Hai unha semana, o proxecto de Lei do Solo superaba o trámite do debate á totalidade no Parlamento de Galicia cos votos do PP. Este texto é a proba do esgotamento dun goberno e dun xeito de facer as cousas neste país.
Que despois do que aquí aconteceu nas últimas décadas, sobre todo dende os anos 2007-2008, o PP presente unha mera “reforma” da lei 9/2002 -que á súa vez tivo 10 modificacións en 13 anos- e que venda como únicos e principais obxectivos propagandísticos o “feísmo” e que cada concello conte cun PXOM, evidencia que temos un goberno incapaz para afrontar os cambios necesarios para este país nos vindeiros anos no que á ordenación do territorio e o urbanismo se refire.
Malia pretender vendelas coma fitos históricos, a realidade é que estas dúas lexislaturas do goberno Feijóo son dúas lexislaturas perdidas.
Durante a primeria lexislatura aprobáronse definitivamente as Directrices de Ordenación do Territorio. Un documento de orientación –por tanto, non vinculante- sobre o artellamento das lóxicas territoriais de Galiza, así como o seu desenvolvemento futuro. Tal documento, reciclado en boa medida do goberno anterior (o bipartito) descansaba no articulado da Lei 10/1995 de Ordenación do Territorio de Galiza.
Dende a súa aprobación, lonxe de se intensificaren as medidas dirixidas a desenvolver esta lei dotándoa de contido con criterios territoriais e a través das figuras nel contempladas -que poderían establecer unha regulación vinculante a unha escala axeitada ás lóxicas socioespaciais do país, isto é a supramunicipal- o goberno veu paralizar toda iniciativa nesta materia, incluido o Plan de Ordenación do Litoral.
E Galiza continúa cunha organización administrativa allea ao país, sen comarcalizar, sen desenvolver as Áreas Metropolitanas e mesmo deixando ás parroquias sen que poidan adoptar personalidade xurídica alí onde aínda son unha unidade útil para as relacións humanas e económicas. Seguimos a fundamentar toda a organización político-administrativa nos municipios e nas deputacións, modelo completamente alleo ás nosas necesidades.
O artellamento axeitado favorecerá o desenvolvemento endóxeno no rural, da prestación de servizos de calidade, da mobilidade e, tamén, dun planeamento urbanístico a unha escala axeitada.
Para Feijoo o planeamento segue a ser algo abordable exclusivamente a escala municipal, definida polas figuras de planeamento xeral de cada un dos municipios, as cales responden a lóxicas estritamente locais e que teñen en fronte procesos de urbanización, ocupación e uso do espazo que sobordan esta escala dende hai decenios.
O xeito efectista -publicidade e propaganda- co que traballan os “bos xestores” reflíctese na continua improvisación na cuestión da fusión de concellos. Hai catro anos que se anunciou a primeira fusión -Oza-Cesuras- e fíxose sen planificación ningunha e cos resultados coñecidos. Neste ano introdúcense, por medio da Lei de medidas fiscais e administrativas dos Orzamentos para 2016, un conxunto de incentivos aos concellos que voluntariamente se queiran fusionar, pero sen achegar ningún criterio e estudo previo, renunciando xa a un proxecto ambicioso de país. Todo isto é pouco serio.
No medio deste caos, continúan as agresións ao longo da costa, as paisaxes destruídas pola expansión urbanística, os mapas de servizos públicos descoordenados e o abandono de amplas zonas do rural. Efectos, todos, da incapacidade do PP para dar resolto -e leva trinta anos que leva gobernando o país!- unha axeitada organización territorial interna.
Pretenden tapar esta incapacidade coa aprobación dunha lei continuadora, pero que presenta, para máis inri, graves pasos atrás e ausencias inexplicables a estas alturas da historia. É unha lei que segue a estar inspirada no modelo de liberalización e desregulación promovido polo Goberno do PP nos anos 90, na época de expansión urbana desordenada, da especulación e da burbulla inmobiliaria. Un modelo que se demostrou obsoleto, ineficiente, insostible e fracasado.
Unha lei feita como se nada tivese pasado. Non se teñen en conta os milleiros de vivendas baleiras ao tempo que se expulsa a xente das casas, nin o deterioro do patrimonio construído ao tempo que se expanden as vilas e cidades destruindo solos ambiental, agronómica ou paisaxisticamente valiosos.
A figura preeminente, lonxe de ser a rehabilitación e a rexeneración urbana é, unha vez máis, a expansión, o que conducirá si non se remedia, á volta da política urbanística especulativa irracional e insostible, que xa coñecemos, mentras se baleiran vivendas, centros das vilas e se destrúe o patrimonio construído.
Isto evidénciase, principalmente, na maior facilidade para a creación de solo urbanizable.
Abonda con ler a súa definición:
Artigo 23:“Constituirán o solo urbanizable os terreos que o planeamento considere necesarios e axeitados para permitir o crecemento da poboación e da actividade económica ou para completar a súa estructura urbanística”
Como se pode comprobar ahí cabe todo.
Ademáis complétase esto dando facilidades para reclasificar os terreos rústicos -que deberían quedar excluídos da expansión urbana. A lei non establece límites para as reclasificacións e recualificacións do solo, aínda que o conxunto das modificacións impliquen un aumento superior ao 20% da edificabilidade total do plan, superando os límites do art. 15 e DT 4 da Lei estatal de solo.
Facilita modificacións dos plans para o cambio de usos e o aumento do aproveitamento urbanístico dunha zona ata nun 30%, sen necesidade de prever máis dotacións públicas e sen participación da comunidade nas plusvalías (art. 13).
Permítense as modificacións de planeamento para incrementar o aproveitamento urbanístico lucrativo sen esixir o correlativo aumento das reservas para zonas verdes e dotacións públicas necesarias.
Permítese reclasificar o solo rústico de protección ordinaria (artigo 29) e o solo rústico de especial protección de costas, augas, espazos naturais, paisaxe, etc. (art. 30.5).
Tamén é salientable, nesta lei, o que ten que ver co rural. Desprotéxeo e facilita calquera uso en calqueira tipoloxía de solo e fomenta a dispersión urbanística.
Os concellos non poderán realizar determinacións neste solo -o 88 % do solo do país- e a figura preeminente na planificación neste solo serán os plans sectoriais.
Así, desaparece a visión global, integral e horizontal da ordenación territorial e urbanística e substitúese pola visión parcial, fragmentada e desintegradora da lexislación sectorial.
Redúcese a superficie edificable no solo rústico de 5000 a 2000 m2 e permítese o reordenamento; podendo converter, así, 4 parcelas de 500 e unha de 10.000 en 6 de 2000.
Por outra banda, redúcese substancialmente o solo rústico protexido e os usos permitidos en todo o solo rústico poden resultar, en moitos casos, incompatibles entre si e implicar a degradación dos valores obxecto de proteción.
Diferénciase entre concellos con máis de 5.000 habitantes, para os que se fixan os estándares de calidade de vida e cohesión social, e os de menor poboación, que quedan sen estándares de sistemas xerais, nunha inxustificable discriminación negativa.
Elimínanse os estándares de sistemas locais de zonas verdes e de equipamentos públicos en ámbitos de uso terciario e industrial. Trataríase, deste xeito, de posibilitar a recalificación de zonas verdes e equipamentos nos parques empresariais existentes para a súa posterior venda como soares edificables.
E, así, unha interminable lista de pasos atrás de quen non coñece outro goberno para este país que vendelo en anacos, ou o sálvese quen poida.
Augúrolle unha vida tan curta e pouco exitosa a esta lei, desgrazadamente, coma ás precedentes, porque creo que o próximo goberno galego non pode ser o mesmo que destrúe hoxe o país.
O goberno que veña ten que afrontar a alternativa necesaria. Terá que contar coa forza para dotar a Galiza dunha organización territorial-administrativa propia, que desenvolva a ordenación do territorio, a clasificación de solos rigorosa segundo as súas aptitudes, que desenvolva Plans
Territoriais integrados, que posibilite o desenvolvemento endóxeno das comarcas no rural.
Deberá entender o urbanismo como unha función eminentemente social, na procura do interés xeral, un urbanismo que nos devolva as plusvalías, así como considerar o dereito á vivenda, e non o dereito a facer negocio especulativo coa vivenda.
Non deberá considerar as leis do solo como unha ferramenta económica, e deberá fornecer ferramentas e recursos suficientes para a protección do patrimonio, da paisaxe e do medio ambiente.
Ademais, deberá contar con instrumentos de participación cidadá dende o minuto 0, non ao estilo da lei franquista de 1956, así como instrumentos que non sexan só meros trámites burocráticos e reactivos, como as actuais alegacións aos plans.
En suma, moito traballo por diante para un goberno novo e con vontade de levar a cabo todas as reformas en materia de ordenación do solo e urbanística que precisa este país.