A longo prazo non todos imos estar mortos

Keynes afirmou no seu día que a longo prazo todos mortos (víase que era mais ben un home do día a día) e que a curto,  o nivel de emprego dunha economía non dependía do salario monetario nin da capacidade e produción instalada, polo que nada conseguiriamos diminuíndo ese salario senón aumentando o que chamou a demanda efectiva no mercado. Esa demanda efectiva esperada é o que determina o nivel da produción e mailo emprego, e xa que logo, o estudo dos compoñentes desa demanda é a chave para a solución dos problemas que se nos vaian presentando  no camiño.

Dende que esta idea sobre o funcionamento dunha economía callou na nomenclatura académica, tódolos esforzos dos economistas centráronse na estabilización desa demanda demanda efectiva, deixando abeirados nas gavias do pensamento todo o relacionado co crecemento da oferta ou o control monetario. O que primaba era a estabilización, e logo de pelexar uns e outros sobre a prioridade das políticas fiscais (os keynesianos) ou as monetarias (os friedmanianos), ámbalas dúas seitas remataron acercando posicións, seguramente por aquilo de que o roce fai o cariño. Cando criamos que xa tiñamos por fin a fórmula máxica, o sistema derrubouse de xeito abrupto e repentino, e a nosa pretendida sabedoría fixo “pun catapún chimpún”, ou “crash boom bang” que diría Roxette.

Cando criamos que xa tiñamos por fin a fórmula máxica, o sistema derrubouse de xeito abrupto e repentino, e a nosa pretendida sabedoría fixo “pun catapún chimpún”

Hai tempo que cremos saber o que son os cartos e, dando por resolto este problema, cremos tamén saber cal é a oferta de diñeiro que precisa cada unha das economías, e que é o goberno e mailos seus expertos os que posúen esa clase de coñecemento. Nalgún sitio ata teño lido ou escoitado, que os Parlamentos serían a institución axeitada para determinar a cantidade de diñeiro de cada economía. Pero a verdade é ben outra: non sabemos o que realmente son os cartos; ou, mellor dito, xa esquecemos o que son. O que si aprendemos ben aprendido é a producir toda unha ensalada de medios de pagamento e activos financeiros que circulan de aquí para acolá na crenza de que, en calquera intre, poden ficar convertidos en diñeiro. Namentres a ilusión permanece viva a economía desenvólvese con normalidade pero, de cando en cando, os vendedores de ilusións desbócanse e unha  caste de euforia asolágao todo. Daquela, a choupana da economía  comeza a dar sinais de ir cada vez a meirande velocidade. Na realidade imos a cegas e chega un intre no que a ilusión se desvanece, e os que viaxan a bordo senten as vascas no estómago: non hai cartos abondos para termar do edificio de ilusións construído. Que facemos daquela?

O longo prazo sempre remata converténdose en curto e para daquela non todos estamos mortos, tendo así que presenciar cada certo tempo enchentes de risos seguidas de tsunamis de bágoas

Pois chamar agoniados ás portas do banco central (do BCE, no noso caso). Nas nosas economías suponse que é o único capaz de subministrar o diñeiro que se precisa para empecer a desfeita. Pero esta institución non está en condicións nin de alongar a euforia nin de lograr unha aterraxe suave. Os datos históricos revelan que unha e outra vez millóns de traballadores perden os seus postos de traballo, porque as empresas que se endebedaron non son quen de devolver, da noite para a mañá, os créditos que lles foron outorgados durante a euforia. Que outra cousa podemos facer? Pois logo chamamos ás do Goberno, xa que segundo moitos El está en condicións de saber cal é a estrutura de produción sostible dunha economía, e xa que logo, se o mercado revela que a actual non o é, pois cren que endebedando ao Estado este poderá proporcionar os postos de traballo que as empresas privadas non están en condicións de ofrecer. Algunha outra saída? Pois segundo os apóstolos austríacos a solución é cruzarse de brazos, asubiar e deixar que se derrube o que non teña conta de si, que o que fique en pe medrará forte e san. “Éche así a vida, non lle hai que facer”, din os sabios galegos (Teño que pescudar na posible orixe galega dos antepasados de Menger, Mises e Hayek).

Escollas a menciña que escollas, a pezoña segue no corpo: o diñeiro bancario inconvertible, de emisión centralizada e arbitraria, sen suxeición a ningún fito ou patrón externo, algo así coma o quilo de platino e iridio gardado na BPIM de Sèvres (París).  E contrariamente ao que dicía Keynes (a Deus grazas), o longo prazo sempre remata converténdose en curto e para daquela non todos estamos mortos, tendo así que presenciar cada certo tempo enchentes de risos seguidas de tsunamis de bágoas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.