Le Monde Diplomatique é un mensual que tira centos de miles de exemplares en 29 edicións e 18 linguas. Moitos considérano o principal referente analítico mundial da esquerda, un nutrinte teórico imprescindíbel que se dilata ao longo de decenios. Formar parte dese club é un orgullo, con subscrición e tamén sen ela, pois atópase á venda nas boas papelarías de Galicia.
Le Monde Diplomatique está vivo e o que está vivo pode errar. Este xigante tamén o fai algunha vez e non hai por que calalo, até pode servir para aprecialo máis.
A min non me gustou nada un escrito de Serge Halimi neste mes de xaneiro que se titula “A honra perdida de The Guardian?”. Zóupalle con dureza a ese xornal, que se caracteriza tamén por ser rigoroso e de grande calidade. A causa é que os británicos informaron un día de novembro que o director da campaña de Trump fixera varias visitas a Julian Assange na embaixada de Ecuador en Londres. Ao parecer non as houbo. A nova saíu primeiro en papel, mais na edición dixital posterior foron rectificando até facelo completamente. Máis ou menos. E por aí mete o coitelo Halimi, chamándolle de paso “xornal de centro esquerda”, que tampouco parece un cumprido. Como lector do Guardian a través de Diario.es, e sen coñecer para nada as causas profundas da diatriba, pois dicir que a revista francesa pode buscar cus máis apousentados para meter os couces. Non agrada ver as aguias voando á altura das galiñas. E nisto non hai grandeza.
Le Monde Diplomatique errou outras veces, algunhas enormemente, pero rectificou, como ten que ser. Lémbrome de dous casos moi importantes.
Un foi cando a forza multinacional liderada por Francia anunciou a intervención en Libia, o bombardeo aliado que destruíu o estado africano.
A iniciativa lembraba a invasión de Iraq, destinada a facerse cos hidrocarburos do país, mais o Diplo defendeu o ataque, aducindo que Gadhafi era un tirano. A moitos lectores pareceunos unha barbaridade desde o comezo e as relacións do periódico cos principais líderes da esquerda latinoamericana ficaron conxeladas naquel momento e quizás chegaron a romper nalgún caso. Arestora están restablecidas e a publicación variou completamente a posición ante ese novo inferno que Occidente inaugurou en 2011. Daquel país próspero ao horror absoluto. Le Diplo mira desde París e quizás ese ángulo teña influído na disparatada posición.
Outro caso é o da política ecuatoriana.
En 2017 o Presidente da República, Rafael Correa, apoiou como sucesor seu ao Vicepresidente, Lenín Moreno. Durante a campaña electoral o novo candidato comprometeuse a seguir a política de Alianza País, o partido de ambos. Houbo eleccións, gañou o delfín e comezou unha imprevista muda, política e estratéxica, que converteu a Moreno nun presidente neoliberal puro e duro, cun goberno ao servizo do poder financeiro doméstico e internacional, ás petroleiras e ao amo do norte. Exactamente o contrario do que proxectara Correa durante os seus mandatos. O ano 2018 foi movido na redacción do periódico. No número de febreiro tratouse o asunto. Na primeira plana con tres columnas completas e dúas páxinas interiores. Correa escribe un dos dous artigos e argumenta a súa posición de enfrontamento absoluto co novo dirixente, ao que considera un traidor á nación e ás clases populares, moi beneficiadas estas pola xestión entre 2007 e 2017. O outro texto é dun xornalista ecuatoriano que describe a Correa como impaciente, desorganizado na construción da sanidade pública, disposto a resolver o epidérmico para gañar eleccións e “xacobino de espírito”. Tamén explica como Correa (un socialista radical, inimigo do neoliberalismo, pero católico antiabortista) fixera o seguinte cambio: primeiro creou o programa Estrategia Nacional Intersectorial de Planificación Familiar y Prevención del Embarazo en Adolescentes, e despois converteuno no Plan Familia Ecuador, dirixido por unha muller achegada do Opus Dei. Disto non se deduce unha política de dereitas nin nada semellante no resto da actividade política desenvolta polo estadista, pero ao periódico europeo sérvelle para distanciarse.
No número de abril de 2018 Ignacio Ramonet faille unha entrevista a Lenín Moreno, tamén a tres columnas completas en primeira plana e outras dúas páxinas enteiras. O título indícao todo: “Somos xente de esquerda” di Moreno. Mais no número de decembro o periódico fixa o seu criterio cunha análise do profesor Franklin Ramírez Gallegos, en primeira a tres columnas con título igualmente definitorio: “O regreso do neoliberalismo a Ecuador”.
No xeito de debaterse e de buscar a claridade transparéntase a sabedoría e a autoridade de Le Monde Diplomatique.
Convídoos a que o busquen se non o coñecen.