A importancia de entender

“¡ Entender, entender, temos que esforzarnos por  entender !” 
A Hannah Arendt, in Memoriam.

Civilización: occidente y el resto. É o novo xoguete intelectual que ven de emocionar a Mario Vargas Llosa, un novo enxendro de pornografía intelectual escrito por Niall Ferguson que trata de intelectualizar as razons polas que o enorme falo de Mr. Occidente aventaxou e hexemonizou durante 500 anos ao resto de civilizacións transmitíndolles, ademais, os seus usos, costumes, institucions e métodos para producir riqueza, que ven a ser o mesmo que dicir a súa cultura, o seu código civil e o seu sistema político, económico e educativo. Case nada. Vai sobrado Mr Niall.

Seis son, en concreto, as razóns que o pornógrafo Niall expón no seu enxendro, a saber:

1. A competencia en países europeos independentes; En realidade, o que Niall Ferguson chama a competencia intra e extra muros dos estados modernos, posta en valor orixinalmente polos propios estados e mercados nacionais, non deixa de ser a competitividade – cousa ben diferente á competencia - económica e militar entre os mesmos, tanto no endo coma no exo-espazo xeográfico de influencia. O resultado desa competitividade xa a coñecemos todos; as dúas guerras mal chamadas mundiais e un monto de guerras civís.

2. A revolución científica do século 17 para adiante; Niall expón, ademais, que os descubrimentos e avanzos da física, química, bioloxía… etc, todos europeos  – só menciona ás ciencias chamadas duras, coma se as ciencias sociais e humanas tivesen algo que envexarlle ás primeiras, e viceversa -, foron razón suficiente para explicar a hexemonía de occidente. O feito de que moitas desas ciencias tivesen que fermentar durante milenios filosóficamente a súa madurez como tales, mesmo antes da Antiguidade clásica e o renacimento, e o feito de que os seus métodos e  interrogantes existiran alén do espazo xeográfico de influencia da civilización grega e a civilización mediterránea, entrando en contacto recíproco con científicos e filósofos que se expresaban dende linguas e culturas non-occidentais, non interesa demasiado, ao parecer, a Niall Ferguson. E menos lle interesa, como era de supor, que aínda hoxe non existan criterios e/ou consensos claros para denominar co termo civilización determinadas formacions humanas, e que non haxa, ademais, forma posible de defender a existencia de compartimentos estancos ou fronteiras académicas impermeables no seu estudo comparado.

A ilusión da diferencia total entre eso que chamamos civilizacions, así coma entre linguas e culturas, é tan banal como a ilusión da superioridade dunhas sobre outras, pois, ao fin e ao cabo, en moitísimas ocasions e contextos, esa diferencia total que construímos entre nós e os outros non é máis que a radicalización extrema e reactiva perante a vontade de asimilación cultural por parte dos grandes estados – modernos ou pre- modernos - e da discursividade lingüística e cultural da que fan uso as súas castas dominantes para afortalar e oficializar simbólicamente o consentimento no exercicio do poder. A totalización do discurso diferencialista serve, sí, coma retórica e práctica de resistencia, mais non coma proxecto social alternativo, pro-activo e propositivo.

3 – O imperio da lei e do goberno representativo basado no dereito de propiedade xurdido no mundo anglosaxón; Agora tócalle o turno á law do imperio moderno. Outras veces tócalle á Lex do imperio clásico, é dicir, ao estado de dereito da Roma Imperial. Cómico. Nun recente artigo conxunto firmado – non sei se escrito – por Felipe González e Valery Giscard, titulado Por una conciencia Europea, ámbolos dous escollían, entre outros elementos, os instrumentos necesarios para construíla. Entre estes instrumentos estaba, por suposto, o devandito dereito Romano que, textualmente, Europa – cómico anacronismo semántico e histórico: ao parecer esa cousa chamada Europa xa estaba en xestación antes da caída do Imperio Romano – presenciou durante “el nacimiento e instauración del imperio de la ley, basado en el derecho Romano”. Sobran comentarios; o que aquí escribe sentiuse obrigado a responder a este pueril exercicio de reivindicación dun Europeismo sen fundamento sólido algún e rotundamente excluínte.

A cuestión é que agora tócalle o turno á law do imperio moderno de tradición anglosaxona, ese que se expandiu globalmente xunto coas marabillas do goberno representativo e o dereito de propiedade. O mesmo, exactamente o mesmo que, a día de hoxe, xustifica a represión violenta a través do monopolio da violencia lexítima (Max Weber) do estado, asi como da apropiación privada dos medios de comunicación públicos e dos recursos naturais e humanos, xustificándoa co cliché retórico da vontade de facer prevalecer o imperio da lei e destinando cantidades irracionais de financiamento público-privado para engrosar os continxentes militares do exército e dos corpos antidisturbios. Incluso no actual contexto de profundísimo desarraizamento e polarización social, con índices de pobreza absoluta crecendo progresivamente e cun altísimo porcentaxe da sociedade civil esixindo unha transición da representatividade formal e protocolaria á representatividade real e proactiva, semella menos urxente dar de comer aos famentos que financiar e fortalecer o silencio imposto legalmente – que non, lexitimamente - pola forza.

En esencia, o desexo colectivo que subxaz a estas reivindicacions non é outro que o desexo de autogoberno civil e democrático perante un capitalismo feudal militarizado e ecoloxicamente insostible que se acompaña, ademais, dun estado penitencia - e de cárceres penitencia - que persegue e estigmatiza o activismo social e a resistencia civil, e que devén, necesariamente, se non se cambia o marco axiolóxico dos valores dominantes, cara un colapso indudable, convertindo progresivamente en dominium privado e exclusivo de castas e linaxes familiares, non só tódalas institucions formais de autogoberno, senon tamén os espazos urbanos, mediáticos e académicos. A exclusión socio-económica, cultural, educativa e sanitaria é cada vez máis evidente ao mesmo tempo que os vellos estados-nación están sendo literalmente comprados e fagocitados polo supra-estado corporativo dos grandes mercados e das transnational institutions que educan a aquelo que Marx chamaba o cognitariado, ou dito dun xeito sinxelo: a rede de técnicos e profesionais liberais que elaboran ideas para xustificar a preeminencia da lóxica monetarista que debe guiar a política económica da gobernanza planetaria.

4. A medicina moderna e o seu prodixioso avance na UE e nos Estados unidos de América; Nada di, Niall Ferguson, como era de supor, do papel da industria químico-farmaceutica neste prodixioso avance, nin da exclusión socio-sanitaria real, malia a súa universalización formal, dende a cristalización do moderno sistema de saúde. Nada di, tampouco, da existencia de concepcions e prácticas sanitarias diferentes da concepción e prácticas da mediciña en sociedades non-occidentais, como tampouco di nada do feito de que a universalización do sistema de saúde será rotundamente imposible que cristalice en contextos xeográficos e culturais históricamente desposuídos dos coñecementos médicos e técnicos para poder escoller, ao seu xeito, e dende a toma de conciencia das súas propias necesidades colectivas, o seu propio modelo de desenvolvemento económico, socio-sanitario e educativo.

5. A sociedade de consumo e a irresistible demanda de bens que acelerou, de maneira vertixinosa, o desenvolvimento industrial; O feito de que fose mesmamente o devandito desenvolvemento industrial hiper-urbanizado o principal causante dos primeiros éxodos campesiños e o abandono forzado da mesma propiedade que, supostamente, garante o devandito dereito de propiedade anglosaxón, así coma o feito de que boa parte dese continxente migratorio acabase mendigando nas rúas e traballando en condicions de verdadeira escravitude nas primeiras formas industriais-fabris de producción, non importa para Niall Ferguson. Precisamente foi a violenta e traumática imposición desde modelo de desenvolvimento a que foi normalizando progresivamente en occidente a antropoloxía cotiá do consumo banal, suntuoso e sen medida a escala planetaria. Un consumo que, a día de hoxe, é obxectivamente imposible re-estimular con políticas Keynesianas sen volver a reproducir o impacto eco-sistémico e humano que ten como custe.

6. A ética protestante do traballo, que creou “normas severas, estables e eficientes”; Niall Ferguson semella non reflexionar sobre o feito de que a ética protestante e a súa severidade normativa e contable, levada ao extremo, é radicalmente incompatible coa consecución dos principios constitucionais de liberdade e igualdade perante a lei, pois é o principio activo que estimulou ás clases dominantes da Inglaterra Victoriana a impulsar un modelo de industrialización inhumano e ecocida no que a maquinización do proceso productivo, cunha man de obra hiper-especializada, así coma o aforro interno das grandes familias industriais,  era prioritario á consecución dunhas condicions socio-económicas e hixiénico-sanitarias dignas para a miseria que chegaba á cidade impulsada polo abandono e a despreocupación crecente das propias élites calvinistas pola economía rural.

Estas son, en rigor, as 6 pornográficas razons que Niall Ferguson desenvolve para defender a hexemonía de occidente durante 5 séculos. Chegando a defender este modelo sen ningún complexo e aínda sendo consciente do que Mario Vargas Llosa chama o seu sinistro legado: A inquisición, o nazi-fascismo, o comunismo – para qué entrar en matices? – e o anti – semitismo.

Chegados a este punto, creo que sería oportuno dicir que unha cousa é facer de abogado do demo, teima coa que teño certa simpatía se o demo non representa ao mal en estado puro, e outra cousa, ben diferente, é pretender erixirse en defensor de productos intelectuais que se poderían calificar, como mínimo, de lixo radiactivo para o corpo e a mente. O caso Vargas Llosa, coma o caso Niall Ferguson e semellantes, é digno de estudo psiquiátrico, a saber:

Qué tipo de lóxica afectiva leva a un intelectual a defender con acrítico fervor as ideas e os métodos do mal en estado puro, máxime a día de hoxe, cando podemos revisar crítica e mesuradamente calqueira cachivache intelectual que pretendeu imporse coma unha visión ou solución total aos problemas da humanidade? Porque unha cousa é a coherencia formal dunha teoría, que pode ser boa ou mala. Outra, ben diferente, é o grao de verificabilidade contrastándoa coa realidade, que pode ser moito/así-así/pouco ou ningún - mais nunca totalmente absoluto ou totalmente relativo -. Outra, ben diferente, son as intencions e os motivos polos que nos adherimos emocional e pragmáticamente a esas teorías. E outra, sí, tamén diferente, son os efectos colaterais da súa aplicación e o seu éxito ou fracaso no que se refire as intencions buscadas.

Pregunto isto porque, despois de ler Apogeo y decadencia de Occidente, o artigo firmado por Vargas Llosa no diario El País, a 13 de Xaneiro de 2013, un xa non sabe qué pensar de Mario. Que é o que leva ao super-intelectual Vargas Llosa a meter na mesma saca, sen establecer relacions causais, contextuais e diferencias filosóficas e semánticas, os conceptos que utiliza e as realidades que pretende describir? El é un premio Nobel de literatura, ten a obriga moral de tomarse en serio as palabras, aínda que só sexa de modo irónico e desenfadado!

O histrión peruano de sorriso bravucón e autosuficiente soberbia neoliberal menciona, abofé, o sinistro legado da Inquisición, o nazi-fascismo, o comunismo - permítanme ser parcial e bosquexar un sorriso burlón con esta palabra - e o anti-semitismo sen sometelos a unha análise historiográfica e filosófica, como xa fixera, no seu tempo, Hannah Arendt en As orixes do totalitarismo, aínda que sendo criticada dende círculos di sinistra pola súa teima en condenar moralmente os totalitarismos nazi-fascista e soviético sin entrar en matices, non tanto para xustificar ningún deles, senon, simplemente, por amor á precisión.

Ou sexa, á verdade. Porque a condena moral, sendo necesaria, simplifica o conto, e a precisión historiográfica e semántica, sendo tamén necesaria, complícao. En calqueira caso, ámbalas dúas, a condena moral e a precisión semántica e historiográfica, poden servir tanto ao maniqueísmo interesado como á procura da verdade. Alá cada suxeito e a súa conciencia á hora de facer ciencia.

Vargas Llosa, como Fernando Sávater, poden ser - de feito, son - persoas máis lidas e kultas ca min, mais a súa deshonestidade, que no seu tempo irritábame, agora obsérvoas con cómica e indolente indiferencia. O segundo, hai nada, ven de escribir na súa sección Despierta y lee, tamén no diario El País, as seguintes liñas, nos que alerta apocalípticamente do baleiro de sentido que está deixando o que él chama o avanzo imparable da tecnoloxía, en detrimento das humanidades e a filosofía.

“O baleiro de sentido deixado pola filosofía encherano a paletadas clericais as igrexas e os nacionalismos. O seu enemigo común é o laicismo (¡!), que defende aos pensantes fronte aos crentes (…) : uns verano como guerra á relixión, e outros, coma guerra á identidade cultural (…). A ensinanza volverá ao seu cauce teolóxico e identitario (…), apoiándose unhas veces nuns partidos e outras nos opostos. Forzarannos a abxurar da democracia laica (…) tanto as dereitas enfeitizadas pola igrexa como a esquerda idiotizada polos nacionalismos (…)"

As persoas que me coñecen un chisco – no que se refire a cousiñas intelectuais, non en cousiñas íntimas e privadas - saben de min que non son un nacionalista galego a priori, coma tamén saben que non teño ningún tipo de problema en facerme nacionalista galego a posteriori cando as estructuras cognitivas e afectivas do nacionalismo español, ben sexa dende a socialdemocracia cosmética de Ferraz, ben sexa dende o franquismo sociolóxico de Génova, comezan a compoñer e interpretar a súa macabra melodía. Saben, tamén, do meu escepticismo e da miña precaución coas políticas da identidade cando non son máis que instrumentos de cousificación das alteridades lingüísticas e culturais para sacar rédito electoral e producir odio recíproco. Sabén, tamén, do profundo asco que me inspiran os funcionarios da cousa divina e do respeto sinceiro que me inspiran os crentes que non tratan de adoutrinar aos demais, nin dende a igrexa, nin dende a Administración pública. E saben, tamén, o profundamente necesario que me parece o divorcio Igrexa/Estado para darlle aos Césares o que é dos Césares - aínda que sexan uns cabróns borrachos de poder - e aos Deuses o que é dos Deuses, para que se apañen cos seus crentes nos templos construídos e pagados polos seus fieis.

Precisamente por isto, porque son unha persoa de orde, ter que ler que o enemigo común dos paletos clericais e dos nacionalismos - así, en abstracto – é o laicismo, faime un chisco de dano na córnea, sobre todo vindo dun philosopher como Savater, por moi mediático que sexa: o nacionalismo galego, tanto o realmente existente agora nas institucions, materializado históricamente no acrónimo BNG, coma o realmente emerxente agora na contemporaneidade, materializado no acrónimo ANOVA, formando parte da plural coalición electoral de circunstancias materializada no acrónimo AGE, foi, ideoloxicamente, laico e anticlerical de sempre, outra cousa é que dentro do seu seo exista xente relixiosa e xente arrelixiosa ou atea, e que iso da democracia interna e o feminismo siga sen sentarles moi ben ás forzas di sinistra. Con todo, sería absurdo por un escáner de relixiosidade nun partido político para poder determinar se as propostas das persoas son máis ou menos constructivas, coma é absurdo considerar que as persoas relixiosas  non poden pensar con precisión, lóxica e mesura e as arrelixiosas ou ateas sí. Tamaña gilipollez non pode nin insinuarse.

Volvendo ao noso mediático philosopher, Fernando Savater, semella non caer na conta de que o lugar que ocupa a filosofía, non só mediática e académicamente, senon tamén na cultura cotiá, non é outro que o de fábrica de divulgación de ideas desprovistas de calqueira referencia real aos acontecimentos contemporáneos. Savater pode estar tranquilo, a filosofía seguirá ocupando ese baleiro de sentido que tanto lle preocupa. O mesmo baleiro de sentido que, apocalípticamente, profetiza como consecuencia - ou causa? - dos perigosísimos avances da tecnoloxía, máis que só – xa é algo – serve coma consolo espiritual e raras veces, todo hai que dicilo, como crítica reflexiva do existente ou instrumento mental de emancipación.

En fin, de seguirmos así pode que a psiquiatría chegue a convertirse na raiña das humanidades, pois só dende a lóxica do irracional se pode entender a brutal indiferencia e inhumanidade dos técnicos e philosophers que tratan de xustificar a cantidade de dor que está causando a civilizatio neoliberal a escala planetaria. E, aínda que non saibamos con precisión semántica e sociolóxica qué elementos tería que ter esa cousa chamada civilización  para ser considerada como tal, o que sí podemos saber, porque o sentimos no noso corpo e na nosa conciencia colectiva, é que a cantidade de dor e miseria que provoca a expansión global dun sistema xestionado para protexer militarmente o  espacio vital que os mercados diseñan para crear ao seu novo home – o homo consumer – e defender o seu dereito a ter renunciando ao seu dereito a ser, é demasiada.

Non abonda, lamentablemente, cos consolos da filosofía para anestesiar esa dor. Porque, creo, o reto das ciencias sociais e humanas, a día de hoxe, segue a ser o de sempre : axudar a entender a complexidade do noso tempo.

Un suxeito e unha sociedade que consinte que lle administren a vida deste xeito, precisa, non hai dúbida, de toneladas de lixo cultural para auto-enganarse. O suficiente como para vivir allea e indiferentemente contemplando a dor dos demais. O suficiente para que nós, dende a nosa disciplina, aportemos un gran de area para recordarlles ás novas xeracións que se non queren que o seu futuro sexa prematuramente clausurado… tirán que entender, entender: deben esforzarse por entender o tempo que lles tocou vivir.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.