A longa precampaña galega

Unha das votacións unánimes do Parlamento no debate de política xeral © Parlamento de Galicia

Entre as poucas certezas que podemos sinalar no comezo desta longa precampaña, destaca unha: na segunda metade do ano que ven haberá unha enésima repetición do goberno do PP ou existirá un Executivo de coalición

O debate sobre o estado da nación celebrado recentemente no Parlamento galego foi un dos primeiros actos relevantes da longa precampaña que nos levará á cita electoral da vindeira primavera. Concorrían, neste acto, tres circunstancias singulares: era o primeiro test para analizar o papel de Alfonso Rueda na súa condición de sucesor de Feijoo na presidencia da Xunta; foi unha ocasión para reiterar a evidencia de que PSdeG estivo representado por un voceiro que non será o candidato referencial nos comicios do ano que vén e confirmouse que unha das principais fortalezas do actual BNG radica na consistencia do liderado de Ana Pontón.

O Parlamento galego debería ser o centro de gravidade da vida política galega. Poren, o primeiro que non semella acreditar nesta premisa é o actual presidente da Xunta. Alfonso Rueda tiña a mellor oportunidade para demostrar que non é só o sucesor administrativo de Feijoo e que posúe unhas cualidades adecuadas para enfrontar os retos que se lle presentan ao goberno galego no inmediato futuro. A mellor proba de que non confiaba nas virtualidades dun dos mais relevantes debates que teñen lugar no calendario parlamentar foi a propia campaña publicitaria organizada, previamente, para combater a falta de coñecemento que padece entre unha parte da poboación galega: anunciar a posta en circulación dun autobús para convidar a "unhas cañas" aos transeúntes e acudir a un dos programas de más audiencia da TVG.

Rueda certificou que carece da capacidade requirida para ilusionar ao corpo electoral. Despois de 14 anos acompañando a Feijoo nas cadeiras gobernamentais, só agarda que a inercia do pasado, a fortaleza do seu partido e os eventuais erros dos rivais viabilicen a súa continuidade en San Caetano. Dous detalles acontecidos no debate permitiron constatar a evidencia deses déficits de liderado e de propostas novidosas: as reiteradas alusións críticas á experiencia do bipartito PSdeG/BNG (2005-2009) e a retórica agresiva exhibida polo novo voceiro do PP fronte ás forzas da oposición (e, singularmente, contra Ana Pontón). Que teñan que recorrer á lembranza do labor da equipa encabezada por Touriño e Quintana revela que aínda non esqueceron o peor momento que viviron nas dúas últimas décadas e que non manexan ofertas atractivas para os sectores menos conservadores do corpo electoral. Polo demais, a belixerancia amosada polo substituto de Pedro Puy indica a notábel mediocridade que caracteriza, neste momento, aos cadros dirixentes do PPdeG.

O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, e a secretaria xeral da formación, Paula Prado, aplauden a Rueda tras a súa intervención no debate de política xeral © PPdeG

Gómez Besteiro deberá enfrontar un reto certamente complicado: mellorar significativamente as cifras acadadas no ano 2020 mediante a captación de votantes no universo do PP e nos segmentos tendencialmente abstencionistas do electorado progresista

BNG e Partido Socialista atópanse, seguramente, ante a mellor ocasión dos últimos anos para conseguir unha mudanza na dirección do autogoberno galego. É verdade que as eleccións do pasado 23 de xullo non proporcionaron rexistros satisfactorios para ambas formacións. Tres meses despois daquela data, non hai constancia pública de análises ou reflexións autocríticas socializadas entre os respectivos universos partidarios. Na actual conxuntura política (posibilidade dunha nova repetición dos comicios xerais o 14 de Xaneiro, proximidade da cita para elixir a Cámara lexislativa galega) resulta comprensíbel actuar con prudencia na comunicación pública para non dar vantaxes adicionais ao PP. En todo caso, será necesario que nacionalistas e socialistas teñan ben identificadas as cuestións que deben ser melloradas para acudir coas maiores garantías de éxito á vindeira e decisiva confrontación electoral.

A retirada de Gonzalo Caballero das primarias do PSdG eliminou unha das principais incógnitas que ficaba por despexar nesta carreira cara as urnas. Gómez Besteiro deberá enfrontar un reto certamente complicado: mellorar significativamente as cifras acadadas no ano 2020 mediante a captación de votantes no universo do PP e nos segmentos tendencialmente abstencionistas do electorado progresista. Aínda que é menos coñecido do que cabería agardar para un candidato que aspira a semellantes obxectivos ten ao seu favor a propia circunstancia da novidade da súa candidatura no ámbito galego.

Ana Pontón parte coa posición relativa mais favorábel na disputa por encabezar a alternativa. O seu nivel de coñecemento público é notábel e a consolidación no liderado da oposición durante a última lexislatura tampouco admite dúbidas

Ana Pontón parte coa posición relativa mais favorábel na disputa por encabezar a alternativa. O seu nivel de coñecemento público é notábel e a consolidación no liderado da oposición durante a última lexislatura tampouco admite dúbidas. No seu caso, o reto tampouco é menor: manter –ou ampliar– o nivel de apoio electoral acadado en xullo de 2020, tratando de que a competencia principal se focalice en Alfonso Rueda. Elevar o teito actual (19 escanos) esixirá a combinación de varias premisas: prioridades programáticas ben estruturadas e críbeis, equipas humanas acreditadas na xestión dos recursos públicos e capacidade para integrar un abano maior de sensibilidades das que hoxe se identifican cos vectores clásicos do ideario da organización nacionalista.

Entre as poucas certezas que podemos sinalar no comezo desta longa precampaña, destaca unha: na segunda metade do ano que ven haberá unha enésima repetición do goberno do PP ou existirá un Executivo de coalición. Convén non facer mais exercicios de ilusionismo dos estritamente necesarios: non é realista pensar que BNG ou PSdeG teñan, en solitario, o apoio parlamentario suficiente para dirixir o autogoberno galego coa estabilidade que esixe unha tarefa desa envergadura. Xa que logo, será imprescindíbel –dende o primeiro minuto– facer unha pedagoxía adecuada para axustar ben as expectativas e non propiciar futuras frustracións que provoquen indesexadas penalizacións electorais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.