A memoria do rural

O avellantamento e a perda de poboación progresiva é a día de hoxe un factor común e preocupante no conxunto dos países da Unión Europea. A esta perda poboacional súmaselle unha tendencia de trasvase de poboación dende as zonas rurais aos núcleos urbanos. Somos polo tanto, cada vez menos e estamos cada vez máis concentrados en grandes vilas ou cidades mentras que as zonas rurais perden habitantes de maneira expoñencial.

A este problema dos tempos presentes téñenselle adicado moitos titulares cada vez que unha nova publicación dalgunha estatística o pon de manifesto ou pronostica que a caída será maior a medida que pasen os anos. Tamén se lle teñen adicado liñas tentando darlle resposta a o porque desta situación. Porén poucas veces se fala das consecuencias que esa perda de poboación supón

A idade media dos galegos é hoxe superior a dos europeos e a dos españois, o que sumado a un crecemento da poboación do 0,3% augura unha situación realmente preocupante para os vindeiros anos cunha perda da poboación que podería superar a terceira parte da actual.

Este problema e especialmente sangrante para o rural galego xa que a cada vez menor poboación concentrase cada vez en menos territorio e cada día son máis as aldeas do país que fican abandonadas ou nas que os seus habitantes teñen xa unha idade moi avanzada e non hai unha nova xeración que continue ocupando o lugar. Dende o ano 2010 até o ano 2015 abandonáronse en Galiza máis de 300 aldeas e esta cifra non vai deixar de medrar nos vindeiros anos segundo apuntan os pronósticos.

As causas ou motivos que están detrás desta caida da poboación e deste éxodo rural que se ven dando dende mediados do século pasado son variadas, mais coñecidas sobradamente pola gran maioría dos que as sufriron polo menos.

Un dos culpables sen dúbida é un goberno que unicamente fala de natalidade ou de rural nos anuncios que dende a Xunta pagan e se esforzan por que ocupen un lugar ben visible en moitos xornais, cartaces ás beiras das estradas ou paradas de autobús. Porén esta política de lemas publicitarios, e subvencións no mellor dos casos, non vale para nada.

O “fica no rural” ven acompañado dunha política que deixa tirados aos agricultores e gandeiros galegos, unha política de abandono dos montes galegos á súa sorte, unha política de transporte público que non atende as necesidades dos galegos nin á dispersión do poboamento no país. Poderíamos seguir até o remate da lexislatura. As oportunidades de traballo e os servizos xa fai moito que emprenderon o seu particular éxodo rural.

Agora ben, cabería cuestionarse cal ou cales son as consecuencias dese despoboamento do rural galego e do rural en xeral. Canda as moitas casas e aldeas que esmorecen día a día e que son engulidas polas silvas e toxos que as deboran insaciables, esmorecen culturas populares, esmorece tamén a memoria daqueles que as habitaron, esmorece a forma de vida e de aproveitamento do territorio de moitas familias durante moitas décadas ou quizais séculos, esmorece unha maneira de relacionarse co entorno e coa paisaxe que para sempre ficará esquecida engulida tamén pola maleza e polo paso dos anos.

O cristo dos tempos modernos ten esta capacidade de borrar esa memoria tradicional e facer tábula rasa imprantando en todos nós unha cultura do traballo, do consumo e mesmo do ocio da que esa memoria tradicional é contestataria e á que nos debemos agarrar como a un cravo ardendo fronte a un pensamento unificador de culturas, de formas de vida, un pensamento único impregnado de modernidade que nos quere facer creer que canda o fin da historia chegou o fin da memoria.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.