A Galicia que deixa Feijóo

Alberto Núñez Feijoo, nun momento dunha das súas mensaxes de fin de ano © Xunta

O longo mandato do señor Núñez Feijoo como Presidente da Xunta de Galicia (13 anos) coincidiría no tempo cunha serie de crises económicas en Europa (bancaria, euro, brexit, pandemia, guerra en Ucraína) que dalgunha forma tamén deberan servir para medir a súa capacidade como xestor político tendo en conta que, por caso, a Xunta de Galicia manexou uns orzamentos públicos que se moveron entre o 18,5% e o 20,2% do PIB galego. Cifras que permiten afirmar que ben utilizadas tiñan que ter servido para axudar a combater as crises, favorecer o crecemento económico, a creación de emprego e a mellora do benestar. Cousa que non sucedeu.

A Galicia que deixa o señor Núñez Feijoo é un pais que perde poboación practicamente tódolos anos (-13,5%)

A Galicia que deixa o señor Núñez Feijoo é un pais que perde poboación practicamente tódolos anos (-13,5%). Varios factores aparecen intimamente relacionados con estas perdas: consonte o pais e a maioría dos cidadáns se empobrecen se fai sistémica a emigración de xente moza (unha media anual de 100.000), descende o número de nacementos (65%) ao tempo que medran a mortalidade (116%) e o envellecemento poboacional (multiplicase por catro). 

Un pais con menos riqueza tanto a nivel global (unha caída do PIB, en termos reais, do 15% e cuxa evolución pon ademais en evidencia que leva mais dunha década estancado, sen recuperar os valores anteriores) como individual (unha renda per capitá equivalente, en termos reais, ao 87,6% da previa ao seu ascenso a presidencia o que indica un empeoramento do nivel de vida). A "austeridade compulsiva" non so non favorece o crecemento económico e a mellora do benestar senón que provoca que crises como, por caso, a bancaria (2008) se convertan en grandes recesións con perda de riqueza e benestar.

Feijóo visitando un comercio nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Como sinalaba antes este deterioro da riqueza e do nivel de vida en Galicia tivo como unha das súas causas a "austeridade compulsiva" que supuxo reduccións notables no gasto público autonómico, especialmente nas funcións públicas de benestar. Recortes, nunca se recuperou o nivel de gasto público previo a crise bancaria, que contribuiron decisivamente a perda de calidade vida dos/as galegos/as de rendas medias e baixas.

Un pais con menos riqueza tanto a nivel global (unha caída do PIB, en termos reais, do 15%) como individual (unha renda per capita equivalente, en termos reais, ao 87,6% da previa ao seu ascenso a presidencia)

Esta perda de riqueza, global e individual, ten diferentes indicadores macroeconómicos tanto polo lado da demanda como da oferta agregadas. En relación a primeira aparece a demanda interna como variable decisiva (houbo unha caída, en termos reais, dun 25%) con especial protagonismo do investimento privado (-45%): os axustes fiscais detraen o gasto privado en contra do dogma neoliberal, así os recortes no investimento público autonómico (46%) fixeron aínda mais grande a caída do investimento privado.

Dende o lado da oferta destaca a perda de peso da industria, cunha caída da riqueza industrial (VEB) superior ao 15%, tamén en termos reais. Factores ámbolos dous que afectaron a toda a economía galega que perdeu competitividade por mor dunha baixa na produtividade (unha caída do 13%). 

Esta menor riqueza vese claramente reflectida na perda de empregos (Galicia que hoxe conta con 50.000 empregos menos), no desemprego xuvenil (35,6%: a tripla da cifra xeral), na elevada precariedade laboral que afecta especialmente aos/as mozos/as, e na caída do salario medio mensual real (8%) 

Esta menor riqueza vese claramente reflectida na perda de empregos -Galicia que hoxe conta con 50.000 empregos menos (-5%), non volveu a recuperar o nivel de empregos anterior-, no desemprego xuvenil (35,6%: a tripla da cifra xeral) -cuxa persistencia terá consecuencias a longo prazo- na elevada precariedade laboral que afecta especialmente aos/as mozos/as (28%) e na caída do salario medio mensual real (8%) -velaí que haxa unha nova modalidade de traballadores: os traballadores probes-. Rateos que evidencian como son as clases traballadoras as principais afectadas por esta perda de riqueza (Galicia está entre as comunidades españolas con menor peso das rendas do traballo na riqueza nacional: 46%). 

O emprego xunto co benestar social son os grandes damnificados das políticas públicas neoliberais. Menos empregos, maior precariedade laboral e caída dos salarios reais que contribúen decisivamente a que medre o número de familias galegas en risco de pobreza (26%) -o que indica que son as familias rendas baixas quen realmente mais sofren coas crises- e a que se dispare a desigualdade -o que subliña que moitos/as galegos/as estano pasando realmente mal-. 

Resumindo pódese afirmar que en Galicia as falsidades dos dogmas neoliberais quedaron en evidencia durante as presidencias de A.N.F.
 

Notas

P.D.: Os datos estatísticos utilizados neste informe son todos recollidos dos que elabora o IGE (Instituto Galego de Estatística): http://www.ige.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.