Só faltaba que unha española non puidese presentarse por calquera provincia de España, dixo Alvarez de Toledo, que vai por Barcelona. Se a semiótica transcendese hoxe os twits, a palabra provincia significaríase máis complicada na súa boca. Española tamén. Só faltaba que a señora marquesa non puidese saír da Corte e presentarse por onde os seus atributos ancestrais lle aconsellen. Porque a clave non é europea, segundo a cal un señor de París pode presentarse a alcalde por Barcelona tamén.
Provincia era Marsella e arredores, A Provenza. Os romanos exercían protectorado e para alí se desprazaban desde a capital. A provincia en España foi collendo outra dimensión. Os vascos carlistas alcumaban de guiris aos soldados liberais que loitaban en Navarra contra os seus. E de peseteros aos chapelgorris, as tropas mercenarias isabelinas, aínda que ese apelativo só sexa unha pura curiosidade nesta columna. Non así estoutro dato xa citado aquí outras veces: Barcelona tiña psicoloxía de grande cidade e era tratada como unha capital de provincia de 15.000 habitantes: aí naceu o catalanismo. Iso se di en La Rosa de Fuego. Por certo, as guerras carlistas están esquecidas e en consecuencia non se valora ben o continuum guerracivilista. Douscentos mil mortos entre 1833 e 1839 tampouco está nada mal.