Hai unha percepción social que medra en silencio e que o progresismo faría ben en escoitar sen prexuízos. Respírase nas conversas cotiás, nos centros de traballo, nos barrios e nas familias. Resúmese nunha idea sinxela: hai persoas que senten que as políticas públicas identifican mellor a vulnerabilidade extrema ca as dificultades cotiás de quen se sostén con esforzo
Hai unha percepción social que medra en silencio e que o progresismo faría ben en escoitar sen prexuízos. Respírase nas conversas cotiás, nos centros de traballo, nos barrios e nas familias. Resúmese nunha idea sinxela: hai persoas que senten que as políticas públicas identifican mellor a vulnerabilidade extrema ca as dificultades cotiás de quen se sostén con esforzo.
Pode ser unha percepción parcial. Pode non facer xustiza a medidas útiles impulsadas nos últimos anos. Mais sería un erro desprezala. Porque a política tamén se move por sentimentos de pertenza , recoñecemento e distancia respecto das institucións.
Falamos de fogares que traballan, sosteñen coidados, afrontan hipotecas ou alugueiros elevados e chegan ao final de mes con crecente dificultade. Non son pobres segundo os indicadores clásicos, pero tampouco viven con tranquilidade. Son, en boa medida, as novas clases medias inseguras.
Como advertiu Nancy Fraser, a desigualdade non é só económica: tamén aparece cando sectores sociais deixan de sentirse recoñecidos e representados. Aí comeza a desconexión política.
A vivenda como espello
Como advertiu Nancy Fraser, a desigualdade non é só económica: tamén aparece cando sectores sociais deixan de sentirse recoñecidos e representados. Aí comeza a desconexión política
Poucos ámbitos explican mellor esta tensión ca vivenda. Por unha banda, existe unha xeración inquilina sometida a prezos elevados, contratos fráxiles e dificultades crecientes para emanciparse. Pero pola outra, existe tamén unha clase media hipotecada que leva anos absorbendo subas de tipos de interese, perda de capacidade de aforro e unha sensación crecente de estar soa fronte ao sistema financeiro.
A memoria da crise anterior tampouco desapareceu. España viviu arredor de 1,4 millóns de execucións hipotecarias desde 2008 e centos de miles de desafiuzamentos asociados ao colapso financeiro. A banca foi rescatada, saneada ou indirectamente protexida. O dano social, en cambio, nunca foi reparado.
Hai ademais un terceiro actor incómodo no debate: o pequeno propietario1 .Non é un fondo buitre. Non é un gran tenedor, e que agora se atopa no punto de mira dun discurso que equipara “propietario” con “especulador”.
O espazo social que non se nomea
Poucos ámbitos explican mellor esta tensión ca vivenda. Por unha banda, existe unha xeración inquilina sometida a prezos elevados, contratos fráxiles e dificultades crecientes para emanciparse. Pero pola outra, existe tamén unha clase media hipotecada que leva anos absorbendo subas de tipos de interese, perda de capacidade de aforro e unha sensación crecente de estar soa fronte ao sistema financeiro
Durante décadas, a esquerda soubo falar a unha maioría social ampla porque combinaba dúas cousas: protección dos máis débiles e horizonte de seguridade para quen traballaba e aspiraba a progresar modestamente.
Hoxe ese equilibrio parece máis fráxil.
O debate público tende ás veces a simplificar a sociedade en categorías demasiado ríxidas. Mais entre a exclusión social e a estabilidade cómoda existe unha franxa enorme de persoas que viven tensionadas. Con medo a baixar de nivel de vida. Ese espazo sociolóxico é decisivo. E se non é interpretado polo progresismo, será interpretado por outros , moitas veces por dereitas populistas que mesturan malestar económico, demanda de orde e reacción cultural. Non ofrecen solucións reais, pero si algo politicamente moi eficaz: recoñecemento emocional.
O mapa social xa non encaixa nos esquemas clásicos, pero moitas linguaxes políticas seguen falando como se nada mudase.
Non deixar as preguntas incómodas á dereita
Un dos erros máis custosos da esquerda europea foi ceder determinados debates ao adversario. Cando iso sucede, a dereita non só impón respostas: tamén escolle as preguntas. A esquerda debería poder falar de seguridade sen complexos. Tamén debería poder falar de corresponsabilidade. Os dereitos son irrenunciables, mais toda sociedade sostible require deberes compartidos
Un dos erros máis custosos da esquerda europea foi ceder determinados debates ao adversario. Cando iso sucede, a dereita non só impón respostas: tamén escolle as preguntas.
A esquerda debería poder falar de seguridade sen complexos. Non só da seguridade fronte ao delito, senón tamén da seguridade vital: poder vivir no barrio con tranquilidade, non temer perder a casa ou quedar sen ingresos tras unha crise.
Tamén debería poder falar de corresponsabilidade. Os dereitos son irrenunciables, mais toda sociedade sostible require deberes compartidos: fiscalidade xusta, respecto das normas comúns e coidado do espazo público.
E debería poder falar dunha política migratoria seria, afastada tanto da xenofobia como da inxenuidade. Existe mesmo un concepto para describir determinadas derivas xenófobas : welfare chauvinism, é dicir, o intento de reservar o Estado do benestar “para os nosos” e excluír aos demais. Combatelo esixe algo máis ca simple condena moral: require servizos públicos fortes, xestión eficaz, planificación responsable e unha política universalista crible que garanta dereitos sen alimentar agravios.
Hai dúas trampas simétricas neste debate. A primeira é a da dereita: converter unha ansiedade lexítima sobre a distribución dos recursos públicos nun relato de exclusión étnica. A segunda é a da esquerda: negarse a recoñecer esa ansiedade, tratala como pura incultura ou racismo latente, Cando o progresismo evita estes asuntos por medo a ser malinterpretado, non desaparecen. Quedan dispoñibles para quen os instrumentaliza peor: Vox e PP
A batalla que vén: a Clase Media
Quizais a cuestión decisiva da próxima década non sexa só económica nin identitaria, senón quén consegue representar ás clases medias inseguras sen abandonar á xente vulnerable
Non se trata de copiar o discurso da dereita. Trátase de non deixarlle o monopolio das preguntas lexítimas.
Quizais a cuestión decisiva da próxima década non sexa só económica nin identitaria, senón quén consegue representar ás clases medias inseguras sen abandonar á xente vulnerable. Se a esquerda non o fai, pode seguir gañando eleccións en momentos puntuais, impulsada polo medo a alternativas de Vox e PP. Pero iso non é hexemonía, é resistencia defensiva
Porque a cuestión non é escoller entre protexer aos vulnerables ou escoitar ás clases medias. A tarefa política madura consiste en facer ambas cousas á vez. Se o progresismo non entende isto, seguirá resistindo ás veces. Pero dificilmente volverá representar unha maioría duradeira.
Notas
1 En Galicia, segundo os datos recentes do IGE e do IGVS, o propietario típico que aluga non é un fondo de investimento nin un gran tenedor, senón unha persoa física, frecuentemente maior, cunha ou dúas vivendas e, en moitos casos, utilizando esa renda como complemento de pensión ou aforro familiar.
Bibliografía
1. Fraser, Nancy. Fortunes of Feminism. Verso.
2. Gil, Javier. Generación inquilina. Capitán Swing, 2026.
3. Gramsci, Antonio. Cadernos do cárcere.
4. Piketty, Thomas. Capital et idéologie.
5. IGE-IGVS. Caracterización socioeconómica das persoas propietarias e inquilinas que alugan vivendas en Galicia (2025).
6. Telmo, Adolfo. “Decreto, rentismo popular e vivenda: distinguir para protexer”. Praza.gal.