En Suíza, lingua e nación non coinciden
En Suíza, lingua e nación non coinciden. Hai catro grupos lingüísticos e culturais: dous maioritarios, o alemán (que representa o 62% da poboación) e o francés (23%); e dous minoritarios, o italiano (8%) e o romanche (0,5%). O Cantón dos Grisóns ten tres linguas oficiais, e os de Berna, Friburgo e Valais, dúas. Falarmos así dunha identidade suíza, dunha cultura unitaria, non resulta doado.
O cal tampouco sorprende. Despois de todo, Suíza, lonxe de calquera veleidade organicista, pode definirse como unha politische Willensnation, unha nación fundada sobre a vontade cívica que se organiza como un Estado federal fortemente descentralizado. De feito, o autoconcepto dos suízos segue a construírse esencialmente sobre a imaxe da coexistencia pacífica entre culturas, que estaría asegurada por un federalismo único no mundo. Esta idea, matizábel, favorece obviamente os intereses da Suíza alemá, situada nunha posición de predominancia lingüística, política e económica.
O autoconcepto dos suízos segue a construírse esencialmente sobre a imaxe da coexistencia pacífica entre culturas, que estaría asegurada por un federalismo único no mundo. Esta idea, matizábel, favorece os intereses da Suíza alemá, situada nunha posición de predominancia lingüística, política e económica
Dado que sería impensábel que unha das catro linguas nacionais estivese por riba das demais, a paz lingüística procúrase garantir mediante dous principios, considerados constitucionais mais non escritos, que non poucas veces entran en conflito entre eles e conducen a situacións anacrónicas: o da liberdade, segundo o cal toda persoa pode facer uso da súa lingua primeira, e o da territorialidade, que implica que toda comunidade determina a súa lingua oficial.
A complexa segmentación lingüística é pois evidente. É frecuente, por exemplo, que xurdan críticas pola posición de preeminencia do grupo alemán e a conseguinte minorización dos demais grupos. Tamén se fala do chamado Röstigraben para describir o cleavage das grandes diferenzas de mentalidade e ideolóxicas entre as rexións lingüísticas alemá e francesa. A lingua sempre foi cuestión de poder. Tamén en Suíza.
Os sistemas educativos cantonais procuran que o alumnado teña polo menos un coñecemento básico dunha segunda lingua nacional. Pero os resultados desta política lingüística son modestos. O mito do suízo políglota só se sostén grazas ás elites, porque a inmensa maioría dos cidadáns carece da competencia lingüística suficiente para manter unha conversa fluída nunha lingua nacional que non sexa a súa
Sexa como for, as tensións existentes entre os grupos son unha parte indisociábel do plurilingüismo suízo. De feito, na cerna do federalismo helvético está precisamente o dereito á diferenza, mesmo o dereito a ignorar o outro e a non adaptarse a el. Á vez que se identifica en primeiro lugar co seu concello, co seu cantón e coa súa rexión lingüística, a cidadanía séntese fortemente ligada a Suíza, é dicir, ás institucións políticas comúns que son xustamente as que garanten a diferenza. E se isto nos parece estraño, parémonos a pensar. Acaso non sucede algo parecido, mutatis mutandis, na Unión Europea?
Os sistemas educativos cantonais procuran que o alumnado teña polo menos un coñecemento básico dunha segunda lingua nacional. Pero os resultados desta política lingüística son modestos. O mito do suízo políglota só se sostén grazas ás elites, porque a inmensa maioría dos cidadáns carece da competencia lingüística suficiente para manter unha conversa fluída nunha lingua nacional que non sexa a súa. Sucede, por exemplo, que na escola, os romandos e os tesineses intentan adquirir rudimentos do alemán estándar, que despois, como veremos, resulta que non é a fala da Suíza alemá. Nisto, de todos os xeitos, Suíza non se diferencia da gran cantidade de países plurilingües que hai no planeta.