A involución lingüística do PPdeG

Alberto Pazos, portavoz do PP, e Lara Méndez, viceportavoz do PSdeG, asinan o pacto polo galego no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

A convocatoria electoral anticipada do vindeiro 29 de novembro neutralizou, parcialmente, a relevancia mediática provocada polo pacto lingüístico asinado entre os grupos parlamentarios do PPdG e do PSdG. Estamos, sen dúbida, ante un dos acontecementos mais relevantes da lexislatura galega

A convocatoria electoral anticipada do vindeiro 29 de novembro neutralizou, parcialmente, a relevancia mediática provocada polo pacto lingüístico asinado entre os grupos parlamentarios do PPdG e do PSdG. Estamos, sen dúbida, ante un dos acontecementos mais relevantes da lexislatura galega que comezou coas eleccións de Febreiro de 2024. A importancia da cuestión sobre a que se realizou este acordo e a falta de precedentes semellantes nos últimos anos xustifica a cualificación valorativa outorgada nas presentes liñas.

En Setembro do ano 2004 o Parlamento galego aprobou por unanimidade un Plan Xeral de Normalización Lingüística. A pregunta resulta pertinente: por que -hai 22 anos- PPdG, BNG e PSdG foron capaces de negociar e acordar un ambicioso catálogo de medidas a respecto do fortalecemento da lingua na vida institucional e social do País e agora non ocorreu algo parecido?

Analicemos, brevemente, as semellanzas e as diferenzas nas circunstancias concorrentes en ambos momentos históricos. Entón e agora rexistrase unha maioría absoluta do PP na Cámara do Hórreo. Se no 2004 o goberno presidido por Fraga levaba 14 anos exercendo o seu labor, os Executivos posteriores encabezados por Rueda e Feijoo mantiveron unha continuidade ininterrompida durante 17 anos. E, ademais, existe unha característica común no escenario parlamentario de ambos momentos: o BNG posúe a condición de segunda forza e, xa que logo, constitúe a referencia dominante da oposición ao goberno da Xunta.

A evolución do uso do galego foi claramente negativa até acadar cifras graves e moi preocupantes a respecto do obxectivo de avanzar na súa normalización social. Obviamente, no plano político, a responsabilidade principal dese devalo lingüístico reside nos distintos gobernos presididos por Nuñez Feijoo (até 2022) e Alfonso Rueda

O que resulta certamente diferente é a situación da lingua nese intervalo temporal. Como certificou o Informe do IGE publicado en outubro do 2024 a evolución do uso do galego foi claramente negativa até acadar cifras graves e moi preocupantes a respecto do obxectivo de avanzar na súa normalización social. Obviamente, no plano político, a responsabilidade principal dese devalo lingüístico reside nos distintos gobernos presididos por Nuñez Feijoo (até 2022) e Alfonso Rueda. Demostraron carecer da vontade necesaria para enfrontar unha crise de semellante envergadura e optaron por instaurar -e manter- medidas normativas que consolidaron a involución lingüística.

Contrastando as circunstancias presentes nos anos 2004 e 2026, a conclusión está servida: o PPdG virou significativamente na súa política lingüística. A piques de rematar a que sería a súa derradeira lexislatura, Fraga acordou promover un acordo co BNG e o Partido Socialista coa explícita pretensión de favorecer unha mellora da presenza do galego na vida pública. Xa que logo, e a diferenza do que logo invocarían Feijoo e Rueda, para o vello fundador do PP o perigo non estaba na suposta "imposición" do uso da lingua senón, precisamente, no seu estancamento. En definitiva, o principal problema para o galego non residía no que facían os sectores mais activamente defensores do mesmo. Os atrancos localizábanse noutras instancias administrativas e noutros segmentos da cidadanía.

O actual goberno da Xunta sae gañando e a credibilidade da necesaria alternativa gobernamental futura entre BNG e PSdG sufre un custe innecesario

É ben sabido que cando Feijoo acada a presidencia da Xunta -no ano 2009- asume o pago da débeda coa plataforma "Galicia Bilingüe" -promotora nominal da campaña contra a política do bipartito nesta materia- e impón en solitario o "decreto de plurilingüismo". Racha o consenso anterior promovido por Fraga e decide abrir unha confrontación permanente nesta materia utilizando as coñecidas falacias argumentais subministradas polos sectores do seu partido menos identificados coas formulacións autonomistas do fraguismo. Durante mais de 15 anos, o goberno galego viviu na burbulla creada polos seus relatos optimistas a respecto da situación da lingua. O xa sinalado informe do IGE representou un baño de realidade sobre a emerxencia lingüística realmente existente. Por iso decidiu mover algunha peza para neutralizar a evidente imaxe do seu fracaso neste eido.

Os actuais dirixentes do PSdG non mediron adecuadamente a transcendencia da súa decisión de pactar bilateralmente co PP neste asunto. Despois da belixerancia practicada por Alberto Núñez contra o bipartito (onde, por certo, a responsabilidade da execución da política lingüística foi desempeñada por unha representante socialista) e da unilateral ruptura do pacto do ano 2004 era necesario esixirlle a Rueda un cambio de maior envergadura do que se ven de asinar. Ao non ser así, o actual goberno da Xunta sae gañando e a credibilidade da necesaria alternativa gobernamental futura entre BNG e PSdG sufre un custe innecesario.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.