Teño para min que o goberno de Feijóo apuñala a lingua galega, e con ela toda a industria cultural que a cultiva e nela se xustifica, co tempo libre que lle queda á súa man esquerda despois de rañar o cu. Perdoen que fale así, mais a educación pouco importa cando a supervivencia anda en xogo. Eu creo firmemente, despois de ter sufrido no propio pelexo como funcionan algúns dos máis depredadores empresarios do país, que a política de peso do presidente, esa que manipula coa man dereita, ten a ver co goberno inmediato da "súa nación" e por tanto con alimentar os apoios estratéxicos que precisa para chegar a Madrid (cf. infraestruturas; A Coruña; ensino). Mentres, coa man máis parva, e no tempo que fica ociosa, é quen de manipular sen esforzo a defensa dunha política agresiva coa lingua, pois unha vasta e creativa intelectualidade galega tarda demasiado tempo en aliñarse, cargar a arma e disparar contra un inimigo tan común que por veces se confunde coa nosa propia familia.
O que resulta evidente é que Feijóo, colocando un trío de meninghotes en cultura, normalización e educación consegue construír un parapeto suficiente para defenderse dos contraataques dos defensores da cultura
Non serei eu quen dea leccións de loita, pois son algo novo para iso, nin tampouco de disciplina militar, pois o cárcere de outros conseguiu que eu zafase do verde caqui. O que resulta evidente é que Feijóo, colocando un trío de meninghotes en cultura, normalización e educación consegue construír un parapeto suficiente para defenderse dos contraataques dos defensores da cultura. Así, o Goberno, tendo en termos de cultura moitas frentes abertas, e aínda capaz de ir tirando, gastando o pouco que ten no mausoleo da cultura galega do Gaiás e o que lle sobra empregalo en apoios á anormalización lingüística do galego. Encanto isto sucede, o tecido cultural que con tanto esforzo se tiña construído (industria editorial, compañías de teatro, asociacións culturais, grupos de música tradicional...) sobre referentes erguidos nos últimos trinta anos (TVG, AELG, profesorado de galego...) agoniza sen remisión e con el deixa sen recursos unha boa parte dos activistas críticos coas políticas centralizadoras e nacional-católicas.
A situación é crítica, e se cadra poucos axentes culturais son conscientes de até que punto se precisan unha unión e unha estratexia común para tirar a máscara a unha política deste teor
A situación é crítica, e se cadra poucos axentes culturais son conscientes de até que punto se precisan unha unión e unha estratexia común para tirar a máscara a unha política deste teor. Os do teatro téñeno claro e é fácil saber por que: porque eles viven da cultura, non como tantos intelectuais, escritores moitos, que na realidade viven do seu posto no ensino. Isto, desde logo, non é unha crítica, evidentemente, senón unha realidade socioeconómica. Mais que será das novas escritoras se, fulminada a industria cultural e invisivilizadas as obras galegas do presente, deixan de ver na rúa os referentes que agora nos orgullan nas diversas áreas creativas? Que farán se, ademais, son asombrosamente máis competentes en castelán e o esforzo por escribir e publicar en galego se multiplica por mil?
Con tan pouco esforzo por quen sibilinamente observaba esfregando as maos, a lingua galega foi a protagonista dun novo conflito que deixou o Goberno na paz do señor por uns días
Que a Xunta teña escollido a Marta Rivera de la Cruz para homenaxear Rosalía é un facto que debe ser relacionado co conflito na Real Academia Galega. Teño para min que as protestas que elevamos nestes días pola xestión do evento, precisamente cando no galeguismo institucional andaban a pelexar entre irmáns, tiveron o efecto de sumarse negativamente no saldo público do galeguismo. Ao final, o pobo sempre viu o abandono dos falares de aldea como un problema construído pola pequena burguesía, desde que o Franquismo nos matou a tiros ou á fame. E perante a falta de traballo que hai e que se anuncia, a lingua dos vellos volta a valer menos que cero. Deste modo, con tan pouco esforzo por quen sibilinamente observaba esfregando as maos, a lingua galega foi a protagonista dun novo conflito que deixou o Goberno na paz do señor por uns días. Non me parece xusto, porque creo que a política da Xunta é mais superficial que un decorado do spaguetti western, e deberiamos ser sobradamente capaces de mostrar a verdade. Somos moitos e moi creativos, só falta que queiramos clausurar esta falsa praza na que os toureados somos nós.