Os Momentos estelares da humanidade apareceron en 1927. Nove décadas despois, o lector pode redescubrilos nunha edición en lingua galega que acaba de publicar Kalandraka no selo Faktoría K de Libros. Stefan Zweig, o seu autor, xamais viu esta obra no seu formato actual. Os distintos capítulos ou “miniaturas” foron aumentando no decurso dos anos: primeiro foron cinco, despois sete e, xa tras a morte de Zweig, a comezos de 1942, foron aparecendo varios máis até sumar catorce. Zweig non quixo escribir un libro de historia; o que lle importa non é tanto (por momentos non é en absoluto) a fidelidade aos acontecementos, senón a representación dos trazos persoais máis potentes (e non sempre positivos) que cristalizan neles.
Os Momentos narran historias que van desde o inútil intento de Cicerón de restaurar a República tras o asasinato de César –onde Zweig reflicte a súa propia experiencia como humanista esmagado por unha ditadura e empurrado ao exilio– até o fracaso do idealismo de Wilson nas negociacións do Tratado de Versalles, pasando pola “descuberta” do Pacífico por Núñez de Balboa –unha “miniatura” reveladora da perspectiva eurocéntrica de Zweig–, a inflamada creación d’O Mesías de Händel, o amor desgraciado do senescente Goethe pola moza Ulrike von Levetzow ou a volta de Lenin a Rusia para intervir decisivamente na Revolución de Outubro. Polo tanto, o que lle interesa a Zweig, máis que os factores sociais, políticos ou económicos, é a psicoloxía dos personaxes –aquí sempre masculinos: políticos ou militares, artistas ou aventureiros–, que lle permite construír a súa imaxe (anti)heroica da historia.
O libro tivo un éxito enorme, con máis dun millón de exemplares da versión alemá impresos até hoxe. Considérase, mesmo por diante da Novela de xadrez (traducida ao galego por Patricia Buján e Saleta Fernández), o libro máis popular de Zweig, e pode lerse en máis de cincuenta idiomas. O entusiasmo do autor pola materia narrada, transmitido coa súa habitual mestría literaria, ten un efecto contaxioso no lector. Algunha das “miniaturas” é simplemente inesquecíbel, con momentos –mesmo momentos de decepción e de derrota– cheos de épica, de arroubo, de éxtase. Ás veces é como se a estremecedora “Sarabande” da Suite para clavicémbalo en re menor (HWV 437) de Georg Friedrich Händel inspirase o estilo patético e expresionista destas “miniaturas”.
Zweig, exemplo de intelectual honesto e, polo tanto, desconcertado, estrañou sempre o seu mundo anterior á Primeira Guerra Mundial, os seus anos de liberdade e de razón, anos seguros, estábeis, previsíbeis, anos de cultura, de progreso e de optimismo. A súa mente privilexiada, definitivamente envolta na nostalxia que o conduciría ao suicidio en Petrópolis, non deu entendido o espectacular colapso do seu universo co nacionalsocialismo, que acabou coa unión espiritual da súa patria europea. Os conmovedores episodios narrados nos Momentos estelares da humanidade tornan en substancia literaria perfecta, porque, “brillantes e inmutábeis coma estrelas, iluminan co seu resplandor a noite do efémero”. Estas catorce “miniaturas” seguen a lerse en todo o planeta, quizais porque estamos ávidos, máis que nunca, de agudeza, de sabedoría e de grandeza.
Publicidade