A incógnita principal das vindeiras eleccións xerais

Congreso dos Deputados, durante un debate nunha sesión de investidura © Congreso

Visto coa perspectiva que proporciona o paso do tempo, pode afirmarse que o PSOE non perdeu o seu status (tal e como sucedeu na Grecia daquel momento) grazas ao trunfo de Pedro Sánchez na confrontación interna co sector mais conservador do seu partido

Na maioría dos inquéritos que se veñen publicando a respecto do resultado dunhas futuras eleccións xerais aparecen algunhas conclusións coincidentes: subas non moi elevadas do PP e de Vox que propiciarían a maioría absoluta esixida para unha eventual investidura de Feijoo; mantemento ou cativo medre do PSOE a pesar das fortes campañas de desgaste dirixidas contra Pedro Sánchez; forte caída na expectativa de voto a Sumar e Podemos e pouca variación nos apoios que agora posúen as formacións nacionalistas (ERC, Junts, Bildu, PNV, BNG).

Estas previsións contrastan co que sucedeu hai dez anos. Despois do sorprendente éxito acadado por Podemos nos comicios europeos de 2014, abriuse un novo ciclo electoral caracterizado por dous fenómenos novidosos: a redución do peso relativo dos partidos -PSOE e PP- que viñan hexemonizando o mapa político estatal dende 1977 e o xurdimento de dúas novas forzas -Podemos e Ciudadanos- que modificaron o cadro dos equilibrios políticos anteriores. Se o habitual -cando a situación o requiría- era a conformación de maiorías parlamentares do Partido Socialista e do PP con CiU e PNV, a partir do 2015 abriuse moito o campo das posíbeis alianzas, aparecendo mesmo a posibilidade dun "sorpasso" histórico no ámbito da esquerda estatal. 

Visto coa perspectiva que proporciona o paso do tempo, pode afirmarse que o PSOE non perdeu o seu status (tal e como sucedeu na Grecia daquel momento) grazas ao trunfo de Pedro Sánchez na confrontación interna co sector mais conservador do seu partido. A xenreira que lle profesa a dereita política e mediática ao actual inquilino da Moncloa, impídelle recoñecer o papel desempeñado polo líder socialista no mantemento -aínda que debilitado- do esqueleto básico do sistema político español orixinado na transición posfranquista.

Cando faltan -como máximo- dous anos para a decisiva cita coas urnas que estabeleza a futura composición do Parlamento estatal, a interrogante principal colocase no territorio que veñen ocupando Sumar e Podemos

Cando faltan -como máximo- dous anos para a decisiva cita coas urnas que estabeleza a futura composición do Parlamento estatal, a interrogante principal colocase no territorio que veñen ocupando Sumar e Podemos: finalmente, serán quen de acadar un acordo que posibilite a presentación dunha candidatura unitaria? A esta altura, semella indiscutíbel que a condición necesaria -talvez non suficiente- para evitar a chegada dun goberno de coalición do PP con Vox radica na comparecencia conxunta de ambas organizacións. As características do sistema de reparto dos escanos nas circunscricións provinciais penalizarían gravemente calquera opción que non fora a converxencia sinalada. Polo que hoxe se observa, as dificultades para efectivizar tal obxectivo resultan notábeis: non tanto pola entidade das diferenzas programáticas senón pola crispación acumulada na disputa pola hexemonía nese espazo político durante os últimos meses.

Se non houbera acordo entre Sumar e Podemos, asistiriamos a un paradoxo maiúsculo: as organizacións que naceron hai unha década para combater as vellas prácticas políticas estarían facilitando a grave involución que representaría un gabinete liderado por Alberto Núñez Feijoo e Santiago Abascal

O que está pasando entre Sumar e Podemos evoca o sucedido nas Mareas galegas hai poucos anos. Daquela, e despois de acadar o liderado da oposición ao goberno de Feijoo nos comicios de 2016, comezou un proceso cainita de autodestrución que provocou a desaparición desta formación no Parlamento do Hórreo a partir do 2020. Naquel momento tampouco existían diferenzas substanciais nas propostas políticas. Había, sobre todo, un desencontro sobre o reparto do poder interno e tamén a respecto dos mecanismos para regular a vida organizativa común. Semellante experiencia podería actuar como fonte de aprendizaxe para non repetir erros que provoquen danos irreversíbeis nos segmentos políticos afectados.

Se, definitivamente, non houbera acordo entre Sumar e Podemos, asistiriamos a un paradoxo maiúsculo: as organizacións que naceron hai unha década para combater as vellas prácticas políticas estarían facilitando a grave involución que representaría un gabinete liderado por Alberto Núñez Feijoo e Santiago Abascal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.