A fin da ilusión de vitoria inicia unha nova etapa

Levabamos tanto tempo vivindo nesta ilusión de vitoria, que xa non recordabamos o fodido que era perder. Baño de humildade e reflexións, sempre. Pero que sexa humildade e reflexión e non autoflaxelación e recriminación. Haberá quen pense que, despois de todo, quedar terceiros case en paralelo co PSOE non é tan mala cousa. Certo. Pero coido que non me engano se digo que todos/as estabamos a pensar nun obxectivo bastante máis alto. Moito me temo que a perda desa sensación de vitoria sexa o sentimento que pecha un ciclo de movementos aberto co 15M en 2011. Hai poucas semanas comentábame unha compañeira que se abstería nas eleccións do 26X porque xa non se recoñecía no discurso posto en marcha durante a campaña. Atribuía ás forzas do cambio un cálculo electoralista que rozaba o maquiavélico e a vella política. Non debeu ser a única que advertiu iso.

A alianza de Podemos e Esquerda Unida, configurada en clara clave madrileña e negociada nun despacho a porta pechada non produciu un transvase de votos cara Unidxs Podemos segundo din algúns/has analistas. E os datos avalan esa hipótese. Sen embargo a dimensión política do erro lévanos a plantexar cuestións moito máis interesantes. Pode ser que a “maquina de guerra electoral” acabase de atopar os límites de Laclau e os seus significantes flotantes? Eramos conscientes de que a irrupción de Ciudadanos restáballe transversalidade á estratexia de Podemos. O pacto con Esquerda Unida pode que rematara de “fixar” á formación nun determinado espazo electoral, algo completamente normal e inevitábel conforme Podemos comeza a cargar coas decisións tomadas no pasado inmediato, e máis nunha Europa con enormes tradicións políticas. Ten algo moi positivo esta caída en votos; demostra a existencia dun suxeito profundamente crítico que vai penalizar aquelas desviacións discursiva que considere como tal.

Pola banda de EnMarea, creo que o honesto é dicir que non foi capaz de sobresaír durante a campaña cun discurso propio que configurase ese relato galego do cambio, e que se viu arrastrada por unha campaña centralizada na meseta.

For coma for, acaba de nacer un momento significativamente novo no que xa non vale xogar en curto, onde o escenario se redimensiona e falar de corrupción xa non dá votos. Onde o debate vólvese, necesariamente máis denso e cobra importancia saber que facer cunha Unión Europea en descomposición. Onde o Brexit coloca á extrema dereita europea como actor con iniciativa, e o empurre do soberanismo e as desigualdades sociais se asentan como eixos de confrontación política. O fracaso da pretérita guerra lóstrego coagúlase coa fin dese marco de ilusión, e inicia un período no que o esencial é saber onde está situada cada trincheira.

Destas últimas eleccións, así como das municipais de 2015 quedamos con algunhas boas posicións de partida, e un suxeito social considerabelmente amplo, pero non coa hexemonía da marxe esquerda nin cun aliado no Goberno español. Agora toca comezar a pensar no próximo reto en Outono, sabendo que o noso suxeito social ten toda a vontade de penalizarnos se a frase: para que nada siga igual, non se solidifica nunha proposta electoral realmente ruturista, tanto programática como organizativamente. 

E é que, finalmente, o asalto dos ceos sempre foi coma entallar madeira. Unha tarefa que require esforzo, tempo e precisión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.