O verdadeiramente novidoso e rupturista do pacto de investidura entre os soberanistas transversais de JuntsxCat e o PSOE é a linguaxe
O verdadeiramente novidoso e rupturista do pacto de investidura entre os soberanistas transversais de JuntsxCat e o PSOE é a linguaxe. Como ten escrito o xornalista catalán Vicent Partal o documento asinado semella moito máis un acordo marco de paz ca un pacto de investidura. Porque constata as grandes diverxencias entre uns e outros (desenvolvemento autonómico vs independencia) e, porén, deseña uns acordos dende esa discrepancia sen que ninguén renuncie aos seus obxectivos últimos nin próximos.
Neste senso é moi salientábel o axuizamento negativo, a xeito de orixes remota e inmediata do conflito catalán dos Decretos de Nova Planta de 1707-1716 que derrogaron as liberdades catalás (e tamén as dos Reinos de Aragón, Valencia e Mallorca) e da Sentenza do Tribunal Constitucional de xuño de 2010 que declarou parcialmente a inconstitucionalidade do Nou Estatut de 2006, malia ter sido aprobado maioritariamente en referendum pola cidadania.
Tamén é moi potente a decisión de promover unha amnistía cun perímetro abondo para coller todos os feitos de intencionalidade política conectados coa convocatoria, desenvolvemento e resultas da consulta cidadá do president Màs (9-N 2014) e do referendum de Puigdemont (1-Ou 2017). Entre eles accións indirectamente vencelladas co procès que teñen o denominador común do lawfare. É dicir, dunha actuación desproporcionada na aplicación da lei penal ou contàbel por parte do Tribunal Supremo, do Tribunal de Contas, dalguns outros órganos xudiciais e da Fiscalía. Actuación desaquelada que precisamente xustifica unha medida tan excepcional como a amnistía para a restauración democrática.
Certo é que o acordo é de execución complexa. JuntsxCat terá que cumprir coa súa parte esta semana e case todo o resto depende da vontade do PSOE. Velaí o acerto dos juntaires de Puigdemont ao esixiren unha ferramenta mediadora de relato, verificación e control, composta por unha equipa internacional de catro persoas, entre elas un coordenador, que haberá de dar conta unha vez ao mes do grao de progreso na execución do acordo.
Albíscase o acerto do pacto de investidura BNG-PSOE ao lle extender a Galicia as resultas xurídico-políticas do eventual recoñecemento nacional de Catalunya e Euskadi
Tanto neste acordo como no pacto asinado co PNV hai un recoñecemento formal do carácter nacional de Catalunya e Euskadi, o que alicerza o compromiso de lle ceder a Catalunya a recadación de todos os tributos e abre a vía para unha mutación substancial da estrutura do Estado. E, neste contexto, albíscase o acerto do pacto de investidura BNG-PSOE ao lle extender a Galicia as resultas xurídico-políticas do eventual recoñecemento nacional de Catalunya e Euskadi, mesmo a do traspaso das competencias de recadación e liquidación de todos os tributos que agora se lle prometen a Catalunya.
Cómpre unha remuda do paradigma político para que morran xa as solucións esgotadas e caducas e medre o novo. Para que agromen as solucións que piden os tempos.