A loita polas pensións

O luns día un de outubro, coma todos os primeiros luns de mes, haberá concentracións polas pensións. Digo polas pensións e non de pensionistas porque entendo que isto interpela a toda a sociedade, especialmente neste momento no que intentan calzar o produto paneuropeo de pensións privadas (PEPP), que de aprobarse, facilitará a transferencia de fondos privados de capitalización entre os países membros da UE. Unha imposición lexislativa máis do capital multinacional que ve nos fondos de pensións un substancioso negocio.

Teñen desde logo moitos instrumentos para conseguilo, comezando polos medios de comunicación e continuando polos dous grandes partidos estatais que votarán a favor na Cámara Europea, a non ser que a contestación social sexa moi disuasoria.

Comezará por tanto unha campaña, máis ou menos camuflada en falsos debates e informes de expertos; sempre pagados por entidades tan imparciais coma o BBVA ou o Santander. Os medios de comunicación, agás algunha excepción dixital, traspasaron hai moito tempo todos os límites da decencia e da deontoloxía profesional.  O espectáculo mediático contribúe eficazmente  a democratizar a ignorancia; formando parte dese proceso de aculturación necesario para podernos manipular.

A loita polas pensións dignas é a loita pola xusta distribución da riqueza, que vén ser a mesma loita de sempre. A loita contra a manipulación é moi difícil e non debemos facilitala con argumentos búmerang como : “eu estiven cotizando toda a vida e teño dereito á pensión” ou “Coticei tantos anos e cobro tantos Euros”; se dicimos iso estámonos situando na mesma lóxica que leva a dicir que o sistema non é sostible; estamos facilitando declaracións comas do inefable Solchaga. O dereito a unha pensión digna é un dereito universal, humano e, a pensión mínima digna, non pode estar vinculada ao que teñamos cotizado senón  ao simple feito de ser persoa.

Só desde ese principio estamos lexitimados para interpelar a toda a sociedade, moi especialmente á mocidade. Porque a nosa loita é pola xusta distribución da riqueza e, por tanto, non pode formularse coma un gasto insoportable senón coma unha recadación insuficiente. So desde ese principio, a nosa reivindicación leva implícita a demanda dun cambio na lóxica fiscal; para que sexa redistributiva e, por tanto, minimamente reparadora das múltiples formas de inxustiza que causaron ese desequilibrio.

Eu estarei na concentración para defender a vinculación das subas das pensións ao IPC pero, sobre todo, estarei pola demanda dunha pensión mínima digna. Pola denuncia da trampa de establecer a cuestión no límite das cotizacións a SS e do negocio dos plans de pensións privados. Unha loita que creo que é a mesma de sempre, a que nos interpela a todos e a todas.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.