Hai xa uns cantos meses lembro que expliquei a un grupo de alumnos/as o significado de vítima e do proceso ao que chamamos a “dobre vitimización”. Na socioloxía do delito sempre se ten en conta esta dobre dimensión, que é máis marcada e con consecuencias máis severas cando falamos de casos de violencia de xénero en calquera das súas formas (acoso sexual, violación, violencia física ou acoso emocional, etc) ou outros casos como os abusos sexuais a menores ou roubos cunha grande dose de violencia.
Se falamos disto é co gallo do xuízo que se está desenvolver estes días no que un grupo que se nomean así mesmos La Manada é acusado de violar “presuntamente” a unha muller durante os San Fermines de hai un ano. O tratamento a nivel legal, dos mass media e social deste caso é o exemplo desa “dobre ferida” que sofren as vítimas, fronte ao trato condescendente que están a desfrutar os presuntos agresores.
A vítima non só sufre o delito (neste caso falamos dunha violación múltiple) , senón que ten que pasar por un penoso proceso penal, no que entre outras cousas está sometida a ver os vídeos da súa agresión e a ter que amosar que os acusados son os culpables, vendo como os avogados da defensa tentar botar abaixo a súa testemuña e poñendo en dúbida o seu sufrimento.
E a todo isto cabe engadir o xuízo implícito que sobre a súa vida ou conducta están a facer dende os medios, e dende a propia defensa dos acusados, revelando así o substrato patriarcal e machista da xustiza, na que a vítima finalmente é culpabilizada e xulgada. Só é preciso ver o tratamento dos medios e especialmente de certos programas de mañá como “Espejo Público” ou o “Programa de AR” para observar como nas análises dalgúns/has dos/as seus/súas expertos e expertas como deixan caer reflexións referidas á conduta da vítima que case relacionan directamente coa causa de sufrir unha agresión sexual. Parecen por tanto facer unha versión nova do traballo de vitimólogos coma Van Dijk (1994) que afirman que “a vítima” moldea ao “delincuente” (aplicando esta máxima do antedito autor a este caso).
Precisamente este aspecto do que estamos a falar, é dicir converter o caso nun xuízo ou debate sobre a vítima, buscando esa culpabilización, é o que a defensa (e non sabemos se a xuíza) pretenderon (e acadaron) coa admisión coma proba dun dossier realizado por un investigador privado contratado por unha das familias dos acusados co único obxectivo de estigmatizar á vítima (vitimización terciaria) .
Algo rechamante se temos en conta que os whatassap desta Manada non foron admitidos co obxecto de salvagardar a “intimidade dos acusados”; máis no caso da vítima parece que non obriga o mesmo dereito a súa intimidade, admitindo este tipo de probas, que sentan sen dúbida un perigoso precedente.
Que se pretende amosar? Que a vítima non se comporta como unha muller esnaquizada no aspecto emocional por unha violación múltiple? A quen estamos xulgado ou que estamos xulgado? Cal se supón que debe ser o comportamento dunha muller logo de ser agredida sexualmente? Cabe neste xuízo ou noutro entrar a debater o estilo de vida ou o comportamento da vítima cando estamos a xulgar aos presuntos agresores sexuais?
Estes individuos son afeccionados ultras do Sevilla C.F, e de feito “El Prenda” un dos imputados, foi homenaxeado recentemente polos seus compañeiros cunha pancarta nun campo de fútbol. Algo que sen dúbida lembra ao grupo de afeccionados do Betis, un equipo que conta nas súas filas (parece que agora de retiro en China ata xaneiro) cun agresor xa condenado, que berraban apoiando ao maltratador Rubén Castro “Es una puta es una zorra se lo merecía”.
Curiosamente en ningún dos dous casos nin o club de fútbol nin a LFP consideraron necesario retirar esa pancarta nin condenar/sancionar estes cánticos e tampouco actuou o Comité Anti- violencia, que si actuou ante os asubíos ao Himno Español durante un partido da Copa do Rei.
E por suposto nos medios de comunicación ten máis relevancia uns asubíos que estivemos vendo unha e outra vez durante un mes, que esa pancarta ou eses cánticos que fan unha clara apoloxía da violencia de xénero e humillan a vítima. Nin un ápice de crítica nin de foco informativo.
É preciso reflexionar sobre as implicacións dos distintos aspectos deste caso, especialmente cando en poucos días lembramos o día do 25N contra todo tipo de violencia de xénero. Debemos de poñer enriba da mesa que aínda hoxe os agresores seguen a vivir na impunidade sexa nun entorno social (de lecer ou de traballo) ou privado. Na maioría dos casos contan coa complicidade do entorno que culpabiliza e estigmatiza á vítima; en moitos casos un entorno ao que a vítima ten que facer fronte porque non chega con ser vítima senón que hai que parecer vítima. Moito por facer e moito por loitar!
“Non desmontaremos a casa do amo coas ferramentas do amo” (Audre Lorde)