Ángel Rodríguez Gallardo
Docente da UVigo e representante sindical de STEG
Adela Sánchez Moreiras
Docente da UVigo e representantes sindicais de STEG
Victoria Martins Rodríguez
Investigadora, Docente de Secundaria e membro de STEG
A denuncia dunha estudante universitaria contra os comentarios cousificadores dun docente de Matemáticas da Universidade de Santiago (a alumna vista como un escote e, xa que logo, tal e como pensa a igrexa católica, culpábel de padecer agresións verbais, ou sexuais, pola súa forma de vestir), invita a abrir unha discusión real e pública sobre unhas institucións de ensino superior –as universidades– que moven máis de 8500 millóns de cartos públicos ao ano e que, en moitos casos, están xestionadas por estruturas de poder patriarcal (clans de funcionarios/as) que teñen a mesma lóxica que as redes caciquís tradicionais e misóxinas. Na nosa opinión, estas estruturas e redes clientelares explican que haxa docentes de matemáticas “extremadamente” preocupados pola relación entre a calidade docente e a vestimenta das estudantes.
Como en todo sistema burocrático patriarcal, as universidades dotarónse de todo un entramado de comisións (Comisión de Igualdade, Comisión de Intervención e Resolución de Conflitos, Comisión de Calidade), instancias (Unidade de Igualdade) e órganos de goberno que asumen o control e os supostos estándares de eficacia da institución. Este sistema puramente neoliberal, conservador e de tradición autoritaria está sumamente xerarquizado e heteropatriarcalizado, polo que está nas antípodas do feminismo, que é un movemento que aboga pola igualdade e que pasa necesariamente por loitar contra as discriminacións. É moi sintomático que os “feminismos académicos” non teñan combatido estas estruturas que posúen unha lóxica relacional insoportábel.
Estes paradoxos están vinculados a que as universidades españolas están controladas por unha lóxica maquiavélica e por un sistema permanente e perverso de simulación de eficacia e control. Outro elocuente exemplo: nas universidades incorporouse a paridade nos cargos como unha ferramenta politicamente eficaz e como expresión da Lei Orgánica de Igualdade 3/2007, pero se permite que un funcionario atente contra a dignidade das mulleres durante anos a través das redes sociais da comunidade universitaria da Universidade Vigo como denunciaron dous docentes e unha investigadora desa institución diante da indolencia, permisividade e complacencia dos xestores da propia institución, incluida a Directora da Unidade de Igualdade.
Un dos elementos claves que amosan a falta de igualdade nas universidades públicas son os concursos de selección de prazas de profesorado, controlados polos departamentos universitarios para impoñer un/unha candidato/a determinado/a, que participa, na maioría dos casos, na selección dos membros do seu propio tribunal. Revela a naturalización da discriminación, da desigualdade no interior da administración pública e da patriarcalización do acceso á función pública.
Malia o que se acostuma a pensar, as prazas de profesorado universitario non deberían ser prazas de “promoción interna” ou “reservadas ás/aos da casa”, sin embargo, funcionan desta maneira desde hai décadas (o Tribunal Supremo ratificou que as prazas de profesorado universitario non son procedementos de promoción profesional, STS, 9 de marzo de 2015, rec. 867/2014 e STS, 18 de maio de 2015, rec. 1690/2014).
Os concursos de selección de profesorado amosan a desigualdade dentro do mundo universitario (ver http://www.corruptio.com para unha selección documentada de casos). Con demasiada frecuencia, as comisións de selección “pasan” dos principios constitucionais de mérito, capacidade e igualdade e adulteran os criterios de valoración, porque o que está “pacíficamente asentado” é que o que conta son os votos dos/as membros da comisión, e os méritos son irrelevantes ou inaplicábeis. As Comisións de Reclamacións internas, formadas por catedráticos/as emanados/as por elección do Claustro universitario, permiten sistematicamente estas irregularidades, sen actuar contra a causa da reclamación, sexa esta un plaxio, unha ausencia de baremación ou un perfil axustado a un/unha candidato/a determinado/a. Da igual, porque a igualdade non importa. A quen lle importa?
A cultura administrativa patriarcal universitaria amosa claramente o abuso de poder dos servidores públicos que obteñen un beneficio directo ou indirecto incumprindo a normativa. Hai grupos dentro das universidades que funcionan con intereses comúns, ocultando continuamente información e realizando accións irregulares (ver irregularidades en proxectos de investigación dun catedrático universitario, ou irregularidades nun título ilegal). O que se chama endogamia é en realidade corrupción pura e dura, en contra da norma, sempre para protexer aos/ás próximos/as.
Cando lemos o auto do maxistrado Ruz sobre a Gürtel e como describe a mecánica da corrupción, que califica de delictiva, coincide coa prática habitual na provisión das prazas universitarias. O/a candidato/a local inflúe decisivamente en todo o procedemento sobre a “súa” praza, do mesmo xeito que o fai un empresario para conseguir un contrato ou unha subvención coa administración pública. Pero cando se trata da adxudicación dunha praza universitaria chamámolo eufemisticamente “endogamia”. Para todo isto funciona a lei do silencio e un código secreto que non se pode revelar. É unha especie de “omertá”: todo o mundo cala, coaccionado por un ambiente no/a que o/a que se opón é calificado/a de “tolo/a” e “chalado/a”.
Estase producindo un cambio xeral de rexeitamento á corrupción. A Universidade é un servizo público en réxime de autonomía que debe estar sometida a control e que debe funcionar sen arbitrariedade. É hora de meterlle man e democratizala como está acontecendo con outras institucións públicas. Estas deben someterse ás leis e non debe substituílas.
Tamén deben someterse á Lei Orgánica de Igualdade 3/2007, que establece con claridade a igualdade de xénero. De terse producido unha real aplicación e extensión desta lei nos empregados públicos –tamén nos docentes de Matemáticas– erradicariamos os estereotipos vixentes na sociedade e eliminariamos todas as formas directas e indirectas de discriminación por motivo de xénero a fin de garantir o dereito das mulleres á igualdade de trato.
A Lei galega 7/2004, do 16 de xullo da igualdade de mulleres e homes (refundida no Decreto Lei 2/2016, de 12 de febreiro) é moito máis firme en non permitir ningunha forma de machismo e misoxinia na comunidade escolar (art. 9) ou na erradicación do sexismo na linguaxe institucional e social (art. 18). Así mesmo, unha Resolución do Parlamento Europeo do 12 de marzo de 2013 sobre a eliminación dos estereotipos de xénero na Unión Europea sinala a discriminación que sufren as mulleres para ser representadas como un “obxecto sexual”, é dicir, como un “escote”.
Chama a atención que haxa aínda argumentadores/as ou xustificadores/as de profesores que relacionan a calidade docente cos escotes das estudantes cando na aula de matemáticas o prioritario é a racionalidade. Chama a atención que haxa aínda argumentadores/as ou xustificadores/as de funcionarios administrativos que empregan recursos públicos informáticos para atentar contra a dignidade das mulleres como se un canal académico fora unha especie de versión universitaria de Charlie Hebdo. Chama a atención que haxa tantos/as argumentadores/as e xustificadores/as sobre as formas de acción corrupta da “mercantilizada” universidade pública actual.
Contra estas argumentacións, hai quen gusta de falar de simplificacións apelando a necesidade de discursos complexos. Para producir discursos complexos, a sociedade ten que saber, sobre todo o que non funciona ben. Hai que fuxir da simulación e da ambigüidade, do encubrimento, da terxiversación e da mentira institucionalizada.
Temos dereito a agardar comportamentos e pautas razoábeis dos/as que ocupan os espazos de poder ou de autoridade. Cando se violan esas pautas deliberada ou inadvertidamente, hai que denuncialas ou combatilas con valentía. Ese é o discurso máis complexo. Aceptar a ambigüidade é non ser honrado/a coa realidade. Así non avanzamos. Pode ser máis irónico, pero lévanos á barbarie.