A IA váisenos das mans

Logo de OpenAI Dominio Público Maria Shalabaieva.

OpenAI deixou un grupo de vinte crianzas famentas cunha torta de chocolate de cinco pisos a carón dunha fonte de xudías verdes e brécol cocido e díxolles: Podedes comer toda a verdura que queirades pero non probedes a torta e non me mintades cando vos pregunte. Dúas horas máis tarde volveu e descubríu que a torta desaparecera, quitado os restos de chocolate que emboutaban os morros dos cativos. OpenAI sacou un comunicado revelando que, pese a ter instrucións específicas de que non deberían tocar o doce nin facer trampas, os infantes, por iniciativa propia, desobedeceran e rebeláranse. Todos os medios do mundo pregoaron abraiados o descubrimento científico sen parangón.

*

Nun titular de prensa con eco universal atribúeselle a un enxeñeiro demisionario de Anthropic que a IA nos vai extinguir a todos e todas aí polo ano 2030. Daquela, reformo a cociña ou xa non paga a pena? E os atletas a prepararse para os xogos olímpicos que? A autovía de Compostela a Lugo, rematámola ou non? A grande novela galega... non vai dar tempo a escribila ou! E os bancos? Como seguen concedendo hipotecas a 30 anos? E as entradas que merquei para o Primavera Sound do 31 para protexerme das subas? Iso si que mete medo, os prezos dinámicos.

A privacidade retocada que exhibimos na ciberesfera é o sacrificio humano que lle ofrecemos ao dragón para que non nos leve a nós.

*

A IA é o relato ideolóxico presente para vender a explotación de toda a vida.

OpenAI afirma que vén de resolver un dos problemas matemáticos do milenio. Hai quen lle reprocha terse aproveitado de investigacións previas de científicos que traballaban para o competidor Anthropic. Non o sabemos, non só pola complexidade do asunto senón porque o proceso non se fixo público. Temos a declaración do achado e máis nada. A reserva das probas obedecería a non darlles pistas ás empresas rivais. É coma se eu afirmo ter descuberto a cura do cancro de pulmón ofrecendo a fórmula X+E+S= C. Cando me pidan explicacións direi que “X” representa unha boa herdanza xenética, “E” un estilo de vida e alimentación axeitada, “S” un chisco de sorte e “C” sería a curación. Creo que a fórmula é infalíbel.

Os mal pensados dirán que se trata de aquecer o ambiente para evitar a desbandada dos investidores ou animar unha saída a Bolsa. 

*

A evolución tecnolóxica, como a biolóxica, é empírica e impredicíbel, un modelo de proba-erro escalado no tempo e en contextos diversos, disposto a modificar o rumbo espontaneamente cando as circunstancias o aconsellan. A teoría sóbralle, ou vén despois.

Os avances tecnolóxicos de Silicon Valley seguen ese patrón nas fases de desenvolvemento inicial pero os seus xefes abandónano na fase de implantación. A comercialización dos produtos e servizos vai na dirección oposta: ocultismo, profecías e promesas de rendibilidade, o obxectivo é construír e consolidar unha posición de poder e impoñer discursos que o lexitimen. O resultado é unha merma da innovación propia, substituída pola absorción económica de startups onde o patrón empírico e a evolución natural se manteñen: a última vez que o xenio Mark Zuckerberg quixo inventar algo saíulle o Metaverso, e deixou 160.000 millóns no sitio. 

O oligopolio aristocrático de Silicon Valley é un atranco para a evolución tecnolóxica aberta. Se a nós nos falta forza ou valor para quitar do medio eses creacionistas, confiemos na selección natural.

*

A intelixencia artificial non produce xogadores de fútbol senón xogadores do FIFA. Poñede os máis frikis no videoxogo sobre un campo de herba cun balón. Que espectáculo.

*

Ás persoas que van sendo empurradas á subsidiariedade persoal, social e laboral con respecto ás máquinas, é lóxico que as máquinas lles parezan superiores, intelixentes e... guapas!

Para un investidor bursátil, unha empresa inestábel que factura cen millóns pode perfectamente ser máis atractiva que outra que facture un billón e teña o monopolio dun ben ou un servizo. O motivo é que a segunda, máis poderosa, satura a capacidade de expansión e non pode prometer unha porcentaxe alta de crecemento no valor das súas accións. O investidor que busca solidez pode optar por ela pero o que busca rendibilidade alta e inmediata, o especulador, preferirá a aposta cativa. Isto é máis certo na actualidade que en fases anteriores do capitalismo. O turbocapitalismo, asentado na manipulación tecnolóxica dos mercados ao nanosegundo, a información privilexiada e a capacidade para dirixir a percepción das expectativas e influír na implementación de políticas e regulacións vantaxosas, fai que as razzias especuladoras caneen os riscos e se volvan máis atraíntes. Como en toda estafa piramidal, visten o disfraz do flautista de Hamelin, seducen o capital ansioso de réditos a base de euforia, márketing e medo a ficar fóra, extraen o beneficio, ocúltano e acumúlano.

Un problema derivado é que as compañías sólidas con dificultade para seguir medrando, asustadas pola perspectiva de que os accionistas abandonen o barco, sucumban á tentación da especulación, fenómeno que explica o fomento da burbulla da IA como vía para convencernos de que non tocaron teito.

*

Segundo múltiples estudos de universidades americanas os mozos e mozas prefiren a literatura elaborada con IA á que non o é. En primeiro lugar non identifican cal é cal pero ao facerlles ler textos de ambas, decántanse polo algoritmo, máis claro e mellor estruturado, o que lle permite ser asimilado con menos esforzo. Unha das consecuencias do éxito da literatura de chatbot será que os autores reais tenderán a imitala. A partir de aí aplicará o dito de que entre o orixinal e a copia, a xente elixe o orixinal, que, por arte de birli-birloque, resultará ser o da intelixencia artificial.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.