A milagrosa amnesia das vésperas

CC-BY-SA Praza Pública

Que cousa máis sorprendente é a bioloxía do político cando cheira o medo a perder o escano! Hai algo case místico na facilidade coa que a esquerda institucional (e quen lle sostén o caxato) padece un ataque de amnesia repentina tras dous mandatos amarrados á cadeira. De súpeto, a catro semanas duns comicios marcados para o 29 de novembro, éntralles un arrepío democrático tan exquisito que calquera brisa os constipa.

Mentres tanto, a dereita de toda a vida contempla a función dende o palco coa satisfacción do pai que ve ao seu fillo rebelde empregar, punto por punto e sen mudar unha coma, o manual de instrucións que el mesmo lle deixou no caixón. Un pacto de cabaleiros: cando a cousa se pon fea para os cartos dos de arriba, enténdense á primeira. Coa mesma présa e nocturnidade coa que PSOE e PP se xuntaron no seu día para sacrificar a autonomía orzamentaria na pira do artigo 135 da Constitución (supeditando o pan da xente ao pagamento da débeda aos mercados), hoxe atópanse de novo repartíndose os papeis no teatro preelectoral.

Porque convén dicilo sen panos quentes: son precisamente estas actuacións de comedia de enredo, esta xestión compracente e estes abrazos de elite os que lle están a dar de comer á extrema dereita, e non as escusas de mal pagador que nos venden na televisión. A irresponsabilidade do bipartidismo, que privatiza dereitos mentres lle pasa o plumeiro ao aparello de control, é a verdadeira incubadora de Vox. Non son os movementos sociais os que lle abren a porta á extrema dereita; son o PSOE e o PP os que lle poñen a alfombra vermella mentres din, como no conto do pastor e o lobo, que veñen os monstros.

E se este teatro sigue a colar entre tanta xente non é por mero desacerto ou falta de información, senón por esa actitude submisa e aprendida grazas a unha escola que leva anos e máis anos mallando no miolo colectivo. Unha pedagoxía do conformismo que nos adestra para a pasividade e a delegación, ensinándonos a mirar o mercado e o Estado como se fosen leis físicas inalterables e non construcións que se poden cambiar. Unha estratexia perfectamente deseñada para que a política se reduza á loxica do plató: candidatos bailando nos mitins, sorrisos de deseño e abalorios baleiros de programa para anestesiar a quen mira. Ao baleirar a memoria das loitas sociais e premiar o acatamento da orde establecida, a propia institución escolar e o circo mediático encárganse de adestrar o público para que vaia sumiso á súa butaca, convencido de que a política é cousa dos despachos e de que fóra do guión das elites non hai outro mundo posible

Despois de dous mandatos enteiros sentados no Consello de Ministros e arrimando o ombreiro no Congreso, a esquerda estatal e os seus aliados soberanistas (BNG incluído) veñen de descubrir, pasmados, dous grandes misterios da humanidade: que a policía azouta coa porra sen pedir o DNI e que ter onde durmir se volveu un luxo para quen traballa.

A verdadeira radicalidade non é saír na televisión rompendo algo, senón construír contrapoder de verdade

Dá certo arrepío ver os dirixentes da esquerda institucional botarse as mans á cabeza polos altercados da Coruña ou polas cargas de Compostela e Valencia. Con que indignación tan ben ensaiada nos lembran agora que a Lei Mordaza é un atropelo intolerable! Dúas lexislaturas completas co Boletín Oficial do Estado na man, maioría progresista no Congreso, e nin un só movemento real para tirar ao lixo o texto do PP. Debeu de ser un problema terrible de axenda: entre rolda de prensa e posado fotográfico, nunca atoparon un oco para lle quitar a presunción de veracidade aos axentes, ou prohibir que actúen coma se fosen de incógnito nunha película de espías. A dereita, durante o mandato de M. Punto Rajoy, aprobou a lei para amordazar a protesta; a esquerda conservouna por si a protesta se volvía contra ela. Gobernar así é perpetuar a vella lousa de Victor Hugo: perdoarse os excesos dende arriba mentres se persegue sen piedade ao Jean Valjean de quenda por querer levar un anaco de pan á boca.

Gobernar non consiste en xestionar con modais finos o mesmo xoguete punitivo que deseñou a dereita máis rancia, mandando os antidisturbios á rúa e despois chorar en campaña cando estala a situación. Se tes a forza do Estado nas mans, a coherencia esixe cambiar as ferramentas, non poñer cara de pena.

Neste escenario, o BNG busca amosarse como a alternativa seria e solvente, condenando os disturbios para non asustar o electorado; pero resulta inevitable sinalar a pirueta de manter en Madrid a quen lle sostén a porra ao Ministerio do Interior. Por parte da mocidade e da esquerda rupturista, a rabia é lexítima e necesaria (esixirlle moderación á mocidade mentres lle rouban o futuro é ter moita cara), pero confundir a política coa estética do escaparate roto é un erro infantil de cálculo. Romper un colector nunha noite de furia non desestabiliza o poder: regálalle ao telediario a portada que precisa e á extrema dereita o argumento perfecto.

A xente non quere máis teatro compunxido nin promesas con data de caducidade. Unha esquerda digna non pode conformarse con xestionar o mal menor nin finxir sorpresa ante os monstros que ela mesma axudou a engordar. O cambio non se fai esquecendo dous mandatos de parálise a cambio de dous votos, senón asumindo que sen ir á raíz, a rúa seguirá a arder, a vivenda seguirá a ser un luxo e o diñeiro irase para quen mandou sempre

A verdadeira radicalidade non é saír na televisión rompendo algo, senón construír contrapoder de verdade: pasar da rabecha pasaxeira ao sindicalismo de vivenda que para desafiuzamentos; da protesta de fin de semana á organización no centro de traballo; do choque coa policía á folga de alugueiros e á desobediencia organizada. A extrema dereita non se combate cunha noite de catarse, senón levantando unha hexemonía popular tan sólida que faga impracticable a súa.

E como a amnesia de precampaña nunca vén soa, a vivenda e o pacifismo de pancarta tampouco podían perder a festa. Despois de ver pasar os anos, mentres os fondos voitre facían negocio co noso dereito a ter un teito e os alugueiros afogaban a xente, a esquerda gobernante vén de redescubrir que a vivenda é un dereito. O drama xa non é só que a dereita puxese o chan en poxa; o drama é que a esquerda se limitase a cobrar o IBI sen tocar un só ladrillo do modelo.

Onde xa nos toman por parvos de todo é no terreo internacional. De que vale rabuñar as vestiduras por Gaza e encher a boca coa palabra "paz" se despois, á hora da verdade, entregas o que queda dos saharianos a Marrocos ou asinas sen pestanexar o aumento histórico do gasto militar que che pon a OTAN na mesa? É un espectáculo lamentable: encherse de discurso antibelicista antes das urnas mentres se desvían miles de millóns cara ao armamento, a conta de deixar a sanidade pública en chasis.

Prometer agora parques públicos de vivenda, topes de prezos e pacifismo, tras anos aplicando parches que non lle tocaron un euro aos grandes propietarios nin aos señores da guerra, é un insulto á intelixencia. Anunciar a solución a catro semanas das votacións é o equivalente político a pedir un informe burocrático despois de repartir golpes na rúa: papel mollado para disimular que non se fixo nada.

A xente non quere máis teatro compunxido nin promesas con data de caducidade. Unha esquerda digna non pode conformarse con xestionar o mal menor nin finxir sorpresa ante os monstros que ela mesma axudou a engordar. O cambio non se fai esquecendo dous mandatos de parálise a cambio de dous votos, senón asumindo que sen ir á raíz, a rúa seguirá a arder, a vivenda seguirá a ser un luxo e o diñeiro irase para quen mandou sempre.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.