Por aquí sómoslles, dicíamos aí atrás, europeístas da matanza. Xa o cantaban os Resentidos: non por prohibición, divina ou humana, deixaremos de procurar algo ao que lle tirar a vida. E se non queda ranchiño na corte (nin corte: os rapaces da casa, que tiran máis polo urbano, prefieren as frebas do Mercadona) pois nós, mire, fieis á submisión, así, sen complemento indirecto. Xa se encargará España, como ata agora, de solucionalo.
As políticas dos últimos cen anos, sen escarabellar moito na codia do tempo, deron nesta traxedia que poder ningún ve como tal. Escollemos non nacer, que é coma suicidarse por whatssap, porque o que se nos ofrece non paga o esforzo. E non indigna o silencio ao que estamos afeitos, veña de onde veña: nada se esperaba dos partidos con presenza institucional e nada, efectivamente, recibimos. Menos aínda do Tribunal Constitucional nin do que aló faga o da Haia. Espanta, iso si, a incapacidade para a concepción dunha alternativa que afronte a extinción. O máis radical ao noso alcance agora mesmo é tomar o poder para prender os cirios do noso propio enterro.
En definitiva imos ao carallo, lingua incluída, se non acadamos unha miga de poder político. Aínda que nada garanta a medio prazo, porque se require xente moi capaz para deseñar obxectivos, ferramentas e prazos. Iso e, tal como van as cousas pola –digamos- esquerda, un milagre. É dicir, non cremos nin en nós mesmas. E de seguirmos así, logo non quedará xeración vindeira á que convencer da conveniencia de seguirmos votando dereita e/ou españolismo.