O Fondo Social Europeo para o período 2007 – 2014 distribuíuse pola Comisión Europea en función da renda por habitante de cada unha das rexións europeas clasificadas en catro grupos. Galicia quedou encadrada no grupo de “Comunidades Converxencia”, aquelas con menos do 75% de renda por habitante ca media comunitaria. Por isto, asignáronselle a Galicia 936 millóns de euros. A Xunta de Galicia xestiona 359 millóns e o resto, 578 millóns, o Estado por medio dos programas plurirexionais.
Os fondos plurixerrionais xestiónaos, principalmente, o Servizo Público de Emprego Estatal, distribuíndoos entre as diferentes políticas de emprego e, despois, transfírellos a cada comunidade porque a execución de políticas de emprego é competencia autonómica. Esta distribución faise nunha Orde conxuntamente cos demais fondos e, en 2012, publicouse no BOE do 27 de setembro. Na súa disposición adicional segunda establécese a contía que cada comunidade deberá xustificar a Unidade Administradora do Fondo Social Europeo, ou dito máis claramente, a parte que percibe do FSE. En 2012 Galicia recibiu 73.500.986 euros.
Os desempregados en Galicia representaban o 5,8%, pero os fondos percibidos só foron o 3,9%; por que non reclaman desde a Xunta?
A diferenza ata o total percibido, 106,6 millóns, é o que achega o Estado a Galicia para políticas activas de emprego. En 2012 foron 33 millóns de euros. Galicia contaba en 2011 cunha media de 246.697 demandantes non ocupados, o que representaba o 5,8% do total de demandantes do Estado. Os fondos percibidos eran soamente o 3,9%. Como non reclaman dende o goberno da Xunta? Que fai a conselleira de Traballo?
En 2011 Galicia levaba o 6,84% do total dos fondos achegados polo Estado cunha décima menos de participación no conxunto dos demandantes que en 2012, o 5,7%. A distribución beneficiaba a Galicia. O Goberno de Rajoy recorta os fondos e por riba discrimina a Galicia, Andalucía, Estremadura e Castela a Mancha. As comunidades con menor desenvolvemento son as que perciben menos fondos do Estado dos que lles corresponde. Como se admite isto sen protestar?
O Goberno de Rajoy recorta os fondos e aínda por riba discrimina a Galicia; por que se admite isto sen protestar?
O Goberno volve repartir o xa repartido. Os fondos do FSE entran no reparto como se non tivesen un dono determinado pola Comisión Europea. Así violéntase a distribución realizada por Bruselas e deixan de supoñer unha discriminación positiva para acadar a converxencia co coa media da UE. E Feijóo mudo. De nada nos serve que para o próximo período dende Bruselas se nos apoie con máis fondos se o Estado segue a facer táboa rasa das decisións comunitarias e compensa cos seus propios fondos as comunidades máis desenvolvidas polo que aportou Bruselas. En 2012 se non houbese esa compensación, os demandantes galegos debería dispor de 16 millóns mais de fondos de orixe estatal para políticas activas, na mesma proporción que un parado de Madrid ou de Cataluña. O Estado achega por cada demandante non ocupado de Madrid 278 euros e, se é catalán, 264 euros. Por que non protestamos cando aos demandantes de Galicia lles chegan soamente 134 euros? Esta perversa distribución é a que fai que dende Europa se podan preguntar pola validez dos seus criterios de distribución.
O Estado achega 278 euros por cada demandante de emprego madrileño, pero só 134 por cada parado galego
O PP considera aos fondos do FSE, fondos de reequilibrio territorial, do mesmo xeito cos demais que nutren os orzamentos do Servizo Público de Emprego Estatal. Non considera que son finalistas, que veñen destinados a comunidades concretas en relación inversa a súa renda. Son uns fondos mais que volven ser repartidos de acordo cos criterios establecidos.
Neste momento estase a negociar os fondos do novo período. Con que forza se vai esixir dende Galicia un trato preferente cando logo non se fai a mesma esixencia fronte o Estado que utiliza o trato preferente que da a Galicia a Comisión Europea para engadir mais fondos para o seu reparto entre a totalidade de comunidades? Por que nin Feijóo nin Beatriz Mato din nada diante da tropelía que fai Rajoy? Por que non reivindican eses fondos que en 2012 suporían un terzo mais dos fondos estatais, 16 millóns?