A literatura e a IA

A Intelixencia Artificial e a escrita © https://www.alfredlondon.com/

 ChatGPT non vai matar a literatura, como a fotografía non matou a pintura: obrigouna a espabilar

A IA ten de por si chatas a barullo e pouco discutibeis para que rompamos a cabeza inventándolle outras. Unha destas, innecesaria, é a que se substancia en queixas e pánico dos escritores contra o uso de ChatGPT. Hai xente pola rede adiante, a cabalo da inflamación que provoca toda opinión contraria na contorna dixital, pedindo que lle retiren o premio Nobel a Olga Tokarczuk porque recoñeceu empregar o chatbot para consultas e brainstorming durante a escrita das novelas. Só se entende se se trata de aspirantes a escritor ou escritora que non paran en matices, con carraxe porque a eles ou elas nin con ChatGPT lles sae nada de enxunlla. 

A creación literaria é coma o pote, todo o admite e todo alimenta ou lle dá sabor ao caldo, con tal que leve letras. Así vén sendo desde os primeiros textos escritos hai cinco mil anos no Oriente Medio, que non é doado reducir a poesía, anotacións diarísticas, narración, rezo ou documento, porque o eran todo, todo menos literatura, dado que ese termo non fora inventado. ChatGPT non vai matar a literatura, como a fotografía non matou a pintura: obrigouna a espabilar.

A carencia absoluta de prexuízos e escrúpulos fai que o algoritmo manexe a información que o alimenta como algúns cativos manexan un brinquedo de pezas de montar, non para construír o castelo ou o automóbil que veñen no manual senón para o que lles peta

O algoritmo do programa informático AlphaGo foi adestrado con millóns de partidas reais do popular xogo de mesa asiático “Go”. Nunha segunda fase deixouse que, coñecidas as normas e estratexias empregadas polos xogadores reais, simulase pola súa conta millóns de partidas máis, como preparación para enfrontarse ao número un mundial, Lee Sedol. Venceuno ao plantexar unha estratexia que ningún xogador empregara antes e que os observadores expertos cualificaron na altura como un erro clamoroso. A posteriori comprobouse que aquel movemento 37 fora o mellor posíbel para acabar gañando a partida. 

O algoritmo non pensa, simplemente examina a cantidade inxente de información ao seu dispor e pona ao servizo das instrucións coas que os creadores o programan. Precisamente porque non pensa, non ten moral nin prexuízos, para o algoritmo a fin xustifica os medios. Isto pode ser fatal noutros campos, por exemplo o bélico, o médico, o xurídico, o financeiro ou a xestión de infraestruturas. Esta é unha das fontes, non a única, das nosas reservas e precaucións a respecto da IA. Nun xogo, é ideal. 

A carencia absoluta de prexuízos e escrúpulos fai que o algoritmo manexe a información que o alimenta como algúns cativos manexan un brinquedo de pezas de montar, non para construír o castelo ou o automóbil que veñen no manual senón para o que lles peta, para agrupar as pezas por cores, lanzárllelas ao can para que as traia de volta, facer música con elas ou levalas a couces polo corredor da casa adiante. Co tempo e a socialización pérdese esta inxenuidade anárquica e os meniños e meniñas acaban construíndo o castelo cuspidiño ao modelo proposto, ou mesmo se entreteñen cunha categoría de brinquedos que se caracterizan porque xogan eles sos, a crianza limítase a observalos.

Nun momento dado, se non está a acontecer xa, cando aos LLMs lles preguntemos como podemos tirarlle máis partido a unha idea, darán con xeitos de utilizar a linguaxe que a nós non se nos ocorreran porque a lóxica socializante nos cegaba e nos empurraba a conformarnos con construír o castelo do manual. Iso marcará a literatura do futuro

A cara máis visíbel do conxunto heteroxéneo de tecnoloxías que coñecemos como IA son os chatbots e Modelos de Linguaxe Amplos (LLMs nas siglas en inglés) termo confuso que suxerimos reemprazar por algo así como “Interlocutores Algorítmicos”, o máis coñecido é ChatGPT. A información no seu caso é o resultado de acceder, espoliar e esquilmar todo canto texto escrito producíu a humanidade. Desde o noso punto de vista iso é indefendíbel, pero o algoritmo non ten escrúpulos nin prexuízos. 

Nun momento dado, se non está a acontecer xa, cando aos LLMs lles preguntemos como podemos tirarlle máis partido a unha idea, darán con xeitos de utilizar a linguaxe que a nós non se nos ocorreran porque a lóxica socializante nos cegaba e nos empurraba a conformarnos con construír o castelo do manual. Asemade, os límites da capacidade que temos para manexar datos e explorar combinacións non facían posíbel imaxinar tan “ao bestia”. Iso marcará a literatura do futuro. 

Estruturas sintácticas ou de cohesión non previstas, derivadas por exemplo da importación de patróns doutras linguas, novos modos de relación entre as partes do discurso, metáforas impensabeis, visións alternativas do binomio tempo-historia, etc. Quen sabe se non volveremos a linguaxes de compoñente xeroglífica, combinando palabras, imaxes, números ou ideogramas? Seguramente ao algoritmo non lle importará que non o consideren literatura e os auteurs que agora lle rifan a Olga Tokarczuk dirán que por suposto non o é. Contamos con eles, son parte da paisaxe en calquera contexto cultural e, como se ve, mesmo serven de inspiración. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.