Lemos que a mina de wolfram de San Finx acaba de ser vendida por Sacyr a unha empresa australiana, Rafaella Resources. Se un para na letra miúda e pescuda un chisco descubrirá que, a efectos prácticos, a venda significa que esa explotación agora non ten dono, concluíndo de paso que o baleiro de propiedade non é un descoido senón un negocio.
Sacyr adquirira a licenza sen intención de explotala, non se dedica a iso. Agora ten outro problema, as galerías están asolagadas por augas contaminadas e non queren luxar a imaxe da súa carteira cunha eventual desfeita ecolóxica
Como explica o documental de Irene Pin, San Finx 1960, nesa data unha balsa de lodos rebentou sospeitosamente provocando a morte virtual do río e a polución con metais pesados na ría de Muros-Noia. Outra balsa, máis grande e ruinosa, segue alí e a concesionaria desenténdese porque di que non é súa, e a Xunta dálles a razón dicindo que será cousa de Augas de Galicia, que cando lle preguntan cala porque lle dá a risa. Tampouco a balsa parece ser de ninguén. O perigo da mina de San Finx ten chegado ao Parlamento Europeo e o Estado Español foi amoestado pola ameaza que supón. Na actualidade estaba pendente de ser sancionada tanto a empresa por acción como a Xunta por omisión, o que pode explicar as presas de Sacyr, o da Xunta xa non se entende.
Se a balsa rebenta, Sacyr non é responsábel porque formalmente vendeu. Rafaella non é responsábel porque mentres as condicións non se cumpran, non hai tal compra.
Sacyr adquirira a licencia sen intención de explotala, non se dedica a iso. Agora ten outro problema, as galerías están asolagadas por augas contaminadas e non queren luxar a imaxe da súa carteira cunha eventual desfeita ecolóxica. Nos últimos anos ordeñáronse as subvencións públicas mareando o conto e a vaca non dá máis de si, a non ser que alguén presente un proxecto novo e volva poñer a maquinaria das axudas en marcha. Nesas estamos.
Rafaella merca pero non pagará (5 míseros millóns) ata que extraia e venda as primeiras mil toneladas de wolfram. Enriba, a adquisición está condicionada a recibir o visto bo ecolóxico para operar e verter ao río, algo incompatíbel co respecto ao medio ambiente e a saúde pública. Se a balsa rebenta, Sacyr non é responsábel porque formalmente vendeu. Rafaella non é responsábel porque mentres as condicións non se cumpran, non hai tal compra.
A minaría galega dos últimos tempos ten riscos comúns: titularidade opaca, sé nas antípodas e base financeira en paraísos fiscais, sen capital propio e cun valor bursátil de céntimos. Hai décadas que parte do capitalismo descubriu a vantaxe de renunciar á actividade material en favor de intanxíbeis: o valor da marca, o control de patentes, a xestión de capitais, licencias, concesións, etc. No caso que nos ocupa, o negocio mineiro non está na extracción e venda de mineral, senón na especulación coas concesións e as axudas públicas, como antes en Corcoesto ou en Touro.
No caso que nos ocupa, o negocio mineiro non está na extracción e venda de mineral, senón na especulación coas concesións e as axudas públicas, como antes en Corcoesto ou en Touro
Todos os implicados saben que nin en San Finx nin en Varilongo se van extraer esas mil toneladas de wolfram, entre outras cousas porque o 83% da produción está en China e a competición en prezos con eles non é rendíbel. Xa nos gustaría que o fose e con garantías ambientais. Isto non implica que as minas non poidan ter rendemento, para Sacyr que xa chuchou e se escaquea, para Rafaella Resources por medio das axudas públicas e para a Xunta que, no seu día da marmota, volverá anunciar a bombo e prato a reactivación do noso tecido industrial cuantificado en postos de traballo directos e indirectos que tras as eleccións se rebaixarán e finalmente quedarán nuns xornais de pala escavadora e perforación depositada nun monte de entullo.
Rafaella Resources, cualificada xa pola prensa galega como empresa experta no sector mineiro, a día de hoxe aínda non extrae unha pedra de wolfram nin doutro mineral en ningún lugar do mundo
Tivemos a curiosidade de ollar varias entrevistas do director executivo de Rafaella Resources, Steven Turner, que acumula unha triple nacionalidade: australiana, británica e canadiana, non é mala carta de presentación. En LinkedIn informa da súa formación financeira e defínese como especialista en captar recursos para desenvolvemento de proxectos e financiación de adquisicións, isto é, un caza subvencións que, oh la lá!, en Madrid traballou para Berkeley enerxía, outro fantasma australiano sen empregados nin capital que promoveu a tamén abortada mina de uranio en Salamanca, o noso Steven sabe como funciona o xogo.
Se queremos alimentar a fantasía, vaiamos preparando o peto. E senón fagamos coma na romaría de San Finx en Cabana, primeiro corrámolos para a casa cun Berro Seco e despois queimemos o santo de pólvora
Rafaella Resources, cualificada xa pola prensa galega como empresa experta no sector mineiro, a día de hoxe aínda non extrae unha pedra de wolfram nin doutro mineral en ningún lugar do mundo. O propio ghichiño recoñece que en Varilongo levan dous anos analizando a viabilidade e para poñer en marcha as explotacións necesitarían reunir o capital, non o teñen. Nos últimos anos perderon parte dos investidores que aseguraban ter, circunstancia que el achaca á pandemia.
Se queremos alimentar a fantasía, vaiamos preparando o peto. E senón fagamos coma na romaría de San Finx en Cabana, primeiro corrámolos para a casa cun Berro Seco e despois queimemos o santo de pólvora.