglas coas que se expresa. 

Hai quen fala dunha cidade, da que sexa, coma se nacese cun destino sagrado, o de ser parada dunha liña ferroviaria, poño por caso, polo que hai que estar devotamente agradecidos. Coma se a cidade non fose, esencialmente, os trasfegos da xente que a habita. Nas rúas queima o sol da última vaga de calor, pero calquera alternativa familiar pasa por saír ás mesma rúas ardidas na mesma procura de sempre, tan obvia como invariable. 

Eliminará Jácome a corrupción da práctica municipal, por desbaldidora e inútil, como fixo desaparecer o programa cultural polos mesmos motivos? Montaralle unha rampla móbil aos dereitos laborais das traballadoras e traballadores do Concello que axude a aliviar o ascenso económico pola pina costa mensual? Faralle un parque acuático, por exemplo, ao noso idioma abrasado?

Eliminará Jácome a corrupción da práctica municipal, por desbaldidora e inútil, como fixo desaparecer o programa cultural polos mesmos motivos? Montaralle unha rampla móbil aos dereitos laborais das traballadoras e traballadores do Concello que axude a aliviar o ascenso económico pola pina costa mensual? Faralle un parque acuático, por exemplo, ao noso idioma abrasado? Unha habilidade case mesiánica, de tecnócrata ou xestor doutra época, mantén Jácome no poder a pesar de non acadar ningunha mellora no benestar municipal. 

Na tarde o despacho do alcalde tremeluce coas persianas a media altura. A esta hora custa manter a estancia artificialmente fresca. A columna de xeos bate no vidro do vaso e dilúe a cor da coca-cola con glennfiddich. Quixera un gato ao que aloumiñar, pero no ordenador ronca a sintonía de Stumble Guys. Tras a mesa, instalado na poltrona de pel -o enxoval clásico contrasta coa indumentaria resesa de quen o ocupa- o rexedor orgulloso ule as pétalas dunha rosa. Considera un verdadeiro logro científico descubrir como quitarlles as espiñas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.