Durante os últimos días, nas redes sociais e nas conversas con compañeiros e compañeiras de variada condición profisional, vou constantado a formación de dúas grandes reaccións perante o coronavirus entre a xente que se considera de esquerdas.
Vou constantado a formación de dúas grandes reaccións perante o coronavirus entre a xente que se considera de esquerdas. Por unha banda, a reacción antipánico. A segunda reacción é a teoría conspirativa
Por unha banda, a reacción antipánico.
Esta reacción de calma e relativismo busca asentar a resposta social e política contra o coronavirus na evidencia científica disponible. De tal modo que antepón o criterio sanitario experto ao criterio da oportunidade política. Tal atitude, que conecta coa moi noble tradición da esquerda cientifista e ilustrada que vai desde Marx a Mario Bunge, está moi alerta contra os bulos e posverdades ás que estamos tan acostumados.
Porén, unha das grandes debilidades desta reacción é que os datos científicos disponibles sobre a orixe, natureza e efectos do coronavirus non son precisamente tranquilizadores. Carecemos ainda de moita investigación ao respecto, polo que a incertidume en importantes aspectos é inevitable. O coñecemento científico ten lagoas, polo cal non podes permitirnos delegar totalmente nos “técnicos” de bata branca a construción da resposta pública idónea e proporcional ao problema.
Sendo isto así, imponse a necesidade de acodir a outro grande principio que ningunha persoa de esquerdas do século XXI poderá deixar de recoñecer como integrante do seu acervo ideolóxico-político: o principio de precaución.
Este principio foi incorporado no artigo 3 dunha das últimas leis aprobadas na segunda lexislatura de José Luís Rodríguez Zapatero –a Lei 33/2011, xeral de saúde pública– e dí así: “a existencia de indicios fundados dunha posible afectación grave da saúde da poboación, ainda cando houber incertidume científica sobre o carácter do riesgo, determinará a cesación, prohibición ou limitación da actividade sobre a que concorran”. Na resposta do goberno estatal á crise sanitaria, este punto de vista estivo e segue a estar ausente. Sorprendentemente, a día de hoxe, na semana máis crítica, dous Consellos de Ministros pasaron sen adoptar o máis que necesario estado de alarma.
Ese mesmo principio de precaución que os de esquerda non nos cansamos de invocar nas loitas ambientais, debe, pois, tomar protagonismo entre o arsenal conceptual da esquerda para deseñar a resposta idónea a esta crise sanitaria. Por exemplo, axudando a planificar as accións a adoptar a curto, medio e longo prazo, por moi drásticas o agresivas que resulten para a zona de confort dunha sociedade capitalista contemporánea encadeada ao círculo vicioso do traballo-ocio-traballo. Non podemos seguir “dosificando” ordes ministeriais e powerpoints. É preciso pór a sociedade ao ralentí xa con normas claras. Canto antes o fagamos, antes poderemos retomar a normalidade.
A segunda reacción é a teoría conspirativa.
A forma máis tosca desta teoría considera que a orixe do coronavirus obedece a unha finalidade xeoestratéxica que descoñecemos. A un plan preconcebido por algunha Axencia Internacional do Mal, que decidiu liberar o bichiño en China para criar un caos sistémico e dominar o mundo.
Máis ou menos, é a mesma teoría indemostrable que cada ano repite miña nai cando aparecen os escarabellos nas patacas: botáronos nunha avioneta os de Bayer pola noite, e se non se escoitou a avioneta é porque os botaron desde un dron moi silencioso.
Unha forma máis benigna –e ao tempo, máis sofisticada– desta teoría é a que invoca a célebre obra de Naomi Klein sobre a “doutrina do shock” para dotar dun marco explicativo ao coronavirus.
Con independencia da orixe causal do coronavirus, esta teoría considera que a crise sanitaria vai ofrecer un contexto idóneo para que as elites que dirixen e se benefician do Capitalismo Global procedan a facer pingües beneficios económicos (mediante a explotación da eventual vacina, a privatizacion da sanidade), degradando os dereitos dos cidadáns, distorsionando a democracia, e aumentando, en definitiva, a desigualdade no acceso aos recursos básicos da poboación. Establécese así un paralelismo ou secuencia co crash económico mundial do ano 2008: “isto é como...”
Mesmo sendo máis pertinente como marco explicativo, os problemas desta teoría son dous:
Primeiro: non acaba de cadrar ben coa natureza da crise epidémica do coronavirus.
A crise do 2008 foi unha crise financieira mundial. A crise do 2020 é unha crise sanitaria mundial cuxos efectos non coñecemos nin podemos predecir a partir de experiencias pasadas.
O coronavirus non terá unha alta taxa de mortandade, mais afectará a sectores vulnerables, e bloqueará intensamente durante uns meses a mobilidade das persoas. Con isto a recesión económica será inevitable, pola caída da produción industrial e do consumo a escala planetaria.
Mais contodo, esta recesión terá uns efectos menos duradoiros no tempo. Precisamente por iso, todos os países e instancias internacionais están reclamando o contrario da austeridade, ou sexa, incrementar o gasto público para que sexa ese gasto o que financie a loita contra a enfermidade e compense directamente ás familias pola inmobilización temporal que terá que atravesar. A novidade é que nesta crise o sistémico son as propias persoas. A elas son ás que haberá que rescatar cun sustancial incremento de gasto público dirixido directamente a elas.
A esquerda debe reflexionar en termos políticos estratéxicos sobre esta crise sanitaria mundial. Debe construir a súa propia axenda política ao respecto
Por suposto, haberá quen trate de aproveitarse da situación, apañando a auga para o seu muíño, pois as crises son inevitables focos de descontrol e pillota de diñeiro público. Será responsabilidade de todos nós estarmos moi alerta e vixilantes, sen baixar a guarda.
Segundo: dá por sentado que a esquerda non vai ser unha actora consciente, capaz de alterar a estratexia de aproveitamento da situación polos poderes fácticos mediante a súa propia estratexia.
Non fai falta ser Warren Buffet para afirmar que a clase dirixente é perfectamente consciente da situación, e non vai dubidar en aproveitala para favorecer os seus intereses. Sería inxenuo non recoñecelo así. Mais a clave, como sempre, vai ser se desde a esquerda seremos capaces de identificar unha diagnose e unha estratexia común que poña a situación actual ao servizo das maiorías sociais.
Alén da resposta sanitaria de guerra a curto prazo, a esquerda debe reflexionar en termos políticos estratéxicos sobre esta crise sanitaria mundial. Debe construir a súa propia axenda política ao respecto.
Para comezar, debe activar ao 1000% os valores da súa tradición: a fraternidade, a solidariedade (de clase, interxeracional, de xénero), a sororidade. Na casa, na rede de amizades, no barrio, na asociación veciñal, no traballo, nos servizos públicos...Debemos coidar que o illamento sanitario ou a propia doenza non se traduza en rutura dos vinculos sociais, senón no seu estreitamento.
Elementos dun decrescimento obrigatorio que, unha vez experimentados, poden acabar converténdose en socialmente aceptados
Mais tamén, nun sentido máis profundo, debemos aprender a contemplar a crise sanitaria non só como unha experiencia – que non será a única nin a máis grave – dos riscos sistémicos que ameazan a sociedade contemporánea, senón sobretodo como ensaio de certos elementos que poden dar o paso a unha sociedade poscapitalista. Se así se quer, dos elementos dun decrescimento obrigatorio que, unha vez experimentados, poden acabar converténdose en socialmente aceptados. Velaí, por exemplo, o teletraballo, ou a sustentabilidade financieira dunha renda mínima universal.
Durante a longa cuarentena social que se achega, convido á leitora a consultar neste sentido o recente artigo de Joaquim Sempere, “Por un proyecto de salvación pública ante el desastre climático y ecológico”, ao que só lle faltou engadir outro desastre: o sanitario que temos enriba.
Actuemos con lucidez, actuemos con valentía. Adiantémonos ao noso tempo.