A lista máis votada?

Confésome sorprendido. Sorprendido porque o PSOE, sen (que se saiba) ter negociado aínda nada nin co BNG nin coas outras forzas representadas na Deputación da Coruña (Compostela Aberta, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños), estea a anunciar quen serán os próximos presidentes das Deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra. E sorprendido, sobre todo, porque o BNG non reaxa afirmando, airadamente, que todo depende dunha negociación que nin tan sequera comezou. Negociación, por certo, que debería ser nacional e común para as tres Deputacións.

Cofésome sorprendido por que o PSOE estea a anunciar quen serán os próximos presidentes das Deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra

Indo por partes. Parécese dar por sentado que o BNG vai entrar nos gobernos provinciais. Xusto ao contrario do criterio anunciado para as cidades de Santiago, A Coruña e Ferrol. Alén de explicar porque non hai problema en gobernar co PSOE e si parece habelos en facelo con Compostela Aberta, a Marea Atlántica ou Ferrol en Común, alguén debería esclarecer a razón dunha contradición máis que evidente. Debe haber motivos que a expliquen, con certeza, máis deben ser explicitados con urxencia.

Do mesmo xeito, a firmeza que o BNG e Lugo en Común están a demostrar nesa cidade, condicionando o apoio ao PSOE á designación como candidato ou candidata dunha persoa que non sexa o pluri-imputado López Orozco, contrasta co asentimento implícito aos candidatos e candidatas nomeados unilateralmente polo PSOE para presidiren as Deputacións Provinciais. Máis outra contradición pendente de explicación.

Alén de explicar porque non hai problema en gobernar co PSOE e si parece habelos en facelo con Compostela Aberta, a Marea Atlántica ou Ferrol en Común, alguén debería esclarecer a razón dunha contradición máis que evidente

Por outra parte, dá a impresión de que a negociación está a ser levada provincia a provincia, sen unha visión de conxunto que permita cuestionar porque o BNG ten de lle entregar ao PSOE, sen discusión algunha, a presidencia de tres Deputacións. Se os tempos mudaron, as regras tamén deberían facelo. E non semella exaxerado, nunha negociación de conxunto exixir, cando menos, que a presidencia dunha destas tres entidades deba corresponder ao BNG ou, de haber acordo en tal sentido, a unha forza distinta do PSOE. Así se fixera nos pactos municipais de 1979 cando, após unha negociación de conxunto, Domingos Merino foi electo Alcalde da Coruña malia non ser Unidade Galega a forza de esquerda con máis representantes no consistorio coruñés.

Se estamos de acordo en que non debe gobernar o PP, por que habíamos de consentir como se fose algo natural que teña que a presidir o PSOE se este se ve superado pola soma de BNG, a Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños?

Mais o decisivo, na miña idea, é outro argumento. A idea de que o rexeitamento da consigna do PP de que “debe gobernar a lista máis votada” debe ser coherente. É dicir, este rexeitamento debe ser feito con todas as consecuencias: isto é, non só para que non goberne o PP mais tamén, no seu caso, para que non teña que gobernar necesariamente a lista máis votada da alternativa caso de que as restantes, alcanzando un acordo, somen máis representación. Tal sería o caso, por certo, da Deputación da Coruña: 13 representantes do PP, 8 do PSOE, 5 do BNG, 3 da Marea Atlántica, 1 de Compostela Aberta e 1 de Alternativa dos Veciños. Se estamos de acordo en que non debe gobernar o PP, por que habíamos de consentir como se fose algo natural que teña que a presidir o PSOE se este se ve superado pola soma de BNG, a Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños (10 representantes en total)?  Ou é que a impugnación da idea, antidemocrática, de que teña que gobernar a lista máis votada só lle é de aplicación ao PP e non ao PSOE?

O movemento demóstrase andando. Tamén nas Deputacións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.