A irrelevancia da Galicia de Alberto Núñez Feijoo

Pasiño a pasiño, a obra de Alberte Núñez Feijoo vai collendo xeito e maneiras. Galicia é cada día máis pouquiña cousa, máis irrelevante, incluso dentro da España decadente destes (que van camiño de ser) violentos anos 10. Non serei eu quen cuestione a clara maioría que lle veñen de outorgar os galegos e galegas vai apenas dous meses, pero non podo evitar ver un aquel de melodramático e angustioso no panorama que cada día nos aparece diante dos ollos. Non lles falo da cuestión social, máis grave se cabe, senón da cuestión nacional, que aínda sendo máis cativa, existir existe. Como mostra valan algúns botóns convenientemente adobiados do pesimismo que sen dúbida bota por fóra este bendito tempo outonal.

Galicia é cada día máis pouquiña cousa, máis irrelevante, incluso dentro da España decadente destes (que van camiño de ser) violentos anos 10

O primeiro fai referencia ao ofrecemento feito por Feijoo á oposición dun pacto para que esta última “volva ao consenso sobre a lingua” (Radio Galega dixit) a cambio de non presentar recurso contra a sentenza do TSXG que anula partes clave dun decreto que o seu propio goberno impulsara. Se non soubéramos, como sabemos, que o decreto foi feito para contentar a unha minoría de ideoloxía neofranquista, que se ve crecida e ben representada nas filas urbanas do Partido Popular, até nos poderiamos alegrar. Só dende o cinismo absoluto pode ofrecer o presidente de tódolos galegos un pacto a cambio de non seguir mancando a nosa lingua.

Só dende o cinismo absoluto pode ofrecer o presidente de tódolos galegos un pacto a cambio de non seguir mancando a nosa lingua

O segundo tamén se corresponde ao mesmo día no que o presidente fixo o ofrecemento anterior, nunha alborotada sesión parlamentaria. A algúns non gustará esta percepción miña mais coido que fraco favor lle facemos á democracia e á dignificación do Parlamento de Galicia coas actitudes duns deputados perdendo as maneiras, como dunha feira pobre se tratara, e doutros fuxindo diante da máis que comprensible bronca duns cidadáns roubados e estafados.

O terceiro, vén a conta do malogrado sector financeiro galego e dun presidente incapaz e incompetente que ve como tal sector morre de morte morrida nun lapsus de tempo irrisorio, e cala cando en Madrid se dita que o tratamento a Bankia debe ser diferente, polo seu carácter sistémico. Preocúpanme máis os pequenos aforradores enganados coas preferentes que os “ricos galegos” que nun acto patriótico investiron en NCG Banco, pero teño certa curiosidade en saber que lles renxe polas cacholas a eses acaudalados galegos nestes momentos. Por certo, tamén teño curiosidade por saber por que non protesta agora quen tanto protestou noutras ocasións, o monarca que segue marcando o ritmo político en Galicia dende o seu trono cada vez máis cativo e provinciano e que ha de rematar, se non ao tempo, como algunha das entidades financeiras das que falamos. Ai o raquitismo burgués...!! Verdade Sr. Beiras?

Descanse vostede tranquilo no seu austero sofá de Monte Pío e siga mirando a maneira de como facer efectivo aquel consello marital que D. Manuel lle dera a D. Mariano e que, por certo, tan bo resultado lle deu

Mais tranquilo presidente, o pobo galego non soe atender a estas lerias, que para iso o votou, e senón, sempre lle quedará Catalunya ou a selección española de fútbol. Descanse vostede tranquilo no seu austero sofá de Monte Pío e siga mirando a maneira de como facer efectivo aquel consello marital que D. Manuel lle dera a D. Mariano e que, por certo, tan bo resultado lle deu. O traballo aquí xa está feito, ou case, e xa queda menos para facer o que tantos insignes galegos foron quen de facer ao longo da historia que non é outra cousa que triunfar en Madrid. Boas festas!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.