A eliminación parcial do segredo do sumario da chamada operación Pokemon confirma a existencia de indicios relevantes de condutas delitivas e coloca no primeiro plano da política galega a coñecida cuestión da pertinencia da dimisión de todos aqueles cargos institucionais que aparecen involucrados nas actuacións investigadas.
Aínda que, finalmente, algúns dos implicados non resultasen condenados no trámite xudicial, sería moito mais produtivo para a saúde do sistema democrático a limpeza total das sospeitas que hoxe pesan sobre determinadas alcaldías e concellerías
Seguir aplicando o criterio de que só se debe abandonar a vida política institucional se existe unha sentenza xudicial firme é un absoluto despropósito que desconsidera a gravidade da desconfianza que ten medrado no seo da sociedade a respecto do exercicio da función política. Calquera perspectiva que postule un proceso de rexeneración democrática esixe, neste momento, unha exemplaridade máxima por parte dos dirixentes e cargos das organizacións partidarias. Aínda que, finalmente, algúns dos implicados non resultasen condenados no trámite xudicial, sería moito mais produtivo para a saúde do sistema democrático a limpeza total das sospeitas que hoxe pesan sobre determinadas alcaldías e concellerías.
Os partidos están emprazados, con urxencia, a recuperar, con mais feitos que palabras, a confianza e o crédito perdidos nos últimos anos
Para algúns analistas, a relevancia desta operación é reducida debido á pouca dimensión dos recursos monetarios presuntamente manexados para corromper a vontade dos cargos representativos que figuran no sumario. Aceptar este argumento é tanto como establecer unha medición cuantitativa da ética que debe rexer no exercicio da función representativa. Onde está a fronteira do permisíbel? E quen establece semellante liña divisoria?
O que hoxe precisa a vida política é unha pedagoxía contundente dos actores que ocupan o escenario. Sobran as apelacións retóricas á presunción de inocencia derivadas da patolóxica tendencia á xudicialización de todo o que sucede nas Administracións públicas. Os partidos están emprazados, con urxencia, a recuperar, con mais feitos que palabras, a confianza e o crédito perdidos nos últimos anos. No caso da Pokemon, só o BNG estivo á altura das circunstancias coa dimisión inmediata do único concelleiro afectado polas indagacións xudiciais. No caso do PP e do PSdG, as decisións adoptadas (basicamente, agardar ás sentenzas futuras) alimentan a espiral da desconfianza cidadá. E, ademais, actúan cunha incongruencia notábel. En Lugo e Ourense os dirixentes populares pediron as dimisións que non practicaron en Santiago. Nesta cidade, ao mesmo tempo, os voceiros socialistas denuncian a gravidade que representa para a gobernanza da cidade a imputación do seu alcalde mentres en Lugo semellan convivir sen problemas cunha situación análoga.
O que xa resulta directamente surrealista é a dupla vara de medir que practica Núñez Feijoo no seu propio partido: Conde Roa e Gacio tiveron que dimitir pero Currás debe seguir no cargo
E o que xa resulta directamente surrealista é a dupla vara de medir que practica Núñez Feijoo no seu propio partido: Conde Roa e Gacio tiveron que dimitir pero Currás debe seguir no cargo. E cando hai unha sentenza que afecta á conselleira de Sanidade, non se cumpre a norma previamente invocada –responsabilidades políticas só se hai sentenzas condenatorias- porque o presidente da Xunta decide arbitraria e discrecionalmente que non procede facelo.
Estamos a quince meses das eleccións municipais. Atreveranse a formar parte das candidaturas aquelas persoas que protagonizan as lamentábeis peripecias da operación Pokemon?
Estamos a quince meses das eleccións municipais. Atreveranse a formar parte das candidaturas aquelas persoas que protagonizan as lamentábeis peripecias da operación Pokemon? Cal será o comportamento dos votantes ante este penoso espectáculo? As respostas serán decisivas para avaliar o nivel de calidade da democracia realmente existente.