A ineficacia electoral da probable decisión do BNG

O pasado 28 de febreiro o BNG celebrou a súa XV Asamblea Nacional nun momento crucial da súa historia. Nela saíron finalmente vitoriosas as teses da UPG e MGS, forzas contrarias a pactos preelectorais con organizacións partidistas de natureza estatal. Se ben é certo que esta decisión non é aínda definitiva, todo apunta a que as chamadas 'Confluencias' máis unha parte do nacionalismo galego socialista, representada polo Bloque, acudirán novamente ás urnas por separado.

Partindo de que o proceso foi impecablemente democrático, de que os dirixentes frentistas coñecen os riscos ós que se van enfrontar e de que é plenamente lexítimo defender que nas vindeiras eleccións autonómicas haxa unha papeleta puramente nacionalista e, consecuentemente, non acudir xunto a organizacións con centro de decisión en Madrid; dende un punto de vista estrictamente resultadista electoral supón unha acción ineficaz, a priori.

Deste xeito, para que exista a posibilidade dunha alianza preelectoral, en primeiro lugar cómpre analizar os elementos ideolóxicos comúns entre o BNG e as forzas que compoñen En Marea, neste caso, máis a tipoloxía electoral. Desta forma, aparte de ser todas elas formacións de esquerda alternativa e rexeneracionistas, comparten, en termos identitarios: a defensa do dereito a decidir de Galicia, o recoñecemento desta como nación, a defensa da súa lingua e cultura ou dun maior autogoberno para a nosa CC.AA.

Por outra banda, nunhas eleccións autonómicas non van existir os problemas xurídicos que viviu En Marea -onde estaban Podemos e IU- para conformar un grupo galego propio no Congreso, o cal finalmente non se formou.

En vista dos datos anteriores, comprendemos como, de producirse, a hipotética alianza non sería forzada. Partindo desta base, as argumentacións da posible ineficacia de ir por separado fundaméntanse en tres elementos de índole electoral máis un sociolóxico:

O primeiro deles é xurídico-electoral. Así, a división en catro circunscricións máis a necesidade de superar o limiar do 5% dos sufraxios en Pontevedra e A Coruña -sendo este superior en Lugo e Ourense- dificulta ó acceso ó Horreo ás formacións minoritarias.

En segundo lugar, a extrapolación dos resultados de Nós-CG do 20-D (4,32% dos votos) a unhas autonómicas, deixaría ó BNG fóra do Parlamento. Consecuentemente, o gran beneficiado sería a candidatura máis votada nas catro circunscricións, que previsiblemente será o PPdeG.
Facendo un breve inciso, cómpre ter en conta, nese caso, que se os conservadores manteñen a Xunta, o farán co apoio de C´s, que previsiblemente obterá representación. Dito pacto –pode ocurrir, tendo en conta que a extrapolación dos resultados de decembro ás galegas daríalle 38/75 deputados ó centrodereita- podería conlevar unha maior 'españolización' de Galicia e, en consecuencia, o Bloque sería visto polas forzas do espectro galeguista e progresista como o 'culpable' político de chegar a esa situación, o que conlevaría un distanciamento aínda maior cos seus potenciais votantes.

En terceiro termo (tamén electoral) e en contraposición á hipotética circunstancia anterior, se sumamos os votos de Nós e de En Marea (25,04%) nas últimas eleccións xerais, estes obterían 8/23 escanos no Congreso. Se ben é certo que unha parte das 'Confluencias' nunca votaría ó BNG (segundo o CIS de decembro de 2015, un 15% dos seus votantes síntense máis españois que galegos ou unicamente españois) -e á inversa ocorrería con algúns militantes e simpatizantes da organización frentista respecto ás 'mareas'-, a suma (falando xa do caso das autonómicas de 2016) estaría en torno ó 25% dos sufraxios, ademais de concentrada, polo que a eficacia resultadista sería bastante maior: probablemente superaríanse os 20 escanos sumados conxuntamente entre BNG (18) e EU-EG/OV (2) en 1997 e, o máis importante: Feijoo podería quedar fóra de San Caetano.

En cuarto e ultimo lugar, non nos podemos esquecer que o nacionalismo galego é minoritario (14,1% da poboación, en outubro de 2012, segundo o CIS) e o independentismo aínda máis (6%, nese mesmo mes, segundo a SER). Por tanto, este segmento demográfico pode, e de feito así o demostra, sentirse cómodo ideoloxicamente con En Marea (con moita máis presenza mediática, por outra banda); de tal maneira que ó BNG compricaríaselle a súa supervivencia institucional na esfera supralocal.

En conclusión, calquera decisión desta índole tomada por unha organización partidista plenamente democrática e transparente é perfectamente respetable e 'sacia', neste caso, os anhelos dunha parte do electorado nacionalista -fundamentalmente o militante-, receloso de ir en coalición con forzas de obediencia estatal, entre as que se atopa Podemos, fortemente potenciada nos 'media', en detrimento doutras forzas coma o Bloque, máis cunhas formas políticas controvertidas para moitos. En contraposición, esta posible decisión de non confluir é un risco en termos de supervivencia política e de conexión coa sociedade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.