O pasado do que non se fala dificilmente chega até nós. Os coñecementos que non se transmiten no relevo xeracional, pérdense. Sería como aprender dende cero. Un camiño desandado. A memoria coma un estanco sen sentido.
A historia viviu longos séculos na transmisión oral. A antropoloxía explícanos, entre outras, a xénese de mitos e tradicións. Os costumes populares son unha ensinanza herdada nunha comunidade. Un costume ao que se pode practicar unha mudanza. Porque a vida implica unha adaptación ao medio. Ou unha transformación do medio para adaptalo a nós.
A preocupación pola narración do pasado derivou na inquedanza por deixar un pretérito escrito ao gusto. Porque o escrito perdura e as verbas voan. Ás veces a interpretación dos sucesos non son coincidentes. Os que tiñan poder suficiente puideron escribir a súa historia relegando as versións, por moi fidedignas que fosen, á sorte da tradición oral.
Na Idade Media os reis de España quixeron narrar as fazañas daquela guerra civil chamada Reconquista. Os escribáns tomaban nota do que ditaban aqueles que tiñan o orbe na man. Pero acontecían discrepancias cando había máis dun artesán a escribir. Un caso soado foi a morte do rei Sancho II que, na versión oficial, morreu durante o cerco de Zamora traizoado e que, na versión galega da Crónica Geral de 1344, morreu atravesado por unha venablo mentres se apartara a “fazer aquello que la natura pide et que el omne non lo puede escusar”. Ben se deita que non é unha morte honrosa caer sobre o teu propio desperdicio biolóxico.
O romanticismo mesturou a historia coa novela. Waltter Scott foi un pioneiro deste xénero en toda Europa. O seu estilo era imitado. Serviu para divulgar os feitos históricos pero que case nunca concordaban coa realidade. Pensemos en Los higaldos de Monforte de Benito Vicetto que confundiu ao mariscal Pardo de Cela cun líder dos irmandiños chamados pardais.
Tamén acontece que un feito sobrevive a anos de silencio forzoso para ser logo escrito. As razóns desa resistencia poden ser variadas, como un impacto emocional. A xente fala ás agochadas. O recordo perdura até pasar ás páxinas dun libro. Redactan a memoria dos desterrados. A historia do submundo ante a historia do mundo. O dominado por eles.
Tamén acontece que un feito sobrevive a anos de silencio forzoso para ser logo escrito. Ás mulleres e homes fusilados no franquismo sucedeulles así
Ás mulleres e homes fusilados no franquismo sucedeulles así. Nunha casa de Vilanova dos Infantes falábase de Benigno Álvarez. Na praza do Toural as leiteiras de Calo lembraban á familia morta e exiliada de apelido Líster. Nas terras de Betanzos quedaron as accións do Foucellas. Nas de Lemos preguntaban polo baixo por Tizón, o alcalde. En Vigo pousaban flores en Pereiró como en Baiona na Volta dos Nove. E en Ferrol, nun portal, esculpiron con balas o nome de Reboiras.
A represión franquista levou vidas e forzou o recordo. Memoria que vai dende o primeiro morto de 1936 até o último antes de falecer o caudillo en 1975. Todas son mortes incivís.
Castelao propuxo dende o exilio constituír un Día dos Mártires Galegos (hoxe chamado Día da Galiza Mártir) para non esquecermos o que custou aprender a vivir. Escolleu o 17 de agosto, data de cando roubaron o alento de Alexandre Bóveda. Por iso, lembrámolos cada ano, para facelos presentes entre os vivos; a santa compaña da Alba de Gloria.
Malia algúns detestaren a aprendizaxe dos erros da humanidade, temos memoria. Incluso, cando os tempos son escuros, mantemos a memoria. Eppur si muove ante a sen razón. Sempre se moveu algo na conciencia. E viviu até nós. Coa tenacidade do certo e a valentía do común.