A fin – da fin – das ideoloxías

“Naqueles que non atopan a saída á decadencia, manifestase entón o medo á esperanza e contra a esperanza”.
Ernst Bloch: O principio esperanza.


Foi hai uns cinco ou seis anos, a douscentos metros de onde Paco Vázquez chantou unha prominente bandeira rojigualda constantemente vixiada pola policía local. O lugar chamábase –chámase- a cociña económica, que non é un lugar no que se imparten cursillos para aprendices de cociña barata, senon o lugar no que as contemporáneas estampas dickensianas de A Coruña van na procura dun acougo para a fame.

Creo que xa comezaba a decatarme da frialdade á que pode chegar certa obxectividade científico-social e certas metodoloxías de investigación

Hai cinco ou seis anos, sí, o noso profesor de Estrutura social citounos aquí co obxectivo de obter datos para un hipotético traballo de investigación. No mesmo momento en que me deron o cuestionario coas preguntas pertinentes decateime de que os resultados da investigación serían tan superficiais e chatas como as preguntas alí formuladas. Creo que xa comezaba a decatarme da frialdade á que pode chegar certa obxectividade científico-social e certas metodoloxías de investigación que parten do postulado de que as relacions e os problemas humanos poden ser intelixíbeis na súa raizame dende a Santa inquisiçao da estadística, e recordo que ese día, mesmamente ese día, sentinme coma un funcionario do pensamento científico diseccionando a unha rata para obter os resultados desexados.

Fixárame moito nunha señora de mediana idade, con ollos marrons moi claros e morena. Non existía nada na súa vestimenta que dese lugar a sospeitar que pasaba por serios apuros económicos, ao contrario, trataba de disimulalo cun abrigo de pel, maquillaxe e un xogo de pulseiras e pendentes que parecían, dende logo, de todo menos baratos. A roupa, dixéranme máis adiante os meus compañeiros de clase, era unha doazón de Cáritas.

Hai quen sente vergoña da súa miseria, mais hai quen non, así que se un sente a necesidade de aparentar o que non é… sempre poderá botar man das caritativas sobras do armario roupeiro desa clase á que tan ben retrataba Thorstein Veblen en Teoría da clase ociosa. Porén, se un non sente a necesidade de aparentar o que non é, simplemente sentará na acera esperando a súa quenda mentras apura os últimos tragos ao seu viño de cartón mercado coas esmolas matutinas, que é o que facía a meirande parte dos comensais da chamada cociña económica. “A maioría dos comensais son pensionistas, Diego” -. Recordo que me dixera Ramón Tenreiro, o meu mellor compañeiro daquela na universidade.

A cidade sabe moi ben como agochar á propia canaille que produce o seu hiper-selectivo mercado laboral

Nas cidades, a miseria non é tan visualmente palpable como nas vilas, mais existe. A cidade sabe agochala moi ben nas súas cárceres, institucions de hipotética reinserción para alcohólicos e drogadictos, xeriátricos, psiquiátricos.. etc. A cidade sabe moi ben como agochar á propia canaille que produce o seu hiper-selectivo mercado laboral, esa canaille que non é outra cousa que o desagradable contrapunto, a dolorosa disonancia sociolóxica que se esconde detrás ou baixo as fachadas dos rañaceos, o corte de manga ao sorriso pop e á despreocupada indolencia indie do capitalismo contemporáneo, hiper, moderno, postmoderno ou post-post-post-moderno (sic).

O realmente incríbel dos contrastes non é que xa non se queiran percibir como tales, o incríbel é que existan en lugares situados a non máis de dez metros de distancia o un do outro. As miradas micro-xeográficas visualizan, por exemplo, como na zona centro de A Coruña, afastándonos da Praza de Pontevedra en dirección á Praza de España, existen dous itinerarios existenciais posibles: un deles bordea rañaceos, escaparates e sucursais bancarias. As parellas apértanse e bícanse, camiñan lenemente, sen presas, levando a súa correspondente bolsa da compra entre o intermitente latexar das luces de neón. O outro itininerario bordea bares pequenos e suxos frecuentados por prostitutas, yonkies e vellos solitarios con cara de soedade perpetua. O escenario: pequenas casas con fachadas agretadas, con portas e fiestras de madeira caseque carcomida polo tempo e pomos de ferro oxidado.

As miradas micro-xeográficas visualizan, por exemplo, como na zona centro de A Coruña, afastándonos da Praza de Pontevedra en dirección á Praza de España, existen dous itinerarios existenciais posibles

 

Aquí, nestas micro-xeografías da miseria, non existen os sorrisos; durante os 7 anos que vivín en Coruña preto do cemiterio de San Amaro, só percibín silencio e xestos ensimesmados. Non é un arrouto poético: para pasar do frenesí e o ruido dunha serpe multicolor de seres humanos camiñando ansiosamente, con sucursais bancarias, luces de neón, casinos, rañaceos e grandes escaparates como escenario, ao silencio mudo de seres humanos consumíndose nun nihilista auto-illamento, con bares suxos e fachadas vellas a punto de derrubarse polo paso do tempo, só fai falla dar 20 pasos cara a dereita por un pequeno calexón e… ¡et voilá!, velaí están: dous mundos tan xeograficamente cercanos como existencial e afectivamente alonxados, ignorándose recíprocamente.

Se se fixese unha cartografía visual e xeográfica da miseria en Galicia, España e Europa pode que comezásemos a recoñecer as diferenzas e semellanzas que temos coas veas abertas de América Latina, África, China, Asía pacífico.. etc. Ou sexa, coas veas abertas do planeta. Esas veas que Eduardo Galeano comezou a visualizar xa hai moito tempo no seu continente, e que levan o selo inconfundible da mirada Benjaminiana. Pode, tamén, que comezásemos a coñecer mellor as palpables consecuencias, aínda a día de hoxe, das veas abertas que existiron – e existen – nese longo, bárbaro e criminal devir de séculos de colonialismo euro-americano, non só nas sociedades e culturas de recepción e/ou destino da mirada e a praxe colonial, senon tamén nas sociedades e culturas de creación e/ou orixe da mesma.

A mirada colonial precisa de múltiples discursos e saberes tecno-científicos para poder eliminar calqueira caste de disidencia ou rebeldía

A mirada e a praxe colonial fai dano tanto dentro coma fóra dos nosos sentimentos e xeografías de pertenza singularizados, o seu leitmotiv é fundamentalmente económico, sí, mais a súa racionalidade, esencialmente instrumental, dun pragmatismo esencialmente totalitario, precisa de múltiples discursos e saberes tecno-científicos para poder eliminar calqueira caste de disidencia ou rebeldía: O dereito, a filosofía, a economía, a antropoloxía, as enxeñerías, a publicidade, a comunicación.. etc; ningún saber escapar á súa condición de instrumento na cristalización progresiva de imaxinarios, relacións, institucións e saberes que representen ao proceso in-civilizatoria do capitalismo corporativo como un proceso necesario, lóxico ou funcional.

A moda da fin das ideoloxías – non/anti ou alter-capitalistas- todavía está a pasar polo principio do fin do seu ocaso

É por iso, coido eu, persoalmente, que a moda da fin das ideoloxías – non/anti ou alter-capitalistas- todavía está a pasar polo principio do fin do seu ocaso. O seu fin, cando non, como mínimo, a súa perda de engagement na sociedade civil, tirá que vir necesariamente acompañada dunha convicción interior, sí, dunha nova revolución contra-cultural non mercantilizada, si, mais o suficientemente significativa, a efectos sociais e demográficos, como para poder ser considerada coma unha alternativa civilizatoria realmente posible.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.