A inútil defensa do Estado do Benestar

* Este artigo está baseado en textos recollidos no libro A Esquerda ante o colapso da civilización industrial, cuxa 2ª edición podes facer posible participando no seu proceso de microfinanciamento http://vkm.is/esquerdacolapso

A esquerda adoita basearse en previsións sen base física acerca da continuidade dos parámetros socieconómicos da Era da Abundancia. Así un economista coma Vicenç Navarro —referente en política económica da supostamente novísima esquerda de Podemos— defende que un incremento continuo da produtividade podería soster indefinidamente un sistema de pensións como o actual. A esquerda segue a dar por suposto que os aparatos do chamado Estado de Benestar (sanidade pública, servizos públicos, servizos e axudas sociais diversos, etc.) van poder seguir sendo viables indefinidamente, cando en realidade son directa ou indirectamente dependentes dun descomunal fluxo enerxético de orixe fósil para soster a súa complexidade e loitar contra a súa degradación entrópica. E non só iso, senón que, aínda por riba, dependen financeiramente duns ingresos estatais estables a través dos impostos, que á súa vez están en función do grau de crecemento do conxunto da actividade económica no país. Na seguinte gráfica pódese apreciar dunha maneira visual esa dependencia da abundancia enerxética, no contexto histórico do Welfare State:

Figura 1: Algúns fitos importantes da esquerda desde a Revolución Francesa de 1789 marcados sobre a gráfica da enerxía neta per cápita (en xigajules/ano) constatada e, a partir de 2015, prevista. As fases do capitalismo proceden de: Jorge Beinstein, “Rostos da crise. Reflexões sobre o colapso da civilização burguesa”, intervenção apresentada no seminário internacional Colapsos ecologico-sociais e económicos, na Universidade Nacional Autónoma do México, (outubro de 2008), incluído en Recessom ou Colapso? A questom da crise nos Marxismos (Escola Popular Galega / Grupo de Estudos Mádia Leva!, 2010).

Por suposto isto non quere dicir que non exista, adicionalmente —superposta a esta—, unha ameaza de tipo político que leva ao espolio e desarticulación destes servizos, espolio que en realidade tampouco é alleo na súa orixe á situación de colapso capitalista que veño describindo, como ben apuntan as seguintes citas de Xoán R. Doldán e Antonio Turiel e que mesmo algúns consideran que foi conscientemente planificado a partir da previsión capitalista dese colapso1:

“Está claro que o sistema financeiro e monetario actual está caput. (…) Agora sabemos que separar o financeiro da base material da economía foi posíbel durante un tempo pero é imposíbel no medio ou longo prazo. De momento o poder financeiro e os seus empregados e representantes, que non son outros que os representantes políticos nos diferentes parlamentos, están a «reformar» a economía para expropiar mentres poidan o patrimonio que fica en mans dos Estados e das institucións públicas, ao tempo que acrecentan os mecanismos de opresión e explotación das clases traballadoras, familias e pequenos empresarios, para cubrir as enormes perdas ocasionadas no casino capitalista. (…) non pararán até que haxa non só síntomas de resistencia senón unha resistencia real manifestada en todos os ámbitos. Poderán manter certo tempo o sistema financeiro e monetario baixo esa continua opresión e expropiación pero co obxectivo de acrecentar a concentración do capital financeiro.” (Xoán R. Doldán2).

“Obxectivamente si que temos vivido por riba das nosas posibilidades porque o noso sistema se baseou e se basea en explotarmos os recursos doutros países sen pagarlles de maneira xusta; pero non o fixemos da maneira que nos explica quen malla con ese discurso. En canto aos recortes, é absolutamente incrible o eficaz labor de desinformación que fan moitos medios, comezando por denominaren rescate o que non deixa de ser un plan de liquidación de activos para pagarmos unha débeda impagable e con gran desfeita da economía. Non nos enganemos: cos recortes e o rescate o que se pretende é que un 20 ou 30% da débeda, que está en mans de grandes capitais internacionais, sexa devolta sen merma e aínda por riba cos xuros prometidos; e para conseguir ese fin, se hai que destrozar a economía malvendendo activos, pois faise, e coa colaboración ignorante ou complacente dos nosos gobernantes.” (Antonio Turiel3)

Pero, en calquera caso, se ha de seguir habendo un Estado (algúns dubidámolo á luz da enerxía que custa manter un aparato central nun territorio amplo) e se este ha de continuar a fornecer algún tipo de servizo público necesariamente máis modesto e eficiente, deberá ser un Estado que desligue a súa viabilidade económica da necesidade do crecemento económico —é dicir, un Estado Poscrecemento—, e deberá ser, antes que nada, un Estado que asuma a necesidade de decrecer ordeadamente e de maneira socialmente sostible: un Estado Decrecentista. Non ter isto en conta pode supor nin máis nin menos cá extinción política da póla das esquerdas que aposta polo Estado como vehículo para a transformación social, que non sería quen de sobrevivir ao colapso da estrutura política que lle dá sentido.

Aínda así, na situación actual prácticamente todo o espectro da esquerda estatalista (desde a socialdemocracia ata os partidos comunistas clásicos) non só non se desprende da súa aposta pola institución estatal, senón que mesmo a reforza, e diante do proceso privatizador (que máis ben deberiamos cualificar de espoliador) e do acoso dos mercados capitalistas, seguindo a súa lóxica inconsciente do rumo entrópico da nosa civilización, defenden un mantemento do Estado principalmente na súa faciana de Estado do Benestar. Pero cómo defendermos algo de tal complexidade que non podería ser mantido nunha sociedade dunha baixa dispoñibilidade enerxética? Como facer depender toda a nosa acción política dunha entidade que vai resultar enerxeticamente inviable a medio prazo? Como pensamos redistribuír a riqueza mediante a prestación de servizos públicos se esa riqueza vai minguar aceleradamente e non teremos medios para soster a complexidade que requiren os servizos estatais modernos a una escala como a actual?

Diante desa situación só caberían tres camiños:
1º) Desmantelar o Estado ata a súa mínima expresión pero en beneficio dos mercados capitalistas (escenario anarcocapitalista);
2º) Tentar mantelo á custa do resto da sociedade, conservando unha institución estatal de alta complexidade e polo tanto alto consumo enerxético, privando á cidadanía de recursos enerxéticos e materiais (escenario ecototalitarista);
3º) Reducir controladamente a complexidade e alcance do Estado, paralelamente á redución do consumo per cápita, pero evitando que o mercado capitalista ou neofeudalista se apodere de espazos da vida socioeconómica, e entregándollelos paulatinamente ás comunidades locais, é dicir, defender o público pero entendéndoo xa non só como sinónimo de estatal senón abríndoo ao comunitario/comunal (escenario comunitarista postestatal).

En realidade esta última opción non debería ser tan incompatible coa teoría marxista se non perdemos de vista que o control socialista do Estado é, nesta teoría, tan só unha etapa transitoria cara o obxectivo final do comunismo. Simplemente habería que recoñecer que a xanela de oportunidade para a etapa socialista-estatalista se está a pechar e acelerar o paso á etapa comunista-postestatal. E aí é onde cómpre falarmos das estratexias posibles para unha xestión decrecentista do Estado.

 

NOTAS

1- ABRAIRA, Miguel Anxo (2014): “Arredismo”, Sermos Galiza (17/07/14). URL: http://www.sermosgaliza.gal/opinion/miguel-anxo-abraira/arredismo/20140717215817029242.html

2- DOLDÁN, Xoán R. (2011): “O inevitable colapso do sistema financeiro (e o que nos fan pagar namentres)”, Véspera de Nada (23/06/2011). URL: http://www.vesperadenada.org/2011/06/23/o-inevitable-colapso-do-sistema-financeiro-e-o-que-nos-fan-pagar-namentres/

3- TURIEL, Antonio (2013): Entrevista: “Imos ter que decrecer por forza. Esta crise non rematará nunca”, , Altermundo (08/01/2013). URL: http://www.altermundo.org/antonio-turiel-imos-ter-que-decrecer-por-forza-esta-crise-non-rematara-nunca/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.