A lingua, a cultura e as andrómenas dalgúns alcaldes

Praza da Princesa, en Vigo © Javier Mariño arquitecto

«La verdad es la verdad, la diga Agamenón o su porquero». (Antonio Machado. Juan de Mairena)

 

Os estudosos definen o simbolismo como un movemento inimigo da falsa sensibilidade, ansioso da procura interior das verdades universais, dende a espiritualidade, a imaxinación e os soños. Entón, quen nos rouba os soños cada madrugada? 

As verdades –e a crúa realidade– son capaces de demostrarnos cada luscofusco, cando a luz se vai esvaendo ao final de cada día, que nos tempos da perpetua pantomima que nos toca vivir, aquela corrente nacida no século XIX foise virando e revirando co fin de facer de nós monicreques autómatas, servos da supervivencia superficial, da trola descarada e da pérfida incoherencia. 

No medio da campaña electoral, no decorrer dun maio extravagante, frío, aséptico e superficial, os cínicos esbrancuxados sempre atopan un instante a plena luz para darlle pábulo ás súas insolentes ocorrencias. Na véspera do Día das Letras Galegas, acompañada dun texto escrito na nosa lingua –cada día máis acurrunchada– aparecía unha foto desas ás que nos teñen tan acostumados. Ocupaba a portada dun medio con domicilio fiscal no noroeste de España, afianzando esta nova versión do simbolismo creativo, difícil de engulir para unha boa parte da humanidade, malia as sobredoses de vaselina de curso legal. Nun primeiro plano, asoman o rostro dous galegofalantes solventes: o alcalde da maior cidade galega e o director do medio en cuestión; e acolá atrás, distantes, case borrosos e ignorados, o presidente da RAG e o premio nacional de narrativa de 2021. De fondo a lenda de rigor, Unha complicidade a prol de Galicia, coroa o retrato do editor do xornal e do cómplice forzoso: o homenaxeado no Día das Letras Galegas do 2023. Velaí o panorama e, unha vez máis, a teimuda calcomanía surrealista á procura da máxima deturpación do simbolismo clásico, eclipsado mediante esa técnica sibilina, dos que teñen a tixola polo mango, de converter o vicio en virtude ou a falsidade e o cinismo en verdades incuestionábeis e universais. A vida debe ser dura para os que, talvez sen querelo, teñen que aparecer nestas curiosas estampas. Moi dura!

Así que, se aínda nos queda nas nosas curtidas veas algunha pingada de sangue vermella, despois do 28M, e en todo caso antes de que acabe o mes das letras, deberiamos tributarlle unha homenaxe a Fernández del Riego, poñéndonos mans á obra para esixirlle aos representantes nos concellos, comezando polos máis próximos aos nosos pareceres, que tomen en serio a nosa cultura e a nosa lingua. En caso contrario, os poucos indicios que nos quedan de pertenza a un país, dentro de catro anos, iranse abafando por unha masa abstracta sen forma perceptíbel, sen nome e sen sentido.

[O meu tío Lisardo é dos que pensan que, na vida, ser coherente ademais de non ser necesario seguramente é imposíbel. Basta, por tanto, ter firme vocación de aproximarse harmonicamente ao comunmente desexábel]

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.