A Humanización vs. Globalidade vs. Persoas maiores

© CEESG

As e os profesionais da educación social estamos vendo que a globalización no mundo afecta a todas as persoas, dá igual a condición, pero unha vez máis comprobamos que esa fórmula baseada nun sistema económico capitalista feroz só leva xerado deshumanización e en especial nos servizos de atención e coidado. Polo que unha vez máis aos nosos maiores deixámolos expostos a un mercado cheo de intereses macroeconómicos que pouco ou nada promoven a dimensión social do ser humano, que implicaría a necesidade de mellorar as súas condicións de vida, do valor do traballo nese ámbito, da saúde integral, ¿innovación? e educación da cidadanía a nivel mundial, na procura de que os “dereitos humanos” se respecten e que a sociedade en xeral desfrute dunha mellor calidade de vida e benestar.

Nun mundo globalizado, a humanización é algo que aínda ten un arduo e extenso traballo por diante. Máis aínda se focalizamos no eido das persoas maiores; as grandes protagonistas desta pandemia que nos toca vivir

Daría para un debate moi longo analizar como a pandemia nos deu pé a reflexionar sobre métodos, conceptos e ideoloxías existentes; se realmente nos venderon que a globalización é unha vantaxe, cales serían as desvantaxes, se acaso novos modelos veñen para implantarse… se o termo que se utiliza como globalización social funciona ou non...?

E a isto engadímoslle a humanización; como nos procesos de cambio, de transformación e movementos sociais, débese ter en conta sempre á persoa. Apunta José Carlos Bermejo Higuera que “Humanizar la intervención social constituye un reto permanente que nos interpela el modo como realizamos nuestros procesos de identificación de necesidades, de acogida de personas empobrecidas, de acompañamientos que realizamos, de diseño de programas y de gestión de los mismos” e que no fondo “humanizar la intervención social constituye un compromiso ético de considerar a la persona en su globalidad, para promover procesos de integración duraderos y consolidar la participación de los excluidos en la vida social normalizada.”1

Comezamos a lectura con esta explicación para comprender como actualmente, nun mundo globalizado, a humanización é algo que aínda ten un arduo e extenso traballo por diante. Máis aínda se focalizamos no eido das persoas maiores; as grandes protagonistas desta pandemia que nos toca vivir.

A humanización vai da man do modelo de atención centrada na persoa, cos seus principios e criterios éticos, que se deberían de respectar en toda a poboación. Somos conscientes de que as persoas maiores están sufrindo unha “deshumanización”. En moitas comunidades autónomas saen á luz irregularidades en centros institucionais que están deixando a estas persoas en situacións de desamparo. A falta de bo trato á que se enfrontan tanto elas como as súas familias é un tema prioritario pero esta sendo relegado a un segundo plano, formando parte –á vez- deste motor socioeconómico que tanto preocupa as administracións públicas, grandes entidades beneficiarias do sector e políticos. Cando pensamos en persoas maiores, pensemos non só en persoas que están en institucións (residencias, centros de día) senón que tamén debemos pararnos nas persoas que acoden a centros sociocomunitarios, programas de axuda no fogar, clubes e fogares, vivendas comunitarias e persoas maiores que viven soas.

Ante esta situación, dende a Educación Social, podemos dar respostas e favorecer esa “transformación social humanizada” dentro dun mundo globalizado, tendo en conta á persoa, o seu entorno, ofrecendo apoio psicosocial, atendendo ás emocións das persoas maiores e familias e amizades, fomentando un desenvolvemento comunitario onde todos os axentes implicados na relación de axuda mutua establezan sinerxías para poder promocionar unha adecuada calidade de vida e benestar social. O modelo de atención centrado na persoa é, por así dicilo, a nosa guía de traballo. 

Favorecer ó cambio é algo urxente que debe partir dende o noso interior. As e os profesionais da Educación Social estamos capacitados/as para promover esa transformación e pensamos que é o momento para que as institucións, recursos e programas destinados a persoas maiores comecen a traballar dende a rúa, ao carón da persoa, coñecéndoa e favorecendo espazos de participación onde se escoite a mulleres e homes maiores, os cales teñen unha carta de presentación e experiencias de vida que deben ser recoñecidas.

Favorecer ó cambio é algo urxente que debe partir dende o noso interior. As e os profesionais da Educación Social estamos capacitados/as para promover esa transformación

A Educación Social, no ámbito de maiores, aposta por mellorar a calidade de vida destas persoas, fomentando programas de intervención socioeducativa (dende a prevención, como intervención directa en programas específicos) e promocionando ás educadoras e ós educadores sociais dentro das equipas interdisciplinares para ser máis enriquecedoras e poder chegar a todas as dimensións da persoa, dun xeito transversal.2

É un dereito da cidadanía contar con profesionais preparados e preparadas nas súas materias. É por isto que as persoas maiores teñen dereito a contar con educadoras e educadores sociais no devir da súa traxectoria vital, persoal suficiente e preparado para a súa atención e coidado sempre afortalados. 

 

Notas

1 Artigo Humanizar la intervención social. Implicaciones en la persona. José Carlos Bermejo Higuera. 2010

2 En relación a isto, o Ceesg conta con documentos profesionalizadores e por ámbitos, onde detallamos as funcións que unha educadora ou educador social poden desempeñar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.