Na metade de outubro as Andainas, coa xentil colaboración da Concellaría de Xuventude do Concello de Santiago de Compostela, organizamos un debate público sobre ser home e a construción da masculinidade. Foi no marco das xornadas Malestares, medo e esperanza. A mocidade en tempos convulsos
Na metade de outubro as Andainas, coa xentil colaboración da Concellaría de Xuventude do Concello de Santiago de Compostela, organizamos un debate público sobre ser home e a construción da masculinidade. Foi no marco das xornadas Malestares, medo e esperanza. A mocidade en tempos convulsos. Participaron Josetxu Riviere, cunha ampla traxectoria de traballo en Gizonduz e Homes pola Igualdade, e Roy Galán activista polos dereitos GBT e pola igualdade. Ambos -ao igual que nosoutras- da corrente Alianzas Rebeldes.
Interesábanos contribuír á conversa sobre esta cuestión, vital para a construción dunha sociedade máis feminista, con maior igualdade, con menos violencia, malestares e sufrimentos. Contribuír a accións decididas de cambio a prol de relacións máis igualitarias e respectuosas.
Durante bastante tempo, moitos feminismos apuxeron a cuestión de xénero exclusivamente ás mulleres. De xeito tal que se chegou a identificar o xénero co feminino, con ser mulleres, deixando a masculinidade e os homes fóra de foco porque a eles isto non os atinxía.
Nada máis lonxe da realidade. A masculinidade non é un problema dos homes senón unha norma social, un sistema de valores do que participamos todas e todos.
Vén ao caso lembrar ao poeta Luis Cernuda cando no seu derradeiro libro de poemas La desolación de la Quimera, escrito entre 1956 e 1962 no exilio americano (México e California), di no Díptico español: “Teño aprendido o oficio de home duramente”. Expresión que non é senón a equivalente ao “Non se nace muller, chégase selo” de Simone de Beauvoir, no libro O segundo sexo publicado en París en 1949, como nos fixo notar Zelia García Parra na presentación da palestra.
Iso é, non nacemos, facémonos mentres nos fan. Mulleres e homes. Non hai unha natureza, uns xenes que diten se seremos abastecedores ou estaremos termando da familia. Se é dos testículos dos que se exacula o éxito económico ou a contención emocional ou é cousa de ovarios e ovos que demandemos protección. Estamos construídas e atravesados polo xénero, unhas e outros, aínda que distintamente.
“O masculino e o feminino, homes e mulleres, quedan colocados de xeito desigual dentro dun rebumbio de relacións de dominio que percorre o conxunto da vida social. […]. Resulta central concibir as masculinidades como procesos sociais dinámicos, relacionais e interseccionais”, escriben Marta Jiménez Jaen e Noemí Parra Abaúnza no libro Las grietas de la masculinidad. Hombres, malestar y transformación social, Bellaterra 2026.
Esa norma social, ese ideal normativo de masculinidade establece dinámicas culturais para garantir a posición dominante dos homes e do masculino en base á subordinación das mulleres e o feminino. Ser heterosexual, aprovisionador, competitivo, autónomo, forte, reprimido emocional e sexualmente activo, é cousa de homes.
Ideal moi esixente e, nos esforzos feitos por tantos varóns para dar a talla, responsable de problemas reais que os atinxen: prácticas temerarias que rematan en accidentes de tránsito e laborais, suicidios (75% do total de suicidios, Galicia, 2025), caídas, pelexas, agresividade e violencia. A saúde mental reséntese e a depresión, que se manifesta de xeito diferente a como o fai nas mulleres, aparece. Irritabilidade, ira, hostilidade, estrés, ansiedade, illamento, cambios bruscos de humor, consumo de alcohol e outras sustancias, ludopatías …
Afortunadamente ese ideal de masculinidade, esa norma social xa non é tan esmagadoramente maioritario como no pasado. O feminismo, as loitas LGTB e as mudanzas sociais teñen contribuído a esburacar o chan no que asenta.
Os alicerces da masculinidade normativa móvense con cada cambio social de importancia pois a masculinidade non é algo illado, nacido e crecido ex nihilo senón un construto histórico e social e, desde logo, relacional.
Como non vai mover os piares patriarcais de poder e xerarquía a revolución industrial e a incorporación masiva das mulleres ao traballo asalariado? Como vai ser indiferente ao dominio dos varóns o acceso das mulleres aos estudos, profesións, traballos e espazo público? Esferas até hai pouco exclusivas ou case exclusivas dos varóns. Pode non afectar á masculinidade hexemónica á lexión de homes cuxo traballo e vida están marcados pola precariedade que nada ten a ver co éxito?
Tense simplificado moito ao pensar o patriarcado coma cuestión de homes que dominan mulleres cando é unha trama complexa de relacións de xénero onde os diferentes xeitos de interacción entre masculinidade e feminidade xoga un papel central.
Sectores poderosos do mundo dos negocios, das finanzas, das relixións e da política converteron en bandeira esa “crise da masculinidade” da que culpan ao feminismo e á “ideoloxía de xénero”. Crise que ELES van resolver restaurando a orde social, restablecendo a masculinidade hexemónica: recuperar a autoridade masculina na familia e na sociedade desbotando toda opción que non sexa a heterosexualidade.
A desigualdade e os malestares de tantísimos homes, sinaladamente adolescentes, para cumprir con ese ideal de masculinidade non lles interesan. A violencia machista, igual até lles parece necesaria.
Para nós é relevante identificar as fendas da masculinidade “as que condensan as tensións entre o privilexio e a precariedade, entre o mandato e a desorientación, entre continuidade e o cambio social” (Jiménez e Parra) porque aí é onde se abren posibilidades de transformación.
Non nos dan pena os varóns, pobriños, que non son quen de esforzarse e saír desa masculinidade tóxica na que os constrinxiu o oficio de home duramente aprendido e ocuparnos dos seus malestares, non. Queremos quebrar os mandatos de xénero, do binarismo, da LGBT fobia. Poñer paus nas rodas da violencia machista, do machismo e da misoxinia e gañar liberdade e, nesta tarefa, as masculinidades encarnadas por homes, son unha peza necesaria aínda que até o de agora pouco a teñamos traballado.