A fogueira das vaidades

Sábado, 17 Marzo de 2012. O diario ABC sae aos kioskos co seguinte titular: “Petróleo Español: o goberno autorizou onte a Repsol a procurar cru en augas de Canarias co fin de reducir a elevada dependencia enerxética de España”. Hai xa uns dez anos que se comezaron a facer prospeccións para confirmar a existencia de cru nas illas de Fuerteventura e Lanzarote. Xosé María Aznar, o ex-presidente do estado, aprobou precisamente o 21 de Decembro do 2001 un decreto que autorizaba á compañía Repsol-YPF levar a cabo as devanditas prospeccións. Tres anos despois do decreto, o tribunal supremo e a sociedade civil canaria –o primeiro, paralizándoo debido á falta de informes medioambientais, e a segunda, posicionándose directamente en contra pola súa inviabilidade ecolóxica- lograron frear o proxecto.

A historia continúa: o Consello de Ministros autorizou de novo a Repsol-YPF este 16 de Marzo seguir facendo prospeccións a 61 quilómetros da costa canaria

A historia continúa: o Consello de Ministros autorizou de novo a Repsol-YPF este 16 de Marzo seguir facendo prospeccións a 61 quilómetros da costa canaria. As bolsas de petróleo atópanse a máis de 3000 metros de profundidade, co cal as perforacións terán que atravesar 1000 metros de lámina de auga e 2000 de subsolo mariño; os contos da leiteira  xa están calculados e prometidos, mais dos custes ecolóxicos concretos da perforación, por suposto, non se fala, nin a nivel macro-político nin a nivel macro-comunicativo. O conto da leiteira é o seguinte: a cambio dos permisos de perforación prometemos 5000 postos de traballo e unha inversión de 10.000 millóns de Euros a 20 anos, aos que hai que sumarlles o millón de dólares -770.000 euros- diarios relativos ao custe do aluguer do buque con tecnoloxía avanzada que levará a cabo o proceso de extracción. Delirante. 

É importante destacar que o 55 % das importacións de cru que realiza España repártense entre Arabia-Saudí, Irán, Nigeria, Irak, Libia e Angola, principalmente. O 12%, emana dende a terra e o mar de México. Unha ridícula porcentaxe repártese entre Noruega e o resto de países Europeos e un 32 % repártese principalmente entre Rusia e outros países non occidentais que non forman parte da OPEP. O delirio e a paranoia futurista das nosas petro-democracias liberais é tan grande que xa apenas se repara no absurdo de semellante gasto nos procesos de extracción dunha enerxía cada vez máis preto da súa obsolescencia. Será, seguramente, dramático, para as xeracións futuras, ler a verdadeira historia de ecocidios e guerras mediatizadas que latexan e latexaron baixo a expansión do consumo civil de hidrocarburos. 

 

Será, seguramente, dramático, para as xeracións futuras, ler a verdadeira historia de ecocidios e guerras mediatizadas que latexan e latexaron baixo a expansión do consumo civil de hidrocarburos

O que non pode ser, non pode ser, e ademais, é imposíbel : na península ibérica extráese un ridiculísimo porcentaxe de todo o cru que se consume a nivel planetario. A suposta vontade de “redución da dependencia enerxética” que pregoa o goberno só pode tomarse, ou ben coma un folclórico e casposo nacionalismo petroleiro de pedigrí hispano que pretende presumir dunha futuríbel “soberanía enerxética”, ou ben coma o capricho curtoprazista e irreflexivo que impera en tódolos consellos de administración do grande empresariado global localmente manifestado no estado español; os soños do crecemento e o lucro fácil sen control público-estatal sobor o impacto medioambiental de determinados procesos extractivos e/ou produtivos que, co tempo, convértense en consumos individuais socialmente consentidos, tarde ou cedo, chegará ao seu fin, así que é hora de manifestalo en alto: non podemos seguir enchendo as veas das nosas cidades de automóbiles impulsados con petróleo, xa non só pola súas evidentísimas disfuncionalidades circulatorias, senón tamén polo seu evidentísimo impacto medioambiental e, sobor de todo, polos centos de millóns de civís inocentes que custou historicamente a expansión planetaria do binomio automóbil-petróleo. 

No more blood for oil é, dende logo, unha declaración de principios abondo gráfica e expresiva para resumir o profundo malestar moral que xera a motivación elemental latente nas guerras modernas

No more blood for oil é, dende logo, unha declaración de principios abondo gráfica e expresiva para resumir o profundo malestar moral que xera a motivación elemental latente nas guerras modernas. Un malestar que se deixaba ver nas ateigadas rúas de Nova York, Washington, Londres, Madrid, París, Berlín… etc, xusto no mesmo momento en que se preparaba mediática e políticamente a guerra de Irak. Podemos concluír, así pois, sen deixarnos levar por optimismo e voluntarismo inxenuo, que a global civil society sí ten coñecemento concreto e capacidade de anticipación no que se refire á preparación político-mediática da enésima guerra, o que non ten é influencia cultural suficiente e poder político efectivo, real, tanxible, para por freo ao libre mercado da industria público-privada que arma aos exércitos profesionais, e moito menos cando, dende a eufemisticamente chamada administración pública, o novo fascismo elimina tódolos dereitos liberal-democráticos tipificando, ademais, como delito, a desobediencia civil pacífica que reprime violentamente en nome da salvagarda do estado de dereito. 

Henry Miller preguntábase que clase de historia estudarían as xeracións futuras á vista da profunda desorde e sensentido do modus vivendi industrial-produtivista da civilización occidental, xa hai séculos en imparable proceso de expansión planetaria. Mesmo bromeaba coa posibilidade de poder resumila no reverso dun selo. É moi probable que a resposta á profética pregunta de Miller sexa : pois estudarán a mesma historia que estudamos nós no colexio. Ou sexa, un cúmulo de datos e feitos históricos escollidos interesadamente pola jet-set da época para canonizar academicamente unha interpretación edulcorada que agocha centos de miles de testemuñas de humillación, tortura e explotación do home polo home. No reverso do selo, poderiamos resumila así : Unha barbarie perpetua estatística e filoloxicamente narcotizada.

O comunicado oficial da diplomacia española evidencia o seu patetismo pola seguinte razón: porque a agresiva solemnidade coa que se expresa oculta o feito de que as elites políticas do novo fascismo de pedigrí hispano non pintan nada

Mentres tanto, a historia continúa. Os informativos estatais e autonómicos, a meirande parte da prensa escrita, o consello de administración das grandes familias que xestionan os intereses xeoestratéxicos de Repsol YPF-España dentro e fora da península, o consello de ministros e a diplomacia española, enzárzanse nunha patética loita diplomática coa administración de Cristina Kirchner con ameazas incluídas. A partícula elemental do conflito é de sobra coñecido: o control xeoestratéxico dos recursos enerxéticos, quer en réxime público-estatal, quer en réxime de propiedade privada, do xacemento de Vaca Muerta na provincia arxentina de Neuquen.

O comunicado oficial da diplomacia española, afirmando a súa vontade de tomar represalias -sic- contra Arxentina, evidencia o seu patetismo pola seguinte razón: porque a agresiva solemnidade coa que se expresa oculta o feito de que as elites políticas do novo fascismo de pedigrí hispano non pintan nada, absolutamente nada -agás coma tonto útil- niso que chaman a comunidade internacional; pouco despois de coñecerse a vontade da administración Kirchner de materializar a expropiación do 51 % das accións de Repsol-YPF, sen ir máis lonxe, a reacción automática da diplomacia Española foi buscar o respaldo da Casa Branca, a comisión Europea e o G-20, actualmente presidido polo ultra-liberal Felipe Calderón. EE.UU é o segundo máximo inversor estranxeiro en Arxentina despois de España e, evidentemente, non ten ningún interese na nacionalización de Respol-YPF Arxentina. As declaracións oficiais de Durao Barroso dende a comisión Europea tamén se posicionaron na mesma filosofía económica, expresando, textualmente a súa expectativa de que Arxentina respectase os seus “acordos internacionais na protección da inversión”.

Os múltiples arquipélagos de miseria e desigualdade poden manterse intactos, quer dentro dun capitalismo de natureza máis estatalista e industrial, quer dentro dun capitalismo con maior protagonismo da iniciativa privada e o sector financeiro

En calquera caso, ao meu xeito de ver, a partícula elemental do acontecemento consiste en que a diplomacia española pretende teatralizar unha fortaleza e unha autonomía que non ten por sí mesma e que a nacionalización do xacemento de Vacas Muertas e a expropiación do 51 % das accións de Repsol-YPF por parte do estado Arxentino non debe interpretarse necesariamente coma unha política di sinistra: os múltiples arquipélagos de miseria e desigualdade poden manterse intactos, quer dentro dun capitalismo de natureza máis estatalista e industrial, quer dentro dun capitalismo con maior protagonismo da iniciativa privada e o sector financeiro.

Quizais, quen sabe, algún día tiremos a diplomáticos que se preocupen menos en respectar os acordos internacionais en materia de protección da inversión, e máis en respectar os acordos internacionais en materia de protección do traballo e a alimentación. Disto non se falou –nin se escribiu-, nin na Administración de Mrs. Cristina Kirchner, nin na Administración de Mr. Mariano Rajoy, onde só se cociña a clásica fogueira das vaidades na procura do ouro negro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.