A esquina do mapa que podería ser nación (se quixeramos os nacionalistas)

CC-BY-SA Praza Pública

Ya los fieros enemigos se alejaron, / no resuena el ruido de sus botas, / nos pasaron por encima y nos ganaron, / nos dejaron en derrota. / Perdimos, perdimos, perdimos otra vez”. (Ya el sol asomaba en el poniente, Les Luthiers)

Querido sobriño: Cando aí son as once da noite, acá, en Buenos Aires, aínda son as seis da tarde. Que lle imos facer, estas cousas pasan. A culpa é do fuso horario. O domingo pasado, a esa hora, ás seis da tarde, acendín o televisor e pilleinos falando das eleccións españolas. Estaba na pantalla un tal Abascal. Revolvéuseme tanto o estómago que mesmo tiven ansia de vomitar. E vomitei. 

Ao regresar do váter deixei caer o corpo moído no sofá, mentres me imbuía unha tristura aceda, a medida que ía cheirando como ficara a cousa. Mal, moi mal! Aínda así, pensei: «É culpa do outono. A caída da folla, tantas árbores espidas fan que se me derrube a alma. Hai que aguantar un mes, cando afresquen os días hame de pasar». 

Ás veces, só ás veces, todo muda nun santiamén. Por arte de virle virloque, a escape notei que se me erguía o ánimo. Foi xustiño despois de escoitar os líderes dos partidos nacionalistas galegos. Que fenómenos! Axiña puiden verificar como aquel rigor tan rigoroso e a súa sublime capacidade de análise superaban en anos luz a incongruencia dos outros catorce pailáns que non facían máis ca gabarse por ter conseguido representación nas Cortes. Os nosos son xente modesta: «O campo estaba embarrado, mais nós xogamos limpamente, ho! No noso marcador hai un cero redondo, incólume, impertérrito. Iso é irrelevante, nós trunfamos. Antonte andabamos cara a atrás, mais agora só corremos cara a adiante e, dentro de un mes, campións. E se as cousas non pintan ben, non pasa nada. Avanzamos! 

Cantabria consigue un e ascende de provincia a rexión, Valencia tamén está aí, Canarias ten dous, Euskadi tenos todos e Catalunya non para. Mais iso é totalmente insignificante. Os fenómenos somos nós. Como na medalla do amor: «Hoy más que ayer, pero menos que mañana». Viva San Valentín, coño! 

Ah! Se os ves por aí, estimado sobriño, primeiro felicítaos da miña parte e despois dilles que, para matar o rato están moi ben os seus equipiños, mais para competir é moi recomendábel que, entre todos, armen unha selección. E, aínda así, xa veremos. Os outros tamén saben xogar.

Unha aperta grande. Lisardo Quintas Teixeira. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.