É a escola ese lugar de formación de cidadáns para a súa inserción plena e satisfactoria na vida adulta e na sociedade, de adquisición dunha bagaxe cultural e duns valores que os converta en membros activos e comprometidos da sociedade? Son estas as súas funcións reais, as que verdadeiramente leva a cabo como mecanismo social de aculturación? Cada un dos membros do colectivo docente, como parte da maquinaría institucional chamada escola, na medida en que queiramos erixirnos en profesionais conscientes da función que realizamos na engranaxe, debemos afrontar e ollar criticamente os discursos socialmente construídos en torno á escola.
A escola non é unha institución conscientemente deseñada dende as políticas educativas para a aprendizaxe, a inclusión ou a igualdade de oportunidades, senón un produto prefigurado polo propio sistema político e económico ao seu servizo
As relacións entre o sistema político e económico do capitalismo e a institución escolar dan forma á verdadeira función da maquinaria escolar. Só poñendo no punto de mira do noso exercicio profesional estas relacións, ollando dende unha pedagoxía crítica, poderemos sacar á luz os fins auténticos da escola e poñela ao servizo de pedagoxías autenticamente transformadoras. Dende este ollar, a escola non é unha institución conscientemente deseñada dende as políticas educativas para a aprendizaxe, a inclusión ou a igualdade de oportunidades, senón un produto prefigurado polo propio sistema político e económico ao seu servizo.
Por que a partir da Revolución Industrial se comeza a escolarización masiva das clases populares e por que, a pesar de tanto movemento de transformación e renovación pedagóxica, a escola actual sigue sendo tan sospeitosamente parecida a aquelas institucións de primeira ensinanza para a clase obreira?
As ferramentas e cadeas de produción das factorías esixían man de obra submisa e dócil, disposta a repetir tediosamente unha tarefa simple e parcelada do proceso produtivo. O obreiro sométese aos ditados do patrón e as leis, renuncia ao coñecemento intelectual do proceso produtivo. En palabras do político e historiador francés Adolphe Thiers “Leer, escribir, contar, iso é todo o que hai que aprender. En canto ao resto, é superfluo. Hai que procurar sobre todo abordar na escola as doutrinas sociais que deben ser impostas ás masas”.
A escola vai modificando lixeiramente o esquema e introducindo cambios non ao son das loitas de renovación pedagóxica, senón na medida en que o capitalismo avanza e evoluciona. Teremos unha escola acorde á creación do concepto de Estado de Benestar. Nese estado benefactor ou providencial, a educación pública gratuíta esténdese a tódolos extractos sociais. Créase un relato no que a educación é fundamental para incrementar a riqueza das nacións, garantindo ao mesmo tempo unha axeitada redistribución da riqueza. Na realidade, o sistema educativo sigue a ser un mecanismo de reprodución das desigualdades sociais.
Debemos crear unha institución que non sirva á ideoloxía cultural do poder, senón onde a disidencia teña cabida; as preguntas podan ser feitas; o coñecemento se analice á luz da súa relación co poder
Coa posmodernidade e a entrada na era da información, faise evidente a brecha que separa a escola co seu modelo de educación tradicional, das esixencias sociais. ¿Como é posible que a escola manteña hoxe en día modelos tan anacrónicos de disciplina e instrución? ¿É crible que o capitalismo posindustrial esqueceu ou non soubo adaptar esta institución ás esixencias da posmodernidade? ¿Renunciou a un mecanismo masivo de control das masas? ¿Non será máis ben que o mecanismo está perfectamente axustado e simplemente sigue preservando a súa función orixinal de transmisora da tradición e axente de poder e submisión sobre as clases populares?
Nunha sociedade tremendamente competitiva, segregadora e individualista, ao servizo dun modelo de produción e consumo masivo e deshumanizado, os valores reaccionarios da escola para a aculturación de masas seguen sendo tremendamente útiles. Así, a escola sigue aportando valores como o traballo individualizado, a competición como máxima, o descrédito da cooperación. A escola, hoxe ao igual que sempre, lexitima os poderes fácticos.
É preciso partir do recoñecemento da natureza política da escola, nomeala e visibilizala. Non podemos contrarestar o que non existe, o que non é nomeado, o que forma parte do currículum oculto, o que é branqueado co relato dos obxectivos oficiais do sistema educativo. Se a escola é un lugar idílico de formación de cidadáns para a súa harmoniosa e perfecta integración social, a exclusión e a diferenza nunca serán abordadas. Só dende o recoñecemento do papel que xogamos nun mecanismo institucional de opresión, o noso rol e a función á que servimos poderá mudar. Debemos nomear, visibilizar e abandonar as prácticas pedagóxicas que nos dificultan a nós mesmas e ao alumnado tomar conciencia da opresión á que están sendo sometidos.
Algunhas vías interesantes son as metodoloxías de tipo cooperativo, na medida en que favorecen o desenvolvemento socioafectivo e relacional á par que o intelectual e permiten adquirir valores e destrezas sociais favorecedoras da solidariedade grupal
Debemos romper as formas existentes, crear unha institución que non sirva á ideoloxía cultural do poder, senón onde a disidencia teña cabida; as preguntas podan ser feitas; o coñecemento se analice á luz da súa relación co poder e os obxectivos se acadan con fórmulas de relación e cooperación e non en solitario á costa de vencer ás outras.
Converter a escola nesta institución alternativa ao servizo dunha cultura verdadeiramente democrática e inclusiva supón repensar mecanismos profundamente opresores do sistema como as didácticas; as metodoloxías ou a avaliación, o mecanismo opresor por excelencia, tanto nas súas finalidades, como nas ferramentas que utiliza.
Algunhas vías interesantes son as metodoloxías de tipo cooperativo, na medida en que favorecen o desenvolvemento socioafectivo e relacional á par que o intelectual e permiten adquirir valores e destrezas sociais favorecedoras da solidariedade grupal, educando para o exercicio participativo da auténtica democracia.
Só será posible transformar a escola dende dentro na medida en que nos fagamos conscientes do seu poder como elemento estrutural de aculturación, admitamos que somos peóns ao servizo desta maquinaria
Pero estas metodoloxías non serán efectivas se non se mudan as prácticas avaliativas, na medida en que a avaliación é o verdadeiro pilar do proceso educativo e acaba determinando o sentido real da metodoloxía, o que e como debe aprenderse e ata as formas de relación dentro da aula. Son precisas ferramentas avaliativas liberadoras, que non pretendan clasificar xerarquicamente ás persoas, senón mellorar os procesos, incluíndo as dimensións de relación. Avaliar para a mellora persoal e social, sen cualificar, posto que isto último oculta un perverso mecanismo de asignación de postos na sociedade, lexitimando a división e estratificación social de clases preexistente.
En resumo, só será posible transformar a escola dende dentro na medida en que nos fagamos conscientes do seu poder como elemento estrutural de aculturación, admitamos que somos peóns ao servizo desta maquinaria e levemos a cabo accións conscientemente dirixidas a transcender esta función e liberar a escola das súas dimensións opresivas.