No vindeiro outono cumpriranse 5 anos dunha das maiores crises políticas rexistradas no Estado español dende a morte de Franco. Despois dun amplo período de xestación, nos meses de Setembro e Outubro de 2017 sucedéronse dous acontecementos inéditos: a declaración da independencia de Cataluña polo Parlament e a aplicación do artigo 155 da Constitución por parte do goberno de Mariano Rajoy.
A constatación da existencia dunha fonda división na sociedade catalá a respecto da súa relación coa arquitectura institucional establecida a partir da Constitución de 1978 supuña un cambio moi relevante sobre os consensos sociais que presidiron a dinámica política de Cataluña entre os anos 1980 e 2010. Durante esas décadas, CiU e PSC foron as formacións dominantes dun taboleiro partidista mais plural do que había noutras latitudes e, ao mesmo tempo, capaces de manter acordos significativos sobre algúns criterios básicos da gobernanza de Cataluña (entre outros a común defensa do marco constitucional vixente). A pesar de que, durante moito tempo, Jordi Pujol non quixo acometer un proceso de reforma do Estatut, a coalición nacionalista que presidía -CiU- aceitou, finalmente, negociar co PSC e IC a proposta de cambio estatutario que promoveu Pasqual Maragall (e que non contou co apoio de ERC nin tampouco do PP). Como é sabido, a posterior decisión do Tribunal Constitucional asumindo unha parte substancial do recurso presentado por M. Rajoy e o seu partido dinamitou os consensos anteriores e provocou un punto de inflexión na vida política catalá.
Os efectos da crise de 2017 non ficaron reducidos ao ámbito territorial de Cataluña. A forte polarización que se manifestaba no interior das institucións representativas dese País tivo consecuencias importantes na dinámica política do conxunto do Estado: medre notábel dun nacionalismo español excluínte, explícito achegamento entre PSOE e PP no tratamento do conflito (lémbrese o apoio socialista á utilización do artigo 155) e cativo apoio social ás forzas que postulaban canles de diálogo e negociación como xeito de acadar novos acordos fulcrais entre os sectores enfrontados.
A moción de censura de 2018 que posibilitou a chegada de Pedro Sánchez á Moncloa e, sobre todo, a formación dun goberno de coalición entre o PSOE e Unidas Podemos -apoiado polas principais forzas nacionalistas periféricas- a partir de xaneiro de 2020 modificou os termos das relacións entre os gobernos do Estado e da Generalitat. A indiferenza e/ou belixerancia exhibida pola equipa de Rajoy foi substituída por unha liña de maior colaboración que tivo dúas concrecións relevantes: a concesión dun indulto que permitiu a saída do cárcere dos dirixentes independentistas previamente condenados polo TS e a posta en funcionamento dunha comisión bilateral específica para discutir as propostas formuladas dende cada goberno e acordar, no seu caso, fórmulas para reconducir a situación de conflito existente.
A mellora evidente da situación política a respecto de Cataluña non significa a desaparición das dificultades que concorren neste contencioso. Unha nova maioría conformada polo PP e Vox implicaría, previsibelmente, un retorno aos tempos de máxima crispación
A mellora evidente da situación política a respecto de Cataluña non significa a desaparición das dificultades que concorren neste contencioso e que se poderían resumir nesta dupla consideración: o apoio á independencia non posúe a dimensión suficiente no seo da sociedade catalá para asegurar a viabilidade dese proxecto no actual contexto europeo e non existe -no ámbito do Estado español- o nivel de consenso necesario para realizar os cambios no actual ordenamento xurídico que se requirirían para viabilizar tal opción. O camiño que semellaría mais practicábel atoparíase na consecución dun novo status político para Cataluña que, construído a partir dunha vontade de achegamento de todas as partes involucradas, esixiría importantes concesións mutuas (o aprazamento da saída independentista e cambios significativos no contido do actual autogoberno catalán).
Faltan 18 meses para a cita electoral que definirá a nova composición do Parlamento estatal. Se o resultado fose o que hoxe se reflicte na maioría dos abondosos sondaxes publicados, habería, con moita probabilidade, unha nova maioría conformada polo PP e por Vox. Iso implicaría, previsibelmente, un retorno aos tempos de máxima crispación que xa se viviron nos momentos previos a 2017. Convén non esquecer que o PP -e o partido de Abascal- teñen presentado recursos contra os indultos e contra a nova lexislación lingüística aprobada pola Cámara catalana sen que, ao mesmo tempo, Feijoo dispoña de interlocutores solventes no espazo do nacionalismo catalán (aqueles tempos do idilio de Aznar con Pujol, xa non existen).
Esta constatación podería ser un incentivo para que as actuais forzas integrantes do goberno de coalición recibisen un nivel de apoio electoral que permitira reeditar a fórmula de gobernabilidade plural que hoxe coñecemos. Poren, hai síntomas de que a participación do independentismo catalán -e tamén de Bildu- nas maiorías parlamentares que veñen aprobando as principais leis dende 2019 provoca serias dificultades á hora de asegurar a fidelidade dunha parte do electorado socialista. E tamén hai evidencias de que o PP segue instalado na coñecida lóxica de "canto peor, mellor" e de que todo vale -incluído o deterioro do clima político en Cataluña- para chegar á Moncloa.