A esquerda en ebulición

Que a esquerda está en ebulición ninguén o dúbida. Non esta agora, leva algún tempo. Non é un proceso local senón global. Pero quizais sexa neste momento de fase de colapso na crise sistémica iniciada hai varios anos cando con máis forza se percebe a mesma.

As esquerdas do século XX están dando paso ás esquerdas do século XXI nun proceso que afecta a súa forma de interpretar o mundo, aos suxeitos sociais chamados a facelo e ás pautas e mecanismos de cambio. É algo que poderiamos chamar unha mudanza polidimensional en varios planos: epistemolóxico, ontolóxico e metodolóxico.

É unha mudanza que se esta a dar na esquerda a escala mundial, europea e tamén, como non podía ser doutro xeito, nacional

É unha mudanza que se esta a dar na esquerda a escala mundial, europea e tamén, como non podía ser doutro xeito, nacional. Unha mudanza que comezou na periferia do sistema, visto que a esquerda do centro do sistema tiña demasiadas concepcións dogmatizadas e abundantes ataduras estruturais co propio sistema que pretendía mudar. A esquerda europea, por exemplo caeulle o Muro de Berlín na cachola e pensou que podía seguir mantendo o estado social como un gueto de progreso como fixera no medio século anterior. Así, os antigos partidos comunistas e os vellos partidos socialdemócratas quedaron sen alternativas.

Paradigmático da situación da esquerda europea foi Italia onde tras anos da existencia dunha das esquerdas políticas máis potentes, esta fundiuse e o único que soportou os anos de berlusconismo foi a esquerda social cun desgaste que co tempo pasa factura.

Paradigmático da situación da esquerda europea foi Italia onde tras anos da existencia dunha das esquerdas políticas máis potentes, esta fundiuse e o único que soportou os anos de berlusconismo foi a esquerda social cun desgaste que co tempo pasa factura

Nos últimos anos teñen ido xurdindo diferentes proxectos novidosos na esquerda europea: Desde a máis coñecida Syriza, ata proxectos ecosocialistas como Sinistra Ecologia e Libertà ou o Parti de Gauche, sen esquecer o Bloco de Esquerda ou Die Linke que no seu momento formularon novas miradas as súas realidades. Pero sen dubida un dos proxectos de maior interese desde o punto de vista teórico e da praxe é o de ICV. Os próximos 19, 20 e 21 de abril,  ICV celebrará o seu X Congreso Nacional nun contexto marcado pola renovación xeneracional iniciada hai unha década.

O proxecto de ICV é un exemplo a seguir en moitos aspectos. Na solución nacional para superar a dicotomía nacionalismo/españolismo; na evolución cultural ‘limpa’ desde a esquerda transformadora do século XX á esquerda transformadora do século actual, do comunismo ao ecosocialismo; na construción dun proxecto de participación militante ligada aos movementos sociais; na formulación estratéxica de cambio con asunción de responsabilidades de goberno, na posta en practica de novas formas de facer política: paridade, elección de dirixentes por referendo, limitación de mandatos institucionais,...

Un proceso que non se podería entender sen as aportacións político-culturais dunha basta xeración de intelectuais de primeiro orde comprometidos co PSUC dos anos 70 e do que o seu máximo expoñente foi Manuel Sacristan. Un proxecto que ten servido de acicate para proxectos renovadores como Compromís no País Valencia, o MES (IV-PSM-Entesa) en Balears ou a Chunta en Aragón.

Tamén en Galicia a esquerda está en ebulición. Esquerda Unida celebrará a súa asemblea o 27 de abril, Anova farano o 8 e 9 de xuño, e Espazo Ecosocialista celebrará unha convención electoral en setembro

Tamén en Galicia a esquerda está en ebulición. Esquerda Unida celebrará a súa asemblea o 27 de abril, Anova farano o 8 e 9 de xuño, e Espazo Ecosocialista celebrará unha convención electoral en setembro. E as tres citas no medio dun proceso constituínte, que xa case ninguén nega, e co proxecto de AGE no centro dos debates.

Un proceso constituínte iniciado xa polas forzas da reacción como sinalaba a resolución aprobada o pasado 23 de marzo pola Coordinadora Nacional de Espazo Ecosocialista:

“Espazo Ecosocialista está convencido que diante da ofensiva económica, cultural e política por parte das forzas da dereita e das elites dominantes para o desmantelamento do ‘estado de benestar’ así como para a hexemonización ideolóxica do neoconservadurismo recentralizador e antisocial, coa intención de eliminar por medio dun proceso de recortes tódolos aspectos sociais e democráticos máis avanzados; necesitase un novo proceso constituínte, sen tutelas, onde a cidadanía exerza a súa soberanía e sustentado sobre os piares da radicalidade democrática, republicanismo, transparencia, sustentabilidade, xustiza social, cultura de paz e plurinacionalidade .

Fronte a esta situación requírese de alianzas políticas e sociais amplas que permitan frear esta contraofensiva e cambiar o rumbo das cousas para avanzar na recuperación de dereitos e liberdades. Pronto cumpliranse dous anos desde que o movemento dos indignad@s situou na axenda a necesidade de afondar na democracia como elemento central para recuperar o protagonismo da cidadanía e osixenar a política. É por iso que Espazo Ecosocialista puxo en marcha a campaña ‘por un novo proceso constituinte para o século XXI’ onde a radicalidade democrática é o elemento central.”

As próximas citas electorais, europeas e municipais, non son convocatorias ordinarias para elixir representantes senón que son citas de caracter extraordinario nese proceso constituinte

As próximas citas electorais, europeas e municipais, non son convocatorias ordinarias para elixir representantes senón que son citas de caracter extraordinario nese proceso constituinte:

“Espazo Ecosocialista reitera o seu análise de que estamos diante dun período constituínte, onde os procesos electorais por vir, comezando polas eleccións europeas, deben situarse nesa clave. É por iso que o traballo no marco da rede de forzas nacionais da esquerda renovadora e verde, Espazo Plural, adquiren hoxe unha grande importancia. Espazo Ecosocialista que recen acaba de incorporarse ao mesmo e asinou a ‘Declaración de Sevilla’, asistirá ao próximo encontro a celebrar en xuño en Valencia coa firme convicción da necesidade de impulsar alianzas electorais amplas que conten coa maior participación posible como xeito de que a esquerda renovadora teña o protagonismo necesario neste novo proceso constituínte.

Para Espazo Ecosocialista seria necesario que AGE promovera unha candidatura galega que como tal se visibilizara nas próximas eleccións europeas, no marco dunha alianza máis ampla de todas as esquerdas de ambito nacional e estatal [...] entendendo a importancia das eleccións europeas pero tamén sabendo que as municipais do 2015 pechan o ciclo iniciado nas municipais do 2011 e que son polo tanto extraordinarias, onde o que se xoga non é so unhas cantas alcaldías, senón a apertura dun novo ciclo político sen o dominio das actuais elites.”

AGE debe consolidarse como espazo cooperativo dunha nova esquerda aínda por construír

Por último, e tal como apuntabamos nesa mesma resolución, AGE debe consolidarse como espazo cooperativo dunha nova esquerda aínda por construír:

“Para Espazo Ecosocialista é fundamental consolidar AGE como expresión unitaria e nova de reinterpretar a política en Galicia. A irrupción electoral e a tendencia á alza que AGE ten amosado en tan pouco tempo amosan a necesidade de novos instrumentos e a simpatía coas que a cidadanía ten acollido esta resposta transversal para construír un instrumento da esquerda de caracter nacional e cooperativo ao servizo dos sectores máis atacados polas actuais políticas. Espazo Ecosocialista é consciente das dificultades que ten crear cultura de cooperación e coalición nun panorama tan dado ao reducionismo político e ao sectarismo ideolóxico, por iso é central asegurar a continuidade da coalición electoral construíndo marcos de confianza e estruturas de relación entre as forzas políticas que a constitúen. Pero igual de importante, e sen caer nos partidos ou frontes clásicas e disuasorias da militancia partidaria, construír espazos de feedback para a cidadanía que en número crecente apoian a AGE.”

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.